Uces dos montes galegos que tornan do sol no Levante

José Cabo leva 20 anos desbrozando os montes galegos para obter uces coas que se elaboran parasois, peches e cubertas. É un aproveitamento que non coñece a crise e que á par funciona como prevención contra os lumes

Publicidade
Uces dos montes galegos que tornan do sol no Levante

José Cabo, no obradoiro onde cosen as uces, situado en Santiso (A Coruña).

“Moitos ven agora un problema en ter que manter os montes limpos, pero hai moitas formas de aproveitar os nosos montes”, explica José Cabo Castiñeira, que leva 20 anos sabendo obter do monte un rendemento. El decidiu apostar polas uces, que forman boa parte do mato que cobre os montes galegos. Con elas elabóranse diferentes produtos, como cubertas para os tornasois das praias do Levante, peches de xardíns ou cubertas para pallozas e cenadores.

Coñeceu os traballos con uces hai 20 anos na Semana Verde e dende aquela recólleas nos montes galegos

Cabo achegouse a este negocio logo de descubrilo de man dun produtor que expuña na Semana Verde e non deixou pasar a oportunidade. Dende aquela, recolecta uces baixo o selo Galibrezo para a súa comercialización, ben sexa directamente ou tras un pequeno proceso de cosido ó que as somete no seu obradoiro.

Só determinadas uces

“Das tres variedades que temos nestes montes, nós centrámonos nas uces sen flor e nas que teñen a flor lila”, explica Cabo. “Na uz branca, a raíz úsase moito para facer pipas de fumar. A min insistíronme moito nunha fábrica de Valencia para que llas mandase, pero non damos feito xa con isto e non quixemos meternos tamén niso”, recorda Cabo.

Galibrezo recolle e vende as uces durante todo o ano. “Antes había unha campaña específica, pero agora traballase case todo o ano”, comenta, aínda que o período de produción concéntrase nos meses de marzo a outubro. A época de floración da planta condiciona e interrompe a súa recolección, xa que con flor redúcese a calidade do produto final. Ademais, evitan cortar a uz branca porque as súas ramas adoitan ser mais torcidas, algo que “tamén lle pasa á de flores lila. Por iso hai que cortala nova para evitalo”, puntualiza.

corte-das-uces-

A corta das uces faise con desbrozadoras de man.

A recolleita

A corta de uces no monte faise con desbrozadoras de man. É un proceso no que, dependendo da tempada, adoitan traballar 4 ou 5 persoas. Unha vez cortadas, as uces colócanse en mollos “como os que se facían antigamente co trigo, pero neste caso de uz”, detalla Cabo. Ademais, tamén se suman as que recolectan os particulares e que merca por mollo.

Comercializa a uz directamente logo de cortala nos montes ou en rolos despois de cosela con arame

Boa parte da súa produción envíase xa directamente ós compradores, sen máis transformación. O resto das uces sométese a un pequeno proceso nun obradoiro situado no concello de Santiso (A Coruña) onde adoitan traballar dúas persoas case todo o ano. Alí faise un procedemento mecánico de cosido das uces cun arame por medio de dúas máquinas que recordan un tear. O resultado é unha especie de tapiz que se emprega, sobre todo, nos peches de xardíns. É aquí onde se nota a diferenza no emprego das uces dun tipo ou outro, xa que canto máis rectas sexan, permitirán uns resultados mellores. “O importante é conseguir un bo grosor, que oculte o máximo posible, preto do 95%, aí está a diferencia da nosa calidade”, explica Cabo.

A tela de uces comercialízase logo en rolos de diferentes medidas que van dende 0,50 centímetros a unha altura máxima de dous metros. Todos eles teñen unha lonxitude de 3 metros, aínda que tamén elaboran algúns a medida. O prezo sitúase arredor dos 5 euros por metro cadrado.

Entre outros usos, as uces destínanse a confeccionar parasois.

Entre outros usos, as uces destínanse a confeccionar parasois.

Produto natural e de calidade

“A calidade do produto é o que nos fixo manternos todo este tempo”, concreta Cabo, que recorda, ademais, que a boa fama da que gozan os produtos galegos fóra de Galicia tenlle axudado ó longo destes anos. “Moitos particulares doutros puntos de España chaman para que lle enviemos as uces directamente, entón indícolles os puntos máis próximos onde as poden mercar, pero moitos quérenas directamente dende Galicia, aínda que teñan que asumir os portes”, apunta.

As uces non son sometidas a tratamentos químicos e mantéñense en perfectas condicións preto de 14 anos en exteriores

As uces son recollidas dos montes e empregadas para diferentes usos sen someterse a ningún tipo de tratamento químico. “Son totalmente ecolóxicas”, sentenza. Sen ningún tipo de conservante, as uces aguantan en exteriores entre 13 ou 14 anos.

Na procura de uces

Cabo leva percorrido boa parte dos montes de Galicia na procura de uces de calidade que se axeiten para a comercialización, xa que deben rotarse as zonas de extracción, posto que as uces tardan entre 3 ou 4 anos en volver medrar, tal e como explica. Unha vez ten localizada unha zona na que haxa unha cantidade axeitada de uces, é quenda de pedirllas ós propietarios dos montes. Se se trata de espazos incluídos na Rede Natura, previamente deberán presentar un proxecto das labores de extracción que van realizar.

“Falamos con todos os veciños antes de comezar a traballar”, concreta. “Hai lugares onde teñen máis dúbidas de se deixarchas sacar por desconfianzas, pero outros aínda che piden que volvas, porque nós axudamos a que o monte estea algo máis limpo ó desbrozalas. Contribúese a evitar lumes e os cazadores veno tamén con bos ollos porque é un xeito de que o monte non estea con leña moi alta”, explica.

camion-

O transporte das uces adoita facerse en grandes vehículos.

Gran demanda

“Todo canto deamos feito está todo vendido”, sentenza Cabo. Recoñece ademais que é un sector que non notou a crise. A súa produción, nos meses de maior intensidade, ronda os 1.500 mollos á semana. Boa parte da demanda en Galicia concéntrase nos meses de verán, porén a partir de setembro medran as peticións dende Madrid, o principal destino das uces que comercializa sen coser, xunto co Levante. Boa parte destas uces destínanse á elaboración de parasois.

Cabo recoñece que en máis dunha ocasión tivo oportunidade de comerciar tamén con Cataluña, un dos principais mercados deste produto e o ano pasado incluso tivo unha oferta dunha multinacional francesa para envialas para Rusia, pero decidiu centrarse nos mercados cos que xa traballa.

Galería de imaxes

 

“Levo tempo querendo poñer en marcha unha cooperativa de traballo asociado”

Xunto coas uces e o bar que rexenta en Melide (A Coruña), José Cabo leva tempo traballando para poñer en marcha unha cooperativa de traballo social para traballar no monte. É un proxecto no que está ilusionado e conta poder sacar adiante. “En Galicia hai moitas alternativas no campo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información