A Plataforma de Enxeñería en Madeira Estrutural (Pemade), da Universidade de Santiago de Compostela, está a colaborar no proxecto Life Wood for Future, unha iniciativa coa que potenciar as plantacións de chopo nas ribeiras fluviais de Granada co obxectivo de producir madeira de calidade. O proxecto, coordinado pola Universidade de Granada, busca recuperar as alamedas de chopos da Veiga de Granada, que ocupan case 160.000 quilómetros cadrados, e que está definida pola conca do río Genil, entre as cidades de Granada e Loja. Nos últimos 20 anos o espazo dedicado a chopos nesta Veiga viuse reducido en gran medida, ó ser substituídos por cultivos agrícolas intensivos.
Coa recuperación deste espazo procuran mitigar os efectos do cambio climático e o secuestro de carbono a longo prazo, xa que as chopeiras teñen unha elevada capacidade de captación de carbono, de ata 31 toneladas por hectárea ó ano. Ademais, a recuperación desta zona tamén contribuiría a mellorar a súa biodiversidade. A aposta pola comercialización dos bioprodutos estruturais é un dos xeitos para logralo. O proxecto pretende tamén dotar ó sector forestal primario da ferramentas que garantan un abastecemento de madeira local sostible á industria.
Reunión en Santiago para coñecer o sector galego
En días pasados, empresarios, investigadores da Universidade de Granada e representantes da Junta de Andalucía mantiveron en Santiago de Compostela un encontro no que tamén participou o vicepresidente económico e consellería de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. A xuntanza incluíase dentro da programación da visita organizada en colaboración con Pemade para dar a coñecer o sector industrial da madeira técnica para a construción co que conta Galicia.
Na xuntanza, Conde destacou que Galicia e Andalucía coinciden en que o futuro do sector forestal pasa por impulsar o desenvolvemento sostible e tecnolóxico de toda a cadea monte-industria e pola colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento, onde as universidades xogan un papel clave. Neste eido, o vicepresidente económico lembrou que a Xunta ultima a nova Axenda da industria forestal-madeira, que prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no período 2022-2024.
Na súa visita, o grupo visitou dúas fábricas centradas na produción de madeira técnica: Xilonor, situada na Coruña e fabricante de solucións industrializadas de madeira contralaminada; e Madeiras Villapol (Lugo), un fabricante de vigas e perfís laminados para uso estrutural e de carpintería de alta calidade. Ademais coñeceron o centro tecnolóxico de Pemade, motor de transferencia da investigación e a innovación entre a Universidade e a empresa.