A crise das granxas de vacún de carne: dez testemuños

Segunda manifestación dos gandeiros de Suprema en menos dun mes en demanda de prezos xustos para a súa carne. As axudas anunciadas considéranas insuficientes

manifestacion Gandeiros Galegos da Suprema (11-5-23)3O ruído das bucinas dos tractores e das chocas das vacas volveron resoar este xoves nas rúas de Lugo. “É unha época difícil, porque estamos en plena campaña de forraxe, pero temos que seguir”. Era a opinión unánime dos máis de 500 gandeiros que se manifestaron de novo diante da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno para esixir un “prezo xusto” para a carne que producen e unha PAC que valore realmente a súa labor de coidado do territorio. 

Máis molestos que na protesta anterior, a do 18 de abril, lanzaron algúns ovos contra a fachada acristalada do edificio administrativo da Xunta na Ronda e queimaron algunhas pacas de herba para escenificar “o que lle vai pasar a Galicia cando falten os gandeiros”.

O tráfico na Ronda estivo pechado até pola tarde, aínda que en todo momento os gandeiros estiveron dispostos a abrir para permitir o paso de ambulancias ou outro tipo de emerxencias. Unha vez restablecida a circulación, un dos carrís quedou ocupado polos tractores. Os gandeiros non teñen intención de sacalos, a diferenza do que aconteceu na protesta do mes pasado, para lembrar deste xeito que non se conforman co conseguido. 

As axudas non son máis ca un pano quente que non resolve o problema de fondo, que é o baixo prezo dos xatos

Os produtores de Suprema consideran “insuficiente” a axuda extraordinaria de 100€ por vaca nodriza aprobada este xoves polo Consello de Ministros dentro do paquete de axudas pola seca e o pago por parte da Xunta da axuda comprometida o ano pasado para compensar a suba de custos de produción provocada pola guerra de Ucraína. 

Ás portas das eleccións

manifestacion Gandeiros Galegos da Suprema (11-5-23)12O ambiente electoral estivo tamén presente. Aínda que foron moitos menos os políticos que asistiron con respecto ao pasado 18 de abril, a cercanía da cita coas urnas deixouse notar. A directiva da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, convocante da mobilización, foi recibida tanto pola subdelegada do Goberno como polo delegado da Xunta en Lugo pero os anuncios de axudas non conseguiron calar o sentir dos manifestantes. 

“Non son máis ca un pano quente que non resolve o problema de fondo. O fin que perseguimos desde o inicio da asociación é establecer un prezo mínimo xusto en orixe e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, non podemos estar vendendo os xatos ao mesmo prezo que fai 30 anos”, afirma Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

O conselleiro recibirá aos gandeiros a vindeira semana e desde a asociación convocante pídenlle “que dea un paso adiante”

“Agora ten que dar un paso adiante a Administración autonómica”, afirma Santiago, que califica de “chiste” o pago hoxe mesmo dos 85€ por vaca nodriza procedentes de fondos Feader anunciados o ano pasado pola Xunta para compensar a suba de custos de produción das explotacións de carne, que complementan os 52€ que puxera naquel momento o Ministerio. “En total suman 137 euros, menos do que cobraron os nosos compañeiros, os gandeiros de leite, o ano pasado”, lembra. A semana que vén a asociación Gandeiros Galegos da Suprema manterá unha reunión co conselleiro José González, ao que lle piden “que se molle e deixe de botar balóns fóra”.

Falamos con algúns dos gandeiros e gandeiras que se manifestaron polas rúas de Lugo procedentes de toda a provincia e de localidades da Coruña e de Ourense para coñecer a situación das súas explotacións.

Isabel, este xoves na manifestación polas rúas de Lugo

Isabel, con dúas pancartas, este xoves na manifestación polas rúas de Lugo

“Non protestamos por vicio, estámolo pasando mal”

Isabel Mourín é a titular dunha explotación de 31 vacas en Baralla e diríxese aos cidadáns que este xoves aplaudían ao paso da manifestación. “A cidadanía que non pense que protestamos por vicio; estámolo pasando mal”, di. “Os custos de produción están subindo moitísimo e vendemos a carne como fai 30 anos. O consumidor ten que saber que se falta a nosa carne dificilmente poderá acceder a un alimento sano e de calidade coma o noso”, afirma.

A Isabel dóelle que o sector non estea máis valorado. “Somos un cortalumes para evitar que os incendios se estendan polo rural. Traballamos os 365 días do ano e non nos respectan como deberían”, quéixase.

“Tiven que vender 10 vacas para poder pagar”

José Manuel é de Triacastela e tivo que reducir a súa cabana gandeira nos últimos meses. “Tiña 35 vacas e quedeime só con 25 para poder pagar e a miña muller está traballando fóra para poder soster a gandería”, explica. 

Teñen unha filla, de 18 anos, que quere quedar coa explotación, pero eles non a animan. “Eu dígolle que non a colla se isto non cambia. Sería unha mágoa pero é a realidade”, lamenta.

Desbrozo pendentes do 40%; cando pare de limpalas será monte

Nesta zona da montaña de Lugo a presenza do lobo é constante e provoca continuos danos nas explotacións. “Antes tiña as vacas en extensivo e agora teño que metelas todos os días. Xa tiven varios ataques, ese é o meu principal problema”, asegura.

“A nós págannos a 5,70 o quilo de carne e despois na carnicería está a 15 euros”

Daniel Carballo ten 27 anos recén cumpridos e é de Monterroso. Incorporouse fai 5 anos e ten 34 vacas adultas e 2 bois. “Xubilouse o meu avó e collín eu a explotación”, conta. 

Considera “inxusto” que a el lle paguen a carne de Ternera Gallega Suprema que produce a 5,70€ o quilo “mentres na carnicería está a 15 euros”. “A nós os rabos, as orellas, os callos non nolos pagan, non cobramos nada por todo ese despece e sen embargo eles cóbrano ben cobrado”, di. “Nós non queremos que suban o prezo ao consumidor, senón que eses 15 euros se repartan doutro xeito”, pide. 

Brais, á dereita, protestando contra os criterios da nova PAC diante da Xunta

Brais, á dereita, protestando contra os criterios da nova PAC diante da Xunta

“Hai moitos xubilados cobrando a PAC que nos prexudican”

Brais Castro ten 30 anos e é o titular dunha explotación con 55 vacas no concello ourensán de Castro Caldelas. “Incorporeime hai 5 anos, había 7 vacas na casa e non foi doado chegar ás 55 con estes prezos. Foi todo a base de créditos, pero a ver se se dan pagado”, di. 

Na anterior manifestación foi dos que veu a Lugo no seu tractor, xunto a outros compañeiros da provincia de Ourense de lugares como Montederramo, Maceda, San Xoán de Río, Manzaneda ou A Pobra de Trives. “Saímos ás 6 da mañá, son máis de 100 km”, conta. 

“Había 7 vacas na casa e non foi doado chegar ás 55 que teño hoxe con estes prezos”

Seguirá acudindo ás manifestacións porque “a situación estanos sobrepasando e estamos tirando de aforros para poder aguantar”, asegura. Tal como está a cousa, di, “non hai ninguén que se queira meter nisto”. 

Brais considera “moi inxusta” a nova PAC e quéixase de que non prime realmente aos que viven da gandería. “Hai moitos xubilados cobrando e iso prexudícanos aos que realmente traballamos no sector. Moitas veces collemos fincas que non podemos meter na PAC”, di. 

“Tivemos que montar unha granxa de porcos porque as vacas soas non nos daban para vivir”

Bautista Díaz é de Paradela, onde xunto coa súa muller Julia e o seu fillo Marcos atende unha explotación con 100 reprodutoras e 160 cabezas totais. “Son tres seguros que pagar”, di. “Os ingresos das vacas soas non nos daban para vivir e fai dous anos montamos unha granxa de porcos para compensar”, conta. 

Bautista anda polos 60 anos e lembra que no 1986 vendía os xatos a 6€ o quilo, cando hoxe non pasan de 5,60 ou 5,70. “Daquela tiña 12 vacas e vivíase con elas e hoxe con 100 non somos capaces”, lamenta. Os prezos dos xatos non cambiaron pero o do gasóleo ou o do penso si: “o gasóleo estaba a 8 pesetas e hoxe está a 1 euro e o saco de 50 kg de penso valía 300 pesetas e hoxe o de 40 kilos 20€”, compara. 

“No ano 86 vendía os xatos a 6€ o quilo e agora a 5,60-5,70”

A PAC, di, “é imprescindible” para que as ganderías de carne sexan viables hoxe en día. “A PAC non nos queda para nós, usámola para tapar os buratos porque o prezo da carne é o que é”, asegura.

María José, con Lucas no colo, ao lado do seu sogro Pedro

María José, con Lucas no colo, ao lado do seu sogro Pedro e con Lidia na outra punta da pancarta

“Está complicado que os nosos fillos poidan seguir con isto”

María José Gallego acudiu á manifestación co seu fillo Lucas, de dous anos e medio, e os seus sogros Pedro e Lidia. É titular dunha gandería de 50 vacas na Fonsagrada que herdou deles. O seu home ten unha empresa e ela, aínda que ten carreira universitaria, preferiu atender as vacas. 

Na súa parroquia aínda quedan explotacións pequenas pero “xa pechou algunha e a este paso van continuar pechando”. “Está complicado que os nosos fillos poidan seguir con isto”, considera. 

É necesario que haxa un control da fauna salvaxe. A nós aféctanos o lobo, o xabarín, o corzo e os corvos

A sociedade de caza da Fonsagrada acudiu con pancartas a apoiar a protesta dos gandeiros e María José considera necesario que especies como o lobo se poidan cazar. “A nós aféctanos o lobo, o xabarín, o corzo, os corvos. Alí hai de todo. Nós temos mastíns para defender o gando, pero ten que haber un control da fauna salvaxe”, opina. 

“A nova PAC acaba con nós”

José Ramón Rodríguez ten unha explotación con 130 cabezas de raza blonde de Aquitania no concello coruñés de Rois. Traballa entre 60 e 70 hectáreas de superficie e asegura que “coa nova PAC acaban con nós”. 

“Aos gandeiros de leite aumentáronlles a axuda asociada por vaca, pero a nós sácannos o pago verde e non nos compensan con nada”, quéixase. Considera inviable producir forraxe sen abonar as fincas, polo que non entende que se esixa fertilización orgánica exclusivamente para poder solicitar a axuda agroambiental de fomento de pastos. “É provocar o peche, ou baixamos carga gandeira ou as nosas vacas estarán fracas”, di. 

Boto 8 hectáreas de millo para cebar os xatos. Cústame 2.000 euros labrar e recoller cada hectárea pero entre o xabarín e os corvos non deixan nada 

José Ramón era transportista de madeira pero hai 5 anos decidiu cambiar o traballo de camioneiro polo de gandeiro. Bota entre 8 e 9 hectáreas de millo para axudar a cebar os xatos. Cústalle uns 2.000 euros labrar e recoller cada hectárea pero “entre o xabarín e os corvos non deixan nada”. 

Tamén sufriu recentemente o ataque o lobo, que lle matou a súa mellor vaca, gañadora de varios premios no Concurso de Salamanca, e o xato recén parido. Por iso non entende como o concello de Rois non está entre os que teñen dereito a recibir os 75€ por hectárea da nova axuda por convivencia con grandes carnívoros e sen embargo, o concello veciño, o de Lousame, si. 

manifestacion Gandeiros Galegos da Suprema (11-5-23)9

“Con 30 vacas hoxe non se dá vivido”

Javier Castro ten unha explotación de 30 vacas en Sarria. Vive exclusivamente da gandería pero asegura que “con 30 vacas hoxe non se dá vivido”. “Se seguimos así haberá que mirar de traballar noutro sector”, asegura.

Javier manifesta o seu cabreo polo anuncio de pago da axuda da Xunta. “Estiveron gardando os cartos até hoxe. É unha vergoña. Eu pedín o anticipo xa o ano pasado e o que cobrei xa o gastei, non me chegou a nada, non me deu nin para pagar a suba do abono”, di. 

Ten 20 hectáreas de terreo e para facer un corte para ensilado abona con nitróxeno na primavera. “Eu necesito abonar e agora limítanme iso para poder cobrar a PAC”, quéixase. 

“Estiveron gardando os cartos ata hoxe. É unha vergoña”

A raíz da suba dos pensos está pensando en deixar de cebar. “A situación é complicada. A pequena suba nos xatos que houbo desde o ano pasado foi toda para as fábricas de pensos, non para nós”, argumenta. 

Considera “indecente” que a industria e a distribución tripliquen o prezo da carne que pagan aos produtores cando “procesar un xato non ten tanto gasto, unicamente o transporte e o sacrificio, nada máis”, di. “O consumidor pensa que a PAC é unha axuda para os gandeiros, cando en realidade é unha axuda para eles, para que non vendamos o produto a prezo de mercado e evitar así que os consumidores non teñan acceso á carne”, asegura.  

“Estamos para pechar en calquera momento”

Alberto Pin é un gandeiro do Cádavo con 50 vacas que defende o papel das explotacións de vacún de carne en extensivo como “cortalumes”. “Fai un par de meses houbo un incendio en Baleira que calcinou 500 hectáreas e se estendeu aos concellos veciños da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. Empezou en Cabreira, que é un pobo que está case deshabitado e onde só queda unha gandería e logrouse frear porque saíron os gandeiros coas cisternas a apagalo e había pastizais que o frearon”, conta. 

Inventan un montón de normativas que non nos deixan nin traballar

Alberto traballou 10 anos fóra ata que no 2012 decidiu incorporarse, pero agora ten “pouca esperanza de futuro”. “Estamos para pechar en calquera momento. Asfíxiannos os custos e a nova PAC é un escándalo, é todo menos favorable ao gandeiro”, di. 

“Xa non é só un problema económico, parece que temos a culpa de todo e dannos por todos os lados. Inventan un montón de normativas que non nos deixan nin traballar”, quéixase. 

Problemas das ganderías de vacún de carne para acceder ás novas axudas da PAC

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información