As EFA de Galicia celebran o seu 50 aniversario e para festexar esta efeméride organizarán un evento conmemorativo este xoves no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.
En Galicia hai tres Centros de Promoción Rural – EFA: A Cancela (As Neves-Pontevedra), Piñeiral (Arzúa-A Coruña) e Fonteboa (Coristanco-A Coruña), que ao longo destes 50 anos formaron a uns 7.000 alumnos en ensinanzas regradas e a uns 10.000 en formación non regrada, colaborando con máis de 2.500 empresas.
Unha das persoas clave do impulso da actividade das EFA en Galicia é Luis García Fernández (Murias; Aller, Asturias; 1958), director do Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa, en Coristanco. Conversamos con el sobre as claves da oferta formativa nestes centros e a súa visión do presente e do futuro do rural galego.
-Os Centros de Promoción Rural – Escolas Familiares Agrarias de Galicia cumpren 50 anos. ¿Que importancia ten para vós celebrar este medio século de actividade en Galicia?
Cincuenta anos na vida das EFA de Galicia é un fito importante polo proxecto de formación – desenvolvemento que aporta o modelo educativo e polas profundas transformacións do medio rural galego nas pasadas décadas. As EFA en Galicia empezan a primeiros dos 70 cunha precariedade de medios manifesta, pero coas ideas claras do que debería ser un proxecto educativo diferente para a mocidade do rural. Tratábase de formarse, non para marchar do rural, sinón para quedarse, un tanto paradóxico na mentalidade da época.
A celebración dos 50 anos debe servir para tres cousas: en primeiro lugar para rendir contas á sociedade en xeral e á sociedade rural en particular; en segundo lugar, para agradecer a todas as persoas e institucións que apoiaron o arranque inicial e o mantemento posterior, e en terceiro lugar a celebración do 50 aniversario debe servir para trazar a liña do futuro, adaptándose ás circunstancias do momento, pero mantendo os principios e fins institucionais
-Tes longa experiencia polo teu traballo na EFA Fonteboa ¿Que vos levou no seu momento a elixir o rural galego para facer chegar o labor das EFA? ¿Cal era o voso referente de desenvolvemento rural naquel momento?
Os promotores das EFA, a finais dos anos 60, a través de Cifasa (Centro de Iniciativas para a formación agraria) establecían acordos coas entidades que tiñan sensibilidade pola educación e polo desenvolvemento rural (Obras Sociais das Caixas de Aforros, fundacións, entidades públicas…) e arrancábase coa actividade nos diversos lugares da xeografía española.
Fonteboa empeza a súa actividade en 1975 como centro de Formación Profesional de 1º grao na rama agraria, especialidade agropecuaria, grazas a un acordo coa Deputación Provincial da Coruña. Os primeiros 5 anos foron nunhas instalacións provisionais, nun edificio do centro de Coristanco. En 1981 trasládase a actividade á sede actual, o cal permitiur medrar en canto a oferta formativa e actividades.
E no persoal, xa imos acumulando decenios de experiencia e de aprendizaxe continua, pois traballar nun proxecto que ten como finalidade “a promoción do medio rural a través da formación das persoas” esixe implicación, paixón, coñecemento e aprendizaxe continua. Empecéi a traballar en Fonteboa a mediados dos 80, cando había tanto por desenvolver e a través dun imprescindible traballo en equipo conseguimos establecer a dinámica de traballo de Centro de Promoción Rural – EFA, trascender do esquema de ensinanza regrada e á vez reforzar a labor do centro educativo como un proxecto educativo diferente para o desenvolvemento rural.
-Que é o que diferencia a formación que se imparte nas EFA de Galicia e no caso da EFA Fonteboa en concreto?
A proposta das EFA de Galicia é un proxecto educativo cos pés na terra, isto é, no territorio, baseado na realidade das áreas rurais e as súas potencialidades para favorecer o desenvolvemento económico e a cohesión social.
“A proposta das EFA de Galicia é un proxecto educativo cos pés na terra”
Os docentes das EFA, como coñecedores do medio do que procede o alumnado, procuran orientar de xeito adecuado a cada alumno para propiciar unha aprendizaxe significativa e constructiva que permita a adquisición de coñecementos, habilidades e destrezas que axuden á inserción profesional
-Nestes 50 anos experimentastes os profundos cambios no rural galego, como son a especialización produtiva, o declive da economía agraria de autosuficiencia e tamén o abondono e o despoboamento. ¿Como vos afectou este proceso ás EFA de Galicia e que leccións cres que se deberíamos sacar de cara a manter a actividade económica e a poboación no rural? É certo, houbo cambios profundos, pasamos dun modelo de economía agraria, en moitos casos de subsistencia, a outro modelo industrial, nun marco de economía global. Era necesaria esta reconversión, pero tal vez faltaron políticas máis integradas e ao mesmo tempo máis ambiciosas, pero hai que recoñecer que non é facil. Desde 1986, ano de incorporación á Unión Europea, tivemos que aplicar políticas que noutros países levaban anos “cociñando” e xa se sabe que determinadas políticas, igual que os bos pratos, deben facerse a lume lento.
Nestas décadas houbo unha redución drástica do número de explotacións agrarias, que era necesaria pero tal vez nos pasamos de freada, pois considero fundamental manter a actividade agraria nas zonas rurais polo rol estratéxico da mesma e polo emprego indirecto que dela se deriva. E para acometer proxectos empresariais, integrados na economía de mercado, precisamos formación adaptada ás esixencias da sociedade actual, unha formación, técnica, empresarial, pero tamén humanística, ancorada na cultura rural, que ten moitas cosas positivas que demandan unha posta en valor, ver o rural en positivo.
“Hai que pasar dunha visión do rural pesimista a unha visión proactiva, dinamizadora”
-Falades dende as EFA de que non hai “territorios sen futuro, senón territorios sen proxecto”. Explícate.…Hai que pasar da visión pesimista a unha visión proactiva, dinamizadora. Desde a formación temos que transmitir ilusión, presentar proxectos cribles, de emprendemento, capaces de establecer iniciativas que desencadeen proxectos de territorio. Nos primeiros anos de UE falábase de desenvolvemento agrario, nos anos 80, de desenvolvemento rural e hoxe a perspectiva é desenvolvemento territorial. No rural galego hai parroquias moi dinámicas e outras cunha situación máis lánguida; nas primeiras houbo emprendemento, auspiciado pola formación e a experiencia, que conseguiron crear un sistema productivo local e un futuro. Hai moito que facer pois é un proceso continuo que se retroalimenta.
Cales serían para ti os países ou rexións referentes en desenvolvemento rural e por qué? E no caso galego?
En tódolos países podemos atopar referentes, pero temos que fixarnos naqueles máis próximos á nosa cultura. En Fonteboa levamos máis de trinta anos cun fluxo permanente de intercambios con diversas rexións de Francia (Bretaña, Pais do Loira, Normandía e Aquitania, principalmente) e temos moito aprendido en canto a sistemas de produción, organización do territorio, resposta ás demandas da sociedade na conxuntura actual, adaptación ás directivas da política de UE.
En Galicia temos tamén casos moi interesantes de emprendemento e innovación rural nas diversas actividades do sector agrario, pois temos concellos punteiros na produción láctea, outros na horticultura, outros no forestal, etc. Pero en todos eles hai marxe para a mellora continua e a innovación para detraer máis valor engadido á actividade produtiva.
-Que destacarías do perfil do alumnado -procedencia, motivacións…..taxa de empregabilidade posterior- que se forma nas EFA de Galicia, e na de Fonteboa en concreto?
O perfil do alumnado que accede aos estudos de Formación Porofesional debe ser adquirir unha formación para acceder a unha ocupación concreta, ben como asalariado cualificado ou ben como empresario.
Se traballas con persoas que teñen as ideas claras do seu proxecto profesional sube o nivel e obríganos a poñer os medios para dar resposta ás súas demandas.
Sobre a empregabilidade, temos que saber para qué formamos, analizar o grao de inserción do alumnado que remata a formación, saber qué demandan as empresas: xente formada, con aptitudes e actitudes, con ganas de traballar e ganas de aprender. As estadías profesionais que levan a cabo durante os anos de formación teñen ese obxectivo: competencias profesionais e habilidades sociais a través da experiencia.
-Que demandas de formación e de habilidades reclama a sociedade e o mercado aos profesionais do sector agrogandeiro e forestal do futuro?
Procuramos estár á escoita. Un docente de calquera Centro de Promoción Rural – EFA debe coñecer moi ben o medio no que estamos, estar moi en contacto cos profesionais para propiciar que poidan participar en actividades de formación cos alumnos. Cada ano en Fonteboa pasan varios centos de profesionais que aportan a súa experiencia e coñecementos aos alumnos e aos profesores.
-Dende o teu punto de vista, cales serían os principais obstáculos que frean o desenvolvemento do rural en Galicia, entendido como creación de riqueza e emprego que queden no rural? E as vantaxes competitivas das que dispomos?
Sobre as vantaxes competitivas destacaría a riqueza dos solos e o clima favorable para prácticamente todo tipo de produción. Tamén destacaría a cultura emprendedora, pois houbo moita emigración e o feito de emigrar é un xeito de emprender.
“O principal obstáculo ao desenvolvemento do rural galego é a falta de ordenación do territorio e certo complexo de inferioridade respecto ao mundo urbano”
E en canto aos obstáculos que frean temos a rémora da falta de ordenación do territorio e, en determinados casos, certo complexo de inferioridade respecto á sociedade e os modos de vida urbanos. Por iso é importante traballar a autoestima, o arraigo territorial e o sentemento de pertenza, sen caer no chauvinismo.
-Diversos estudos coinciden en que a masculinización do sector agrogandeiro é un importante freo para o relevo xeneracional, xa que en definitiva a actividade propfesional insírese dentro dun plan de vida. Detectades tamén este problema? Que pasos deberíamos dar para intentar corrixilo?
É certo, a muller ten un papel moi importante no rural, pois a súa permanencia no rural contribúe a crear tecido social. Tradicionalmente a muller que casaba para unha casa agraria o seu futuro quedaba ligado de xeito inexorable á actividade agraria. Pero nos últimos anos as cousas foron evolucionando e o aumento de estutura produtiva das granxas permitiu xerar empregos máis adaptados ás súas necesidades de conciliación, expectativas profesionais, e en definitiva, a súa realización como persoa.
-No plano persoal, a túa vida profesional estivo adicada ao proxecto da EFA Fonteboa. Que destacarías desta experiencia vital?
Por formación eu procedía do ámbito da Educación e cando empecéi a traballar nas EFA pareceume un proxecto educativo moi innovador, na liña das modernas teorías da educación: atención personalizada, coñecemento do entorno do alumno coma fonte de aprendizaxe e motivación, formación integral, as actividades fóra da aula, etc.
Co tempo vas ampliando a túa perspectiva e pensas nun marco de inserción profesional e a importancia que pode ter esa persoa con formación no desenvolvemento territorial. Traballar en educación é esixente, pero ao mesmo tempo moi gratificante.
-Podes avanzarnos algo do que nos agarda no evento do día 22 en Santiago de Compostela?
Pretendemos de maneira sucinta presentar o balance destes 50 anos, presentar, a través dunha mesa redonda, o impacto do alumnado no seu territorio e esbozar as liñas mestras da formación en alternancia para establecer o marco da acción pedagóxica.