Unha delegación galega coñece iniciativas agroalimenterias contra o cambio climático en Romanía

Técnicos galegos da Consellería, a Agacal e a EFA Fonteboa visitan o país dos Cárpatos dentro do proxecto CliCK on T, unha alianza estratéxica europea para o intercambio de boas prácticas ambientais

Participantes de distintos países europeos puxeron en común en Bucarest as súas estratexias para a concienciación social sobre o cambio climático

Participantes de distintos países europeos puxeron en común en Bucarest as súas estratexias sobre o cambio climático

Unha delegación de técnicos galegos, formada por Constante Lorenzo, enxeñeiro agrónomo e profesor no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco; Marcos Barreiro, xefe do Servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural; e Ramón Lamelo, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), visitaron recentemente Romanía para participar no proxecto europeo CliCK on T, unha iniciativa de intercambio de experiencias sobre boas prácticas para a reducción do cambio climático e a concienciación social neste eido. 

Galicia aporta, dentro desta iniciativa multidisciplinar, a parte relativa á produción de alimentos. Falamos con eles sobre as súas impresións da viaxe, na que coñeceron distintos proxectos ecosostibles postos en marcha no país dos Cárpatos, sobre a súa participación no proxecto e sobre as medidas que desde a Xunta de Galicia se están a poñer en marcha para reducir a pegada ambiental das explotacións agrogandeiras galegas. 

“A min o que me permitiu o proxecto Click on T foi conectar coas preocupacións sobre o cambio climático que hai noutras zonas de Europa e relacionalo co meu traballo, de forma que eu podo trasladar esas preocupacións ao meu ámbito laboral, que no meu caso é o da agricultura e máis concretamente o da produción ecolóxica. É dicir, trasladar aos operadores ecolóxicos como eles poden ser uns axentes para loitar contra o cambio climático mediante as súas prácticas e que iso lles sirva tamén para conectar co consumidor”, explica Ramón Lamelo. 

É necesario que o productor ecolóxico teña unhas boas prácticas sostibles e que o consumidor o valore

“O proxecto que me pareceu máis interesante dos que coñecimos alá foi un proxecto vinculado á reciclaxe de ordenadores e de material téxtil de desfeito procedente de feiras, non polo feito de reciclar ordenadores senón pola dimensión que acadou, cun gran impacto social”, conta. 

“Gustoume tamén a visita a unha iniciativa arredor dunha passivhaus, unha casa climaticamente neutra construida para loitar contra o quecemento global, mediante a cal lograron construír toda unha serie de accións de sensibilización social nun proxecto vencellado a unha baixa pegada de carbono”, engade.

Fomento da agricultura ecolóxica a través da PAC 

“Toda a Política Agraria Común para o novo periodo 2023-2027 está vencellada a estes obxectivos de mitigación do cambio climático”, asegura Ramón Lamelo, que anima aos produtores galegos a aproveitar esta oportunidade. “Creo que é fundamental como os agricultores e gandeiros poden darlle valor aos seus produtos neste eido. Todos os gandeiros e moitos agricultores fan prácticas ambientais beneficiosas que mitigan o quecemento global, pero moitas veces non son conscientes diso. Eu poñería o exemplo dos apicultores. Un produtor de mel que non move as colmeas, como se fai tradicionalmente en Galicia, é moito máis sostible que un que fai trashumancia. E poderiamos escoller moitísimos outros exemplos e o que hai é que ver na explotación que cousas estás facendo ben e poñelas en valor tentando transformalas nun maior beneficio económico”, defende.  

A produción de produtos tradicionais con distintivos de calidade leva aparellado normalmente o consumo de baixos imputs externos alleos á explotación

“No meu departamento traballamos na promoción dos produtos ecolóxicos galegos con distintivo de calidade. Moitos destes produtos están vencellados a unha área xeográfica concreta e todo o que sexa consumo local é un consumo de baixo impacto de carbono, ademais de que a produción de produtos tradicionais leva aparellado normalmente o consumo de baixos imputs externos alleos á explotación”, indica. 

“A sensibilidade ambiental está extendida polo conxunto de países da Unión Europea, incluso en aqueles con menor desenvolvemento económico”

Marcos Barreiro González é xefe do Servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. Destaca que a procupación social polo medio ambiente avanza na UE e que as axudas de recuperación trala covid-19 están focalizadas cara a esta transición verde da economía europea.

Por iso, di, os agricultores e gandeiros galegos teñen que aproveitar as novas axudas que van saír en materia de eficiencia enerxética, dixitalización e xestión de xurros e estercos para adaptar as súas prácticas e converterse tamén en axentes que contribúan a frear o cambio climático. 

– Que che aporta o proxecto CliCK on T na túa formación persoal?
– Persoalmente é moi enriquecedor participar neste proxecto, dende varios puntos de vista. Por unha banda, síntome moi identificado co tema principal de CliCK on T, que se encadra dentro da defensa do medio medioambiente. Estou convencido da necesidade de acelerar as accións para reducir a pegada de carbono e conseguir a sostibilidade das actividades humanas en xeral.

O sector primario debe seguir a traballar nas melloras ambientais pola demanda dos consumidores e para adiantarse ás futuras normas que se están a tramitar

Ademais, o contacto directo con persoas e iniciativas ambientais doutros países amosoume que a sensibilidade ambiental está extendida polo conxunto de países da Unión Europea, incluso en aqueles con menor desenvolvemento económico ca España, como Romanía ou Polonia. Estas experiencias tamén serven para desmontar as opinións preconcevidas sobre rexións pouco coñecidas da Unión.

Finalmente, quedoume clara a necesidade de potenciar a colaboración entre persoas de distintos ámbitos e nacionalidades, como un xeito eficaz de mellorar a eficiencia das actuacións individuais das rexións e dos países.

– Que iniciativas coñeciches en Romanía que poden ser interesantes para o noso rural galego?
– A parte española deste proxecto está centrada no sector primario, pero o resto de participantes son doutros ámbitos. Hai enxeñeiros ambientais, químicos, físicos, profesores de universidade, etc. As iniciativas que coñecemos en Romanía foron organizadas por Silvia Petre, que forma parte dunha organización non gubernamental sen ánimo de lucro chamada Pro Xpert. Esta organización adícase á formación tecnolóxica, cívica, ambiental e de integración de adultos.

En Romanía visitamos unha planta de reciclaxe de aparellos electrónicos, na que traballan persoas desfavorecidas e que produce miles de ordenadores operativos de segunda man, que posteriormente se distribúen entre escolares sen recursos.

Tamén estivemos en dúas organizacións ambientalistas, que tentan mellorar a concienciación sobre o cambio climático entre a poboación local. Unha delas estaba nun local do centro de Bucarest e outra na parte rural da cidade, nunha construción tipo passivhaus.

Porén, eu destacaría unha asociación ambiental de mozos que deron a coñecer os participantes italianos. Esta asociación estaba dirixida polos propios mozos sen participación de institucións públicas ou privadas, e que polo tanto nacía da propia concienciación ambiental destes rapaces. Penso que este é un exemplo de asociación desexable en calquera ámbito da sociedade galega.

– O cambio climático é unha realidade. Que políticas da Consellería favorecen a redución de emisións de CO2 ou mitigan o efecto do cambio climático?
– A Consellería do Medio Rural está a aplicar ou implementar diversas medidas que reducen, directa ou indirectamente, os efectos do cambio climático. En breve serán publicadas no DOG varias axudas dos fondos Next Generation da UE, entre as que eu destacaría as relativas á xestión de xurros e estercos, as de mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias e as de agricultura de precisión.

En breve serán publicadas no DOG varias axudas dos fondos Next Generation da UE para a xestión de xurros e estercos, mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias e agricultura de precisión

As axudas de xestión de xurros e estercos financian actuacións que reducen as emisións de metano (fosas pechadas, etc). Cómpre lembrar que é un gas con moito maior efecto invernadoiro que o dióxido de carbono. As axudas de eficiencia enerxética, ademais da actuacións de illamento térmico, susbstitución de maquinaria por outra máis eficiente, etc, tamén inclúen sistemas de produción de biogás. En canto ás axudas de agricultura de precisión, é evidente que este tipo de agricultura permite aproveitar os recursos propios en maior medida que os procedementos convencionais, e redunda unha menor pegada de carbono. Esta última axuda financia tamén a dixitalización da produción (software, sensores de temperatura ou doutros parámetros, etc).

Outras actuacións son as do plan de pastoreo, que permiten crear pasteiros en montes veciñais en man común. Á vez que se loita contra os lumes forestais, as explotacións dispoñen de maior superficie para aumentar o seu grao de autoabastecemento, e polo tanto reducir o consumo de alimentos externos á explotación. Tamén cómpre citar as axudas dos plans de mellora, nas que se financian os sistemas de aplicación de xurros de baixas emisións de metano; o matadoiro móbil, que optimizará o transporte de gando e redundará nunha menor pegada de carbono por animal sacrificado; a marca Leite de Pastoreo de Galicia, creada pola Consellería para favorecer o pastoreo no sector lácteo; o proxecto de lonxa dixital, etc.

– A loita contra o cambio climático dos gandeiros e agricultores pode dar valor aos seus produtos?
– Estou convencido diso. O consumidor quere produtos sans e con boas características organolépticas, pero xa hai tempo que ademais demanda produtos respectuosos co medio ambiente. Actualmente, moitos gandeiros desenvolven actuacións que loitan contra o cambio climático. Por exemplo, reducen o consumo de enerxía convencional, tanto pola mellora da eficiencia dos equipos, maquinaria e instalacións como pola aposta por sistemas fotovoltaicos ou eólicos de xeración de electricidade.

Está demostrada a menor produción de metano dos animais en pastoreo en relación aos estabulados

Outra das actuacións é a actividade de pastoreo dos animais. Está demostrada a menor produción de metano dos animais en pastoreo en relación aos estabulados. Así mesmo, os solos agrarios de Galicia adoitan dispoñer dunha porcentaxe de materia orgánica moi superior á do resto de España, e polo tanto, contribúen á fixación do carbono.

Por outra banda, hai varios proxectos de normativas sectoriais a nivel estatal, que afondan nas actuacións de sostibilidade ambiental, como son o uso das denominadas mellores técnicas dispoñibles (MTD). Eu destacaría o Real decreto de ordenación do sector vacún e o Real decreto de nutrición sostible dos solos agrarios.

En resumo, o sector primario debe seguir a traballar nas melloras ambientais pola demanda dos consumidores e para adiantarse ás futuras normas que se están a tramitar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información