90 profesionais do sector forestal participan no webinar organizado por PEFC Galicia

90 profesionais do sector forestal participan no webinar organizado por PEFC Galicia

Este martes, 26 de setembro, PEFC GALICIA organizou un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR), que ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sustentables nas cadeas de subministración.

Máis de 90 persoas, principalmente traballadores de empresas forestais galegas, seguiron o webinar no que se analizou o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal galego. No acto de apertura contouse coa intervención de Isabel Puentes, directora da Área de Promoción e Calidade da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), e Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia.

O evento desenvolveuse en módulos diferenciados. No primeiro presentouse a situación actual da certificación forestal PEFC por parte de Ana Belén Noriega, Secretaria Xeral de PEFC España; mentres que no segundo, abordado por Belén Bris, Xefa do Servizo da Propiedade Forestal e Odón López, Xefe do Servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, explicouse o Regulamento de Deforestación da UE, requisitos e o papel da Xunta de Galicia, así como as distintas aplicacións desenvolvidas pola administración que axudarán ao cumprimento da lexislación. No terceiro módulo interviñeron de xeito conxunto Marta Salvador, directora técnica de PEFC España, e Pablo Narváez, responsable de Cadea de Custodia & Desenvolvemento de Marca. Os dous ponentes informaron sobre a Norma PEFC ST 2002:2020 de Cadea de Custodia de produtos forestais e arbóreos, e sobre o Sistema de Dilixencia Debida recollido dentro da propia Norma, contrastando os requisitos actuais coas novas esixencias establecidas no Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR).

Obrigatorio para as pemes e micropemes a partir do 30 de xuño de 2025 e para as grandes empresas a partir de decembro do 2024

O EUDR entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes.

O EUTR quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024.

PEFC xa traballa no estudo e análise do EUDR para identificar, e se fose necesario, incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida da Norma de Cadea de Custodia PEFC, co fin de facilitar o cumprimento da lexislación e a transferencia da información necesaria na cadea de valor.

Un dos elementos crave deste regulamento é a obrigación de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España está a revisar, mediante o proxecto GO BOSQUES 3.0, a Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada e a mellora do buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas.

PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR.

Esta pílula formativa está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. Xunta de Galicia.

O FUTURO É DE MADEIRA

#Galiciaémadeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información