Unións advirte do colapso do teléfono 012 para denunciar danos do xabarín

Unións advirte do colapso do teléfono 012 para denunciar danos do xabarín

Danos do xabarín.

Unións Agrarias demanda da Xunta solucións para o colapso do teléfono 012 de atención e información á cidadanía, “pois está a impedir que os afectados polos danos dos xabarís nos cultivos poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente”.

A organización sinala que os cidadáns que nestes días teñen necesidade de usar o servizo do teléfono 012 para iniciar trámites administrativos estanse a atopar con que o sistema os pon en espera ata que transcorre o tempo máximo e a chamada se cancela, tendo que volver a repetirse as chamadas sen resultado efectivo.

“Isto está a facer que os afectados polos danos da fauna salvaxe que queiran solicitar axudas de indemnización dos danos á Xunta de Galicia non poidan iniciar a tramitación do expediente e se lles cancele o prazo, xa que na propia convocatoria das axudas se sinala que os afectados teñen 72 horas de prazo para dar parte no sistema telefónico de avisos do 012, onde se asigna número de expediente, a visita de inspección de danos polos Axentes Medioambientais, e o inicio do prazo de presentación da solicitude”, apunta Unións.

Ante esta situación, a organización pide que a Xunta de Galicia solvente de xeito inmediato as deficiencias do sistema de asistencia integrada á cidadanía do 012, ou ben habilite un sistema alternativo de comunicación de danos que permita iniciar a tramitación das axudas para pago dos danos do xabaril, dentro dos prazos.

A Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícola, está dotada para o ano 2020 con 2.800.000 euros, contía que cubre aproximadamente un 20% dos danos estimados do xabaril na agricultura, segundo Unións, que cifra os danos totais nuns 15 millóns de euros por campaña de cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información