Conchi Docampo, unha agricultura en ecolóxico de Vedra (A Coruña) incorporada no 2014, é unha das persoas que obtivo recentemente a devolución dos impostos que Facenda lle cobrou de xeito indebido pola súa axuda de incorporación. O seu caso, igual que outros que trascenderon nas últimas semanas, foi resolto o seu favor polo Tribunal Económico – Administrativo de Galicia. Tódalas persoas incorporadas do 2014 ó 2018 con axudas públicas terán que presentar os correspondentes recursos ante este Tribunal para solicitar tamén que se lles devolvan parte dos impostos pagados.
É a situación na que se atopa Sonia Vidal, gandeira de vacún de carne en Xunqueira de Ambía (Ourense) e coordinadora de Mocidade no Sindicato Labrego Galego. Sonia incorporouse no 2017 cunha axuda de 25.000 euros e tivo que pagar 7.000 de impostos de Facenda. “Ata agora tiñas que asumir como normal algo inxusto, como era o feito de que Facenda se levase o 30% da túa axuda de incorporación. Eu xa nunca contara cos 25.000 euros, sabía que me pasaría coma á maioría, que tiñan que pagar de media uns 7.000 – 9.000 euros de impostos”, explica Sonia, que deu hoxe unha rolda de prensa acompañada por Conchi Docampo e pola secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.
A organización agraria lembra que a porcentaxe de persoas que recurriron os impostos nos últimos anos foi mínima, polo que demanda do Ministerio un procedemento áxil e simple para a devolución dos cartos a tódolos produtores ós que se lles cobraron cantidades indebidas.
A cuestión de fondo é que Facenda computaba as axudas de incorporación como subvencións correntes, polo que esixía que se declarasen integramente na renda seguinte, “en moitas ocasións antes de que se cobrase a axuda”, lembran as afectadas. Os novos produtores viñan reclamando que as axudas computasen como “axudas para o investimento, non coma gañancia patrimonial”, e que se puidesen declarar fraccionadas alomenos nun prazo de cinco anos, periodo no que os agricultores incorporados están comprometidos polas axudas a manter a actividade.
O Tribunal Económico – Administrativo fallou nas últimas semanas a favor de varios produtores que presentaran reclamacións no seu día, o que abre as portas a que o resto de beneficiarios das axudas tamén solicite a revisión dos seus impostos.
Un dos primeiros casos en lograr unha resolución favorable foi o de Conchi Docampo, unha produtora de horta en ecolóxico que se asentou en Vedra no 2014 coa súa parella. “Comezamos desde cero. Queriamos vivir e traballar no rural, así que no 2014 solicitamos unha axuda de incorporación e fixemos un investimento. Foi duro comezar desde cero porque afrontas moitos gastos e tardas meses de traballo en comezar a ter unha renda” -lembra.- “Atopámonos ademais con que no 2015, Facenda negouse a que computásemos a axuda como unha subvención para investimentos, que é o que é, pois gástala toda na explotación, e obrigounos a computala como subvención de gasto corrente. Ante iso, reclamamos ó Tribunal Económico-Administrativo, que vén de darnos a razón hai unhas semanas”, conclúe.
Proposta dun plan integral de apoio ás persoas incorporadas
O Sindicato Labrego demanda tamén da Xunta un plan integral de apoio ás persoas incorporadas, pois percibe que os novos produtores enfróntanse a multitude de atrancos que rematan por levar parte das incorporacións ó fracaso. Para o Sindicato Labrego é fundamental un bo asesoramento ós novos produtores que garanta a rendibilidade futura das súas explotacións, así como medidas transversais en diversos eidos que faciliten o acceso a vivenda, a terras e a servizos.
A coordinadora de Mocidade do Sindicato Labrego, Sonia Vidal, incide en que en Galicia “temos un problema grave de despoboamento e de envellecemento no rural, pero non se lle presta apoio á xente nova que apostamos por quedarnos no agro. Estamos sen servizos, non tes unha gardería para os nenos nin un simple parque”, cuestiona.
Outro asunto que preocupa ó Sindicato Labrego é a das axudas da PAC. “É necesario que na nova PAC poidan entrar os novos produtores en caso de que non conten cunha explotación familiar anterior con dereitos”, advirte Isabel Vilalba.
Máis información
– Medio Rural comunicará ós mozos incorporados a devolución de impostos lograda polas organizacións agrarias.