A Comisión Europea recomenda revisar o estatus de protección do lobo para adaptalo a cada rexión

A Comisión Europea recomenda revisar o estatus de protección do lobo para adaptalo a cada rexión

Unións Agrarias quere amosar a súa conformidade coa decisión da Comisión Europea de recomendar a revisión do estatus de protección do lobo na UE, aínda que nega que esta medida sexa unha “rebaixa da protección” do cánido, xa que quedará igualmente baixo o estatus de especie protexida, aínda que cunha flexibilización das medidas de xestión aplicables, para unha mellor adaptación a cada unha das realidades do territorio dos 23 estadosm membros nos que está presente trala súa expansión e recolonización de territorios rurais nas últimas décadas.

Esta flexibilización e adaptación á problemática específica de cada rexión de cada Estado Membro foi o que demandou Unións Agrarias no seu reporte á propia Comisión Europea entregado o pasado setembro, dentro da ronda de consultas aberta pola propia Comisión para recabar as opinións de distintos axentes sociais do rural e dos sectores agrogandeiros afectados pola expnasión e polo dano directo dos lobos.

De aprobarse a recomendación nos próximos meses polo Consello e o Parlamento Europeo, suporía unha volta á posibilidade da caza da especie baixo determinados supostos, naquelas zonas onde se considere que a caza non é ameaza algunha para a conservación das poboacións locais de lobos, pero que pola contra será positivo para garantir a convivencia do lobo coa gandeiría extensiva, ou evitar a morte xeralizada de cans, ou mesmo limitar situacións de ameazas e ricos de seguridade para as poboacións locais.

Unións Agrarias quere salientar que, a diferencia doutras Comunidades Autónomas, a caza nunca foi o pivote fundamental da política da xestión do lobo en Galicia, aínda que si unha ferramenta útil para resolver conflictos puntuais e situacións de risco para gando, animais domésticos ou persoas. Neste sentido, a organización agraria considera que “é positivo que siga a ser unha das ferramentas de xestión dispoñible para resolver conflictos puntuais nos que estén implicados crecementos descontrolados de mandas ou a existencia de exemplares conflictivos ou perigosos para as explotacións”.

“A conservación do lobo -defenden dende Unións- é unha tarefa de toda a sociedade, e non se pode pretender que caia exclusivamente nas costas das economías familiares de agricultores e gandeiros, que no caso de Galicia, con máis lobos que toda Portugal, Francia, ou Escandinavia, son os que poñen alomenos a metade da dieta dos aproximadamente 800 exemplares censados no ano 2022 con que conta o noso territorio, con ataques ao gando que están a repuntar un 10% este ano 2023 con respecto do ano anterior”. A presión do lobo é especialmente intensa no caso da gandeiría vacún extensiva, e no gando equino, cuxa continuidade está en perigo en moitas das zonas tradicionais de cabalo galego, ante a dificultade de sacar poldros adiante polas mortes e baixas producidas polos ataques do lobo.

Asemade Unións quere chamar a atención sobre o gran número de solicitudes de axudas por danos de lobo que está a rexeitar a Consellería de Medio Ambiente nas últimas convocatorias, “negándose a aplicar o principio da dúbida razoable en favor dos gandeiros con reses que presentan síntomas de morte violenta no campo por ataque de depredadores, esixindo dos afectados unhas formalidades e unha carga de probas que están a impedir a indemnización dos ataques do gando de xeito crecente, xerando un lóxico malestar entre os gandeiros afectados”.

Por último Unións Agrarias reitera que “ninguén no rural galego aboga pola persecución deste animal, nin o seu exterminio, senón por medidas realistas de xestión que permitan asegurar á convivencia das poboacións abundantes de lobos en Galicia, coa gandeiría e a produción de carne de calidad en extensivo, sendo preciso fórmulas nas que sexa o conxunto da sociedade quen solidariamente corra cos gastos da posta en marcha de medidas preventivas e do custe de manter estes animais, xa que non é xusto permitir que siga recaíndo exclusivamente nas costas das explotacións gandeiras de Galicia e dos homes e mulleres que traballan nelas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información