A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistra esta semana subas en boa parte das categorías do vacún, en especial nos becerros de recría de cruces e no gando maior, onde ademais se acadou un prezo máximo para unha vaca, vendida por 7.139 euros.
Nas mesas de cotizacións do porcino mantéñense estables os prezos do porco cebado, pero houbo unha baixada nos leitóns. Tamén o mercado do ovo experimentou unha redución do valor en case tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Prezos do vacún
Os becerros de recría frisoa foron das excepcións, con baixadas nalgunhas categorías. Os machos máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un valor de 138 euros (27 euros menos). Nos animais de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 6 euros, ata situarse nos 185 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o prezo medio estivo nos 182 euros, o que amosa unha baixada de 34 euros.
Na recría de cruces industriais houbo subas en tódalas seccións. Os becerros máis novos tiveron un incremento de 46 euros de xeito que teñen un prezo medio de 392 euros. As femias desta idade incrementaron o seu valor en 15 euros e quedaron nos 287 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días sumaron 20 euros con respecto da semana pasada e tiveron un prezo medio de 424 euros. Nas femias houbo un incremento de 7 euros e teñen un valor de referencia de 317 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos cotízanse a 578 euros, logo dunha suba de 58 euros. As femias incrementaron o seu valor en 43 euros ata os 421 euros.
Nos animais de cebo, os becerros frisóns tiveron un valor medio de 895 euros, o que supón un incremento de 112 euros con respecto da semana pasada. Nos becerros de cruces industriais, o prezo medio de cotización acadou os 1.199 euros, é dicir 6 máis que na sesión anterior. As femias desta categoría sumaron 12 euros e están a 1.041 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos tiveron un prezo medio de 1.280 euros (123 euros menos) e as femias descontaron 98 euros, ata quedar nos 1.049 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema, o valor de referencia foi de 1.161 euros, o que supón unha baixada de 38 euros con respecto da semana pasada.
No vacún maior houbo subas en tódalas seccións de gando. Os animais da categoría extra teñen un valor medio de 2.120 euros, cunha suba de 65 euros. As vacas de primeira sitúanse nos 1.183 euros, logo dunha suba de 45 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio incrementouse en 14 euros e acada os 738 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 498 euros, o que amosa un incremento de 89 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, esta semana o valor medio de referencia foi de 2.687 euros (+420 euros).
Baixada dos prezos dos leitóns
As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero os leitóns acusaron unha baixada de 2 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 102 euros (cun prezo de 5,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 97 euros e cun prezo por quilo de 4,85 euros.
Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.
O mercado do ovo tamén experimentou esta semana unha baixada de 0,02 euros en case tódalas categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, a baixada do prezo deixa os da L a 2,71 euros a ducia, os ovos da M a 2,35 euros e os da S páganse a 2,10 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).