Xenética Fontao producirá en exclusiva seme sexado en España

A firma galega sela un acordo coa multinacional americana Sexing Technologies, que desprazará a Lugo equipos para o sexado en dous períodos anuais. Fontao producirá un mínimo de 30.000 doses de seme sexado ao ano

Xenética Fontao producirá en exclusiva seme sexado en España

Vista aérea de Xenética Fontao.

Producir seme sexado en España será posible e farase en exclusiva nas instalacións de Xenética Fontao SA a partir do ano 2022, o que supón asegurar a capacidade de produción propia de seme sexado para o sector bovino. Anteriormente, Xenética Fontao (XF) enviaba aos seus touros ao Reino Unido, onde se producían as doses e, aínda que a relación co Reino Unido mantense aberta, a partir do próximo mes de febreiro as doses produciranse en Galicia.

Ao efectuarse o proceso nas instalacións de Xenética Fontao, poderase dispor de seme sexado de todos os touros da sociedade e, por tanto, dunha maior diversidade xenética. A maiores, será posible obter dose sexadas tamén para machos.

Acordo
O proxecto foi posto en marcha fai seis meses polo Consello de Administración da sociedade pública Xenética Fontao SA, no que se integran a representación de Acruga e Fefriga. A iniciativa ponse en marcha ao considerarse polo sector produtivo como de alto interese estratéxico para o seu futuro.

Iniciouse así o proceso de negociación entre os equipos de Xenética Fontao e a multinacional norteamericana Sexing Technologies, propietaria das patentes desta tecnoloxía exclusiva e tecnicamente específica, e, finalmente, o proceso finalizouse esta semana coa firma do contrato entre as partes.

Laboratorio de Xenética Fontao.

Laboratorio de Xenética Fontao.

Xenética Fontao ten aínda que abordar as adaptacións e instalacións técnicas necesarias para o funcionamento do Laboratorio de Sexado, que espera ter finalizadas para finais do mes de outubro.

Os equipos para o sexado, de alto valor económico, desprazaranse a Fontao en dous períodos anuais para a produción dun mínimo de 30.000 dose de seme sexado ao ano e espérase iniciar a produción a principios de febreiro de 2022.

Vantaxes
O seme sexado está a converterse nun produto estratéxico para o sector lácteo, xa que cada vez é máis utilizado na inseminación artificial por razóns de custos de produción, pois nas doses sexadas para a inseminación artificial un 90 % dos espermatozoides seleccionados levan os cromosomas XX, que permiten garantir cunha alta probabilidade a reposición das xeracións seguintes con novillas de alta xenética. Normalmente, en condicións naturais, nacen un 51 % de femias (XX) e un 49 % de machos (XY).

Dispor desta capacidade a nivel local é de singular importancia para o sector. Ademais, o proxecto está aberto á cooperación cos outros centros de inseminación españois e estranxeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información