En días pasados, Unións Agrarias trasladáballe á Consellería de Medio Ambiente un plan piloto de xestión do xabarín no Deza para tentar mitigar os ataques destes animais ós cultivos. Outro claro risco do porco bravo chegará no caso de que se extenda a peste porcina africana, presente xa en granxas de Centroeuropa. A proposta de xestión do xabarín foi elaborada pola empresa Spartana Control Service, asentada en Santa Comba, e especializada tanto na xestión e control de fauna como na divulgación ambiental. Falamos con Manuel Calvo Rey, responsable da firma, para coñecer que xestión se pode facer do xabarín en Galicia na actualidade
Acabades de presentar un plan piloto de control do xabarín no Deza, que melloras aportaría esta proposta?
O modelo que temos agora mesmo estase demostrando, ano a ano, que non funciona, polo que se propón este plan que ofrece unha solución clara, rápida e efectiva a calquera propietario que teña un problema de ataque de xabarín na súa explotación. Este é un proxecto no que xa empezamos a traballar coa campaña de ensilado do millo do ano pasado, comprobando a viabilidade de diferentes métodos.
“Conseguimos xa frear os ataques do xabarín a un campo de trigo de inverno rodeado de monte e sen cultivos á beira”
É un plan para dar cobertura e amosar que se pode facer outra xestión, de maneira que os gandeiros e agricultores poidan seguir a vivir no campo. Trátase dun plan no que queremos que os cazadores sexan tamén unha parte fundamental, colaborando nalgúns dos métodos que utilizamos, como as esperas, pero somos conscientes do limitados que están agora para poder facer fronte ó control do xabarín, por iso o sindicato optou por propoñer a profesionalización do servizo.
En que consiste este plan?
Neste plan piloto, nós seríamos a parte coordinadora da actuación e cos que contactaría o gandeiro logo de sufrir os ataques do xabarín. En menos de 24 horas, desprazamos un técnico á zona para que evalúe os danos e a actuación a realizar nese punto e, en menos de 72 horas, xa se programan medidas para que eses ataques cesen nesa parcela. Hai multitude de métodos, como poden ser as esperas ou métodos non cruentos, con sons ou luces… O que se busca é, cunha combinación de estratexias, disuadir ó animal de ir a esa zona. Xa se fixeron algunhas probas con éxito. Concretamente, conseguimos frear os ataques e que non volvese a un campo de trigo de inverno rodeado completamente por monte e onde non hai máis cultivos á beira.
Cremos que pode ser un plan efectivo, ó ofrecer unha resposta case inmediata. Agora estamos pendentes de que a Consellería o valore e aporte o respaldo económico preciso, xa que é un plan piloto para unha zona coma o Deza, onde os ataques do xabarín lle están causando perdas moi importantes ós agricultores e gandeiros.
Precisamos determinar cantos animais hai para saber se é un problema de sobrepoboación ou se é que están concentrados nunhas áreas
Está chegando á categoría de praga o xabarín en Galicia?
Para poder establecer se o xabarín é a día de hoxe unha praga deberíamos contar cun censo dos animais que hai, e, por agora, non o temos. Esa é outra das cuestións que se contempla neste plan piloto. Precisamos determinar cantos animais hai para saber se é un problema real de sobrepoboación ou se simplemente é que están concentrados nunhas áreas. Inicialmente, polos rexistros que imos tendo, parece que temos unha poboación moi alta, xa nos límites, sobre todo, polos danos que están causando.
Que está a provocar a proliferación destes animais?
Cando falamos de praga temos que ser conscientes de que para que chegara a ser unha praga, moitas veces, a man do ser humano propiciouno dalgún xeito. Moitos problemas dos que estamos tendo co xabarín veñen motivados pola despoboación do rural. Onde antes había hortas e prados, hoxe hai monte e isto provoca que a poboación evolucione de xeito moi positivo, motivada tamén porque son animais moi prolíficos.
“O xabarín adáptase a nós, ó igual que o fixeron as pombas ou as gaivotas, para procurar alimento”
Tamén está influíndo moito a modificación dos hábitats. Antes, as pequenas explotacións facían que houbese variedade de cultivos (millo, remolacha, patacas…), agora moitas comarcas están centradas en monocultivos temporais, como o millo, e os danos nestas colleitas son máis evidentes, ó ser só dun propietario.
Outro dos motivos desta proliferación son as trabas que se están a impoñer ás xestións históricas que se fixeron dende hai moitos anos no rural e que favorecen que tamén aumente. As presións de sectores como os animalistas están volvéndose encima dos gandeiros e agricultores, motivando que deixen de facer un control da fauna.
“Se unha nai ten a súa camada ó lado da A-6, eses porcos non terán medo ós coches porque lévanos escoitando dende os primeiros días de vida”
Cada vez achéganse máis a núcleos urbanos, estase producindo un cambio de conduta nestes animais?
Todos os animais se adaptan, aprenden e evolucionan e os xabaríns tamén o están facendo con novos ecosistemas e novos puntos de alimentación. Se unha nai ten a súa camada ó lado da A-6, o máis seguro é que eses porcos non sintan medo polos coches porque lévanos escoitando dende os primeiros días de vida. En Lugo, hai 20 anos, había hortas á entrada da cidade. Agora hai matogueiras, que son propicias para que haxa xabaríns, e ó mesmo tempo elimináronse puntos de alimento para o xabarín, polo que se mete á cidade na procura de alimento. O xabarín adáptase a nós, ó igual que o fixeron antes as pombas ou as gaivotas, para procurar alimento. Non podemos esquecer iso.
Como se podería mellorar o control desta especie en Galicia?
Na xestión do xabarín aínda non hai nada escrito ó respecto, está todo por facer. A xente que traballamos no control de fauna sempre tratamos de coñecer a etoloxía da especie e no caso do xabarín, imos pouco a pouco aprendendo porque non hai case estudos científicos e rigurosos. O control da especie agora mesmo en Galicia pode facerse con estes plans profesionais, como o que propoñemos, ou con modelos de caza diferentes, pero a única forma real, sen poñer parches, de ter poboacións estables de xabarín e que non supoñan un problema é recuperar o rural.
“En Bélxica botouse man do exército para controlar ós xabaríns ó detectar os casos de peste porcina africana”
Cal é a situación desta especie noutros países?
Toda Europa está afectada polos danos dos xabaríns nas colleitas. Noutros países están traballando do mesmo xeito que nós propoñemos: con sistemas rápidos e que dean solucións efectivas. Hai países que o están facendo mediante pagos ós cazadores ou mesmo hai países como Bélxica onde se chegou a botar man do exército para controlar o xabarín, cando se detectaron casos de peste porcina africana. Temos que ser conscientes de que, se chegan a darse casos de peste porcina africana en Galicia a causa do xabarín, as consecuencias poden ser terribles, dado o gran número de granxas porcinas que hai. Hai países nos que esta situación se lles foi das mans por ceder ás presións dos animalistas e probar métodos como a castración química. En Berlín están a matar xabaríns dentro da cidade, con rifles.
“Moitas veces pénsase que somos exterminadores, pero non podes ser bo xestor de fauna se non amas os animais”
Ademais do xabarín, tedes traballado tamén no control doutro tipo de fauna no agro?
Temos feito xestión de pombas en explotacións e fábricas de penso, controis de gorrións ou accións para a vespa velutina. Tamén temos feito, en zonas de Madrid, controis de poboacións de mapache; e en Castilla colaboramos nun proxecto de reintrodución de especies para a loita biolóxica das toupiñas con curuxas e lagarteiros. Por último, fixemos varios proxectos para o control de colonias felinas ou para a xestión de fauna abandonada.
No rural galego, o que máis facemos é control de pombas e outros animais perxudiciais para explotacións gandeiras, que están a ser un problema importante. Nas granxas facemos actuacións de desratización ou tamén controis doutros animais salvaxes, como pode ser do raposo ou o azor en granxas de galiñas, onde as actuacións son necesarias non só polos danos que poden causar cos ataques, senón polo estrés que provocan nos animais, que no caso das galiñas poden deixar de poñer nos días seguintes. Moitas veces malinterprétase o noso traballo e pénsase que somos exterminadores, pero no noso traballo se non amas os animais e os coñeces nunca podes ser un bo xestor de fauna.
No caso da presenza das pombas en explotacións, que estratexia seguides?
O que se fai é un control poboacional cunha retirada de exemplares, para evitar os problemas que xeran na explotación ó comerlle o penso ós animais. Nas granxas de vacas faise con trampeos con xaulas, xa que as vacas precisan moita tranquilidade e outras estratexias como a caza con aves rapaces, que se pode facer noutras zonas, aquí produce un estrés nos animais. Así, garántese o benestar das vacas e das pombas.
Que se fai despois con estes animais que retirades das explotacións?
Evalúase o estado do animal. No caso dos exemplares que poidan estar enfermos ou ter algunha afección contaxiosa son sacrificados e levados a puntos de incineración, segundo obriga a normativa europea. As aves que están sás, unha vez pasan o proceso de desparasitación e desinfección, sóltanse noutras zonas como poden ser parques naturais, onde se están a reintroducir aves rapaces e para conseguir tamén bandas de pombas que sirvan para fixar a poboación destes depredadores. Estas soltas lévanse a cabo segundo as indicacións da Consellería de Medio Ambiente.
“A recuperación do cabalo galego do monte pode contribuir á xestión das poboacións do lobo e reducir os ataques ás explotacións”
Na vosa faceta divulgativa, tamén organizastes unhas xornadas en Santa Comba centradas no lobo, por que decidistes realizar estas sesións?
Estas xornadas foron mesmo moi criticadas a nivel nacional por grupos máis radicais porque nelas contamos con tódolos actores implicados na xestión do lobo. Foron das primeiras sesións onde participaron, ademais de importantes ecólogos expertos no lobo, así como ecoloxistas, gandeiros que tiveron tamén voz para explicar como lles afecta. Pretendíamos que estas sesións foran un punto de encontro e debate e que uns e outros viran e comprenderan o que implica a presenza do lobo.
Hai quen pide tamén un plan de actuación contra a población do lobo en Galicia, sobre todo polos ataques rexistrados nalgunhas zonas, cal crees que debe ser a liña a seguir co lobo?
É un tema complicado pero nestas xornadas propúxose unha medida que pode contribuir á xestión, que pasa pola recuperación dos cabalos galegos de monte porque poden axudar a reducir os ataques á cabaña gandeira. Ademais a introdución destes cabalos contribúe tamén a manter limpos os montes e reducir os incendios. Pero iso tamén implica, de novo, que non se deixe abandonar o rural. Tamén a colocación de peches ou medidas de proteción poden ser alternativas que poden resultar acertadas para algunhas explotacións.