O salón de viños internacional Prowein celebra dende onte luns unha nova edición neste 2024 coa presenza de 16 adegas galegas en representación das cinco Denominacións de Orixe galegas, facéndose oco nesta cita internacional. Esta edición desenvolverase ata mañá na cidade alemá de Düsseldorf, cun programa deseñado pola Xunta de Galicia para impulsar a repercusión comercial da delegación galega.
Hoxe continuarán desenvolvéndose as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, deseñadas co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza da comunidade nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos.
Durante a xornada de onte, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, asistiron á feira para dar o seu respaldo institucional. Nesta cita “é vital estar nesta feira todos xuntos, facendo referencia ao noso territorio. Porque ademais de traballar para seguir potenciando o cultivo de viñedo, recuperar zonas históricas, seguir crecendo en termos de produción e facturación… apostamos por converter Galicia nun referente do turismo enolóxico, e captar a visitantes a través de todo o bo que estamos a facer no territorio”, remarcou o conselleiro.
Ademais de estar no espazo de Galicia, o conselleiro José González visitou os ‘stands’ doutras comunidades autónomas con presenza en ProWein, como A Rioxa, Valencia ou Murcia, definindo a presenza da Xunta nesta “feira referencial para o sector a nivel global” coma “un exemplo máis do potente compromiso da Xunta co viño galego, e que vai a máis”, sinalou.
Así mesmo, no contexto desta cita o titular do Medio Rural fixo referencia “a concesión de 11,5 millóns de euros na convocatoria do 2023 para mellorar a competitividade do sector”, e do mesmo xeito fixo referencia do enclave estratéxico que supón o viño galego.
Neste contexto, “o Consello da Xunta deu conta de razón a semana pasada da resolución anual da liña de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (6,5 millóns) e de promoción en terceiros países (1millón). E o pasado 16 de febreiro publicouse no DOG a resolución da liña anual para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con outros 4 millóns de euros”, aproveitaron para sinalar desde a Consellería.