“Os prezos de Ternera Gallega estanse a normalizar e a Suprema mesmo comeza a escasear”

O presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, confía no turismo para que o acontecido nos meses de abril e maio, con baixadas de até 50 céntimos en quilo, non sexan máis que un mal recordo para os gandeiros. Di que se a situación sanitaria non se complica no outono o sector superará a crise e insiste na regulación da produción durante todo o ano como garantía para lograr cotizacións estables

“Os prezos de Ternera Gallega estanse a normalizar e a Suprema mesmo comeza a escasear”

Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, que engloba os selos Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego,

O sector do vacún de carne foi un dos que peor o pasou durante a crise do coronavirus, con caída de prezos e dificultades para a saída do gando das explotacións, unha situación que Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, que engloba os selos Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego, considera practicamente superada sempre que a evolución da pandemia sanitaria non obrigue de novo ao confinamento da poboación e ao peche da hostalaría.

Nado na Cañiza e fillo de agricultores, Jesús seguiu vinculado ao sector pola súa formación (estudou Formación Profesional agraria en Ponteareas, Enxeñería Técnica Agrícola en Lugo e Enxeñería Agrónoma en Lleida) e tamén laboralmente (é funcionario da Consellería do Medio Rural, onde se encarga desde fai máis de 10 anos de tramitar as axudas para a comercialización do viño galego en terceiros países).

Tras coller no ano 2000 o testigo de Maximino Viaño, presidente fundador de Ternera Gallega, á fronte do Consello Regulador, leva 20 anos representando ao sector da carne galega e preside tamén neste momento Origen España, a asociación estatal que engloba a 63 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de diferentes sectores, como carnes, queixos, xamóns, aceites, embutidos, froitas, legumes, meles, etc.

Falamos con el para saber como está a situación a día de hoxe para os produtores de carne galegos e cales son as perspectivas de cara aos vindeiros meses.

– Noutro ano calquera, teriamos que estar nos meses fortes para Ternera Gallega. Como está a situación no sector actualmente, tralo parón provocado polo coronavirus?– A partir da alarma sanitaria e o confinamento provocados polo coronavirus, vivíronse uns meses moi complicados en todos os sectores produtivos. A nivel de Ternera Gallega, as primeiras consecuencias da crise no campo foron a baixada dos prezos dos tenreiros e a ralentización da súa saída ao mercado, mentres que nas industrias cárnicas reduciuse a actividade de sacrificio e aumentaron as dificultades para a comercialización de determinadas pezas de carne como consecuencia do peche do canal da restauración e hostalaría.

A afectación no caso do funcionamento da IXP foi relativa, deuse máis a nivel de prezos e afectou sobre todo aos gandeiros, que se queixaban de baixadas de 50 céntimos, pero altibaixos nos prezos sempre temos e baixadas de 20 e 30 céntimos sempre se dan nesa época, aínda que este ano acentuáronse máis nos meses de abril e maio coincidindo co coronavirus. Pero a día de hoxe a situación está tendendo a normalizarse.

– O prezo medio nos últimos dous anos neste mes de xullo era de 4,53€/quilo. Onde se sitúa hoxe?
– As cotizacións das últimas mesas de prezos foron de 4,40€. Unha vez que pouco a pouco estamos volvendo á normalidade, que se vai recuperando a vida familiar e social e que a restauración e a hostalaría van recobrando a súa actividade, a situación nos mercados vaise estabilizando e os prezos están subindo, acercándose aos niveis habituais nestas épocas do ano.

No caso da categoría Ternera Gallega Suprema incluso se pasou dunha situación na que sobraban animais para sacrificar, nos meses de marzo, abril e maio, a outra situación agora en xullo na que empezan a escasear. Estamos nas tendencias habituais de prezos e de demandas para esta época. Os prezos son xa razoables, non é a situación de fai dous meses, tamén porque hai menos abundancia de gando.

Os prezos están subindo, acercándose aos niveis habituais nestas épocas do ano. No caso de Ternera Gallega Suprema pasouse dunha situación na que sobraban animais para sacrificar, nos meses de marzo, abril e maio, a outra agora en xullo na que empezan a escasear

Os meses complicados foron abril e maio, onde os prezos no campo baixaron, xa que se sumaron dous factores negativos: un, a problemática comercial xerada pola covid-19 en canto ás medidas de confinamento, e outro, o exceso de gando que sempre temos nesta época en Galicia para saír ao mercado dada a falta de planificación dos partos.

Pero a pesar destas dificultades en certas épocas do ano, hai que decir que a carne amparada pola IXP Ternera Gallega acada uns prezos por enriba da media española. No mes de xullo a recuperación dos prezos está sendo un feito, sobre todo no caso dos animais da categoría Ternera Gallega Suprema. Outra cuestión a debater, tendo en conta a calidade da nosa carne, é que aínda deben ser mellores.

– Nas primeiras semanas de confinamento incrementárase o consumo de carne nos supermercados, volveu iso xa tamén á normalidade?
– O consumo de carne de tenreira mantívose con certa normalidade nos fogares pero freouse totalmente na hostalaría, afectando neste caso máis ao vacún maior. A consideración das producións agrícolas e gandeiras como actividades prioritarias por parte das autoridades públicas, favoreceu que se continuaran criando os animais, que as industrias mantiveran a súa actividade cárnica e que funcionase o transporte dos animais e das canais. Polo tanto, o sector nunca estivo parado, senón que seguiu en activo garantindo o abastecemento alimentario da cidadanía.

Se a economía se recupera ben a merma do ano pode ser pequena, ao fin e ao cabo o periodo complicado foron dous meses

Se a economía se recupera ben a merma do ano pode ser pequena, ao fin e ao cabo o periodo complicado foron dous meses. Pero o ano aínda pode ser moi complicado de aquí en diante, tanto polos rebrotes que poida haber como pola situación económica.

Punto de venda de Ternera Gallega

Punto de venda de Ternera Gallega

– Temedes que a crise económica leve ao consumidor a produtos máis baratos dentro da carne de tenreira ou mesmo a cambiar a tenreira por outras carnes como o porco ou o polo?
– O que non podemos valorar aínda é cales van a ser as consecuencias a curto e medio prazo da covid-19 na economía galega e española, como poden chegar a afectar no futuro ao consumo da carne de vacún e como poden influir na produción de carne en España e tamén nos seus prezos. Pero é certo que a carne de vacún, xunto coa de cordeiro, son as máis caras e por iso tamén as que máis sofren na cesta da compra cando a situación económica das familias se pon complicada. Por iso aí vai estar a clave, en como se recupera a economía para que o consumidor poida seguir comprando carne de tenreira.

A carne de vacún, xunto coa de cordeiro, son as máis caras e por iso tamén as que máis sofren na cesta da compra cando a situación económica das familias se pon complicada

Por outra banda, eu penso que os consumidores e a sociedade en xeral van valorar positivamente a importancia dos gandeiros e agricultores no abastecemento alimentario, con mención especial para os alimentos fundamentais na dieta e tamén para os alimentos que se producen no noso contorno e que axudan a manter o medio ambiente e a evitar o despoboamento do rural, como pasa coa carne de tenreira.

– Os prezos caeron en orixe, pero nos supermercados os prezos non baixaron, alguén se está aproveitando desta situación?
– Como presidente do Consello Regulador, quero reclamar o compromiso da distribución co sector produtor, cos gandeiros, que coa súa traxectoria e saber facer manteñen o prestixio da nosa carne baseado no manexo, no coidado e na alimentación dos animais dunha forma esmerada e respectuosa. Pídolle que aposten polos produtos de calidade certificada, nun marco de prezos razoables que permitan garantir a viabilidade e a continuidade do sector de vacún de carne de calidade galego. Tamén aos consumidores de toda España e especialmente de Galicia, para que aposten polos produtos con garantía da súa orixe e forma de obtención, polos produtos de proximidade, polos produtos que axudan a manter un medio rural activo e vivo que nos garantice o abastecemento alimentario ante calquera crise presente e futura.

– Cal sería a valoración a facer de iniciativas como a canle Mercaproximidade?
– Durante estes meses foron varias as actuacións levadas a cabo: defendeuse o consumo dos produtos alimentarios en base a cuestións de proximidade; fomentouse a aposta polos produtos galegos con certificación de calidade; permitiuse a conxelación da carne de tenreira con carácter excepcional e temporalmente; puxéronse en marcha ferramentas por parte da Consellería do Medio Rural como a canle Mercaproximidade, co obxectivo de achegar e poñer en contacto aos gandeiros e agricultores produtores de alimentos coas cadeas e tendas de alimentación comercializadores de ditos produtos, favorecendo así a súa saída ao mercado e o abastecemento da poboación; practicáronse compras públicas orientadas ao subministro de hospitais, residencias e centros de carácter social; etc. Todas estas iniciativas buscaron mellorar a situación que se estaba a vivir por culpa do coronavirus, e penso que todas elas no seu conxunto foron positivas en maior ou menor medida para os sectores primarios: agricultura, gandaría, pesca.

No caso da canle Mercaproximidade, paréceme apresurado entrar xa a facer valoracións concretas. Penso que dita valoración débese facer cunha maior amplitude e perspectiva temporal e corresponderíalle á Administración facela porque é quen dispón de todos os datos a nivel multisectorial.

– Cales son as perspectivas de cara a estes meses de verán en canto a demanda e recuperación de prezos?
– As perspectivas para os meses de verán seguen as tendencias doutros anos, pero con algunhas salvedades: por un lado a diminución do turismo en España e o freazo na actividade da restauración e hostalaría van impedir que se recupere plenamente a demanda de carne de tenreira, e por outro os posibles rebrotes de coronavirus e os novos contaxios están ralentizando a volta á normalidade no conxunto da sociedade.

A diminución do turismo en España e o freazo na actividade da restauración e hostalaría van impedir que se recupere plenamente a demanda de carne de tenreira

En canto aos prezos, estes ríxense pola lei da oferta-demanda. Polo tanto, nos meses de verán van mellorar significativamente porque crece o consumo e ademais hai menos animais para saír ao mercado. Por iso, se se recupera o turismo e a normalidade na sociedade acabarán tamén de recuperarse os prezos, neste momento preocúpame que o turismo se recupere, porque a xente que vén a Galicia aumenta a poboación e consume e iso tira dos prezos.

Crises puntuais coxunturais como a que acabamos de sufrir en abril ou maio non son un trauma, o problema é que se alonguen no tempo e dependemos da evolución da pandemia, pode haber un outono complicado

Pero dependemos da evolución da pandemia, porque pode haber un outono complicado cun segundo rebrote. Crises puntuais coxunturais como a que acabamos de sufrir en abril ou maio non son un trauma, o problema é que se alonguen no tempo. Aí é cando as explotacións sufren, porque teñen que botar man dos aforros, pero non estamos nesa situación, agora mesmo non hai grandes desfases nos prezos.

– Lembrabas que o confinamento cadrou nos meses de primavera, nos que hai máis produción. Isto reafirma a necesidade de desestacionalización e de agrupación ou programación de partos?
– Un dos grandes problemas da IXP Ternera Gallega son as variacións produtivas ao longo do ano: mentres que nos meses de marzo, abril ou maio hai preto de 15.000 tenreiros/mes para comercializar baixo a IXP, nos meses de xullo, agosto ou setembro só dispoñemos duns 8.000 tenreiros/mes para a súa venda. Como se pode supoñer, este enorme desfase duns meses para outros afecta moi negativamente á estabilidade comercial e ao nivel dos prezos dos animais.

Os gandeiros que se dediquen a producir carne teñen que profesionalizarse e poñer en marcha medidas para regularizar a súa produción ao longo do ano. Se non o fan, non teñen argumentos despois para esixir prezos óptimos e estables

No sector gandeiro é fundamental que se realice un esforzo de planificación dos partos para regularizar a produción ao longo do ano. É practicamente imposible manter un nivel diferencial de prezos cando, como dixen, uns meses hai case 15.000 animais para comercializar e noutros 8.000 soamente. Temos que reducir ese desfase na produción e ser máis profesionais comercialmente, adaptando a oferta en función da demanda. Dende o Consello Regulador fai anos que vimos informando e insistindo moito nesta cuestión en todas as charlas e xornadas técnicas que realizamos por Galicia adiante: os gandeiros que se dediquen a producir carne teñen que profesionalizarse e poñer en marcha medidas para regularizar a súa produción ao longo do ano. Se non o fan, non teñen argumentos despois para esixir prezos óptimos e estables.

planificar_partos_ternera gallega

Estes meses escoitáronse moitas queixas no campo pero os gandeiros teñen que pensar que tamén é responsabilidade deles por non programar os partos. Así é que en marzo, abril e maio hai entre 14.000 e 15.000 nacementos mensuais e logo pasamos a outros tres meses, xullo, agosto e setembro, de escaseza. En 30 días practicamente pasamos de exceso a escaseza e iso para a industria e a distribución e un problema e fai que nos meses nos que hai falta de carne e ti non podes atender os pedidos as carnicerías e os supermercados metan outra carne, con outra procedencia, e iso é moi malo, porque deste xeito aínda que hai falta de carne os prezos non se disparan, senón que os puntos de venda recurren a outra carne.

Nunha explotación de 80 ou 100 vacas compensa facer programación de partos porque poden estar xogándose 10.000 euros de diferenza no conxunto do ano

Eu entendo que hai dificultades para lograr unha produción estable todo o ano, porque en Ternera Gallega hai explotacións de todo tipo, e unha explotación de 15 ou 20 vacas non se vai poñer a facer programacións de partos porque ademais de ser máis complicado, pouca rendibilidade lle vai sacar. Pero en explotacións grandes de 80 ou 100 vacas si que compensa, porque se están xogando 10.000 euros de diferenza no conxunto do ano. Aí si que me preocupa que non se faga, en explotacións xa dimensionadas e profesionalizadas e nos que os titulares son moitas veces xente nova.

– Segundo o balance do 2019, o pasado ano sacrificáronse dentro da IXP 55.000 becerros en Ternera Gallega fronte a 80.000 en Suprema, os máis afectados este ano pola caída de prezos. Que medidas ou solucións se poden propoñer pensando nos produtores de Suprema?
– O primeiro aspecto a considerar é a calidade da nosa carne, e que cando se conta cun produto excelente é posible entrar en novos mercados, despertar o interese da distribución e gañar a confianza dos consumidores, cuestións fundamentais para a revalorización da carne certificada.

É fundamental o correcto etiquedado e a diferenciación da carne nos puntos de venda para que non haxa picaresca comercial nin engano aos consumidores pero ao final o consumidor é quen decide o que paga por cada produto
Tamén debemos recordar que o consumidor é quen decide o que paga por cada produto e que para decidir correctamente debe estar ben informado. Por iso desde a IXP sempre se aposta pola información e a promoción, así como polo correcto etiquetado e a diferenciación da carne de Ternera Gallega nos puntos de venda, de forma que non haxa picaresca comercial nin engano aos consumidores. Este debe ser un dos obxectivos de todo o sector e sobre todo da industria cárnica e da distribución: a transparencia comercial.

Os prezos e os contratos entre gandeiros e industrias ou a negociación coa distribución son cuestións que están fóra do ámbito de actuación do Consello Regulador

En canto ao Consello Regulador, temos que seguir apostando polo control e pola información aos consumidores mediante accións de comunicación e de promoción. Agora ben, as prácticas comerciais, as políticas de prezos, os contratos entre gandeiros e industrias, as negociacións coa distribución ou a loxística e atención dos pedidos, son cuestións que están fora dos ámbitos de actuación da IXP. Desde o Consello Regulador intentamos favorecer a transparencia na comercialización: creación da mesa de prezos de Ternera Gallega, implantación da cotización en kg/canal, aplicación da clasificación europea das canais, fomento dos acordos gandeiros–industrias, firma de acordos de colaboración coas carnicerías e cadeas de distribución, realización de xornadas divulgativas cos consumidores, etc.

Polo tanto, a modo de resumo, propoño tres medidas para evitar a recurrente caída de prezos que se produce en Ternera Gallega Suprema nos meses de primaveira: apertura de novos mercados en base á calidade e prestixio da nosa carne, realización de campañas promocionais e de comunicación para dala a coñecer e, sobre todo, planificación dos partos nas explotacións tradicionais para ter unha produción regular ao longo de todo o ano. Porque iso permitiríanos tamén medrar no mercado, porque moitas veces o problema para aumentar a comercialización son os meses de baixa produción.

– Segundo ese mesmo informe do 2019, España supón o 51% das vendas, Galicia o 46% e o mercado exterior só o 3%. É esta, a exportación, a grande asignatura pendente de Ternera Gallega?
– A exportación sempre é unha asignatura pendente para os produtos galegos, para todos, e os que vendemos en fresco aínda máis. Estamos dando pequenos pasos pero custa bastante acceder aos mercados internacionais con poder adquisitivo, como Xapón, EEUU ou Centroueropa. Chegar con produto fresco a eses países é complicado. Estamos dando pequenos pasos pero custa bastante. Portugal, Alemania fundamentalmente. A nosa intención é avanzar tamén aí, ainda que sexa minoritario, pero todo o que poidamos sacar para fóra bo é. Agora estamos mandando sobre todo para Portugal e Alemaña.

Preocúpame que a industria cárnica galega teña capacidade e loxística comercial para atender o mercado estatal, onde ás veces temos dificultades

Pero case me preocupa máis que a industria cárnica galega teña capacidade e loxística comercial para atender o mercado estatal, onde ás veces temos dificultades. Nas grandes cidades como Madrid pero Andalucía xa se complica a situación. Vendemos ben en Galicia, e en grandes cidades como Madrid, no mercado catalán ou no Levante, pero á zona sur de España cústanos máis chegar.

“Ampliar a idade de sacrificio ata o ano non pretendía estandarizar canais máis pesadas. Se só queremos producir quilos e levar a todos os animais aos 11 meses cumpridos igual non foi acertado”

– No mes de febreiro entrou en vigor o cambio no Regulamento da IXP que permite ampliar a idade de sacrificio até os 12 meses. Hai produtores que din que isto fai que haxa máis carne no mercado e empeora a comercialización. Está de acordo? Pensa que alongar até o ano a idade de sacrificio foi positivo ou prexudicial?
– Non sabemos se é positivo ou non, tendo en conta que este ano non podemos sacar moitas conclusións por ser un ano atípico, temos que esperar a un ano normal de mercado para sacar conclusións. Penso que o cambio pode ter cousas boas e tamén riscos, non é bo que se leve todo o gando a esa idade, pero en momentos puntuais é útil que haxa certa flexibilidade á hora de sacar os animais. Cando aprobamos o cambio non pretendiamos solucionar nada milagrosamente, buscabamos dar máis flexibilidade ao gandeiro para poder adiantar ou retrasar a saída dos animais dependendo de como estivese o mercado nese momento. Era unha medida pensada para compensar o desfase entre primavera e veran, pero non pode volverse unha medida de carácter xenérico e que agora todos os animais se leven ata os 11 meses cumpridos, se iso se produce haberá que repensar a medida porque non se fixo para cambiar o criterio establecido nin para modificar os nosos sistemas produtivos. Compensar certos meses de abundancia con certos meses de escaseza, ese era o obxectivo. Se só queremos producir quilos igual non foi acertada, pero a normativa é algo vivo e pode reevaluarse, pero hai que esperar un ano normal para ver como funciona. Desde logo, a medida non pretendía estandarizar toda a produción a canais máis pesadas e de máis idade.

– Chama tamén a atención outro dato, dos tenreiros rexistrados no último ano tan só unha cuarta parte eran de raza rubia galega, é dicir, os cruces triplican en número aos de raza rubia galega.
– Esa é unha tendencia que en Galicia está asentada no campo. Predomina o cruce. Nas explotacions de carne galegas historicamente convive a raza frisona de cruce (que son en torno ao 70%) coa rubia (30%). É algo que había, que hai e que se manterá aínda bastantes anos.

Sería bo na rubia galega que houbese máis recría dispoñible, porque ás veces hai dificultades de abastecemento de xovencas rubias

A nivel produtivo vense apostando nos últimos anos polas razas autóctonas, sobre todo a raza rubia galega e os seus cruces e pola potenciación do cebo de xatos en Galicia. As explotacións que se van profesionalizando procuran ter unha raza única, pero non é doado cambiar unha cabana gandeira por outra, por exemplo cambiar de golpe 30 vacas frisonas por 30 rubias galegas. Sería bo na rubia galega que houbese máis recría dispoñible, porque ás veces hai dificultades de abastecemento de xovencas rubias e tamén hai que ter en conta o custo que teñen eses animais. Para explotacións que queren medrar ou o fan en base a recriar dos seus animais ou teñen difícil o abastecemento.

– Cales son os principais retos e como ves o futuro do sector de vacún de carne galego?
– A nivel produtivo é necesario seguir avanzando na profesionalización do sector, no redimensionamento das explotacións, na planificación dos partos e no asociacionismo para mellorar a comercialización e ser capaces de adaptarse a unhas situacións produtivas e de mercado cambiantes e cada vez máis esixentes; pero os principais retos a superar son o relevo xeracional á fronte das gandarías e a redución do despoboamento no medio rural, cuestións nas que é fundamental a labor e o apoio das diferentes Administracións públicas. Ao meu entender, se conseguimos que a produción de carne sexa unha actividade rendible está garantida a continuidade de moitas das explotación e tamén o relevo xeracional á fronte delas.

Se conseguimos que a produción de carne sexa unha actividade rendible está garantida a continuidade de moitas das explotación e tamén o relevo xeracional á fronte delas

A produción de carne de vacún en Galicia non é algo recente, senón que é unha realidade histórica; e aínda que se respecta a tradición, melloráronse os sistemas produtivos, a xenética dos animais e a súa alimentación, todo iso nunha rexión que reúne excelentes condicións climatolóxicas e edafolóxicas para a producion cárnica.

– Falando de incorporacións e de relevo xeracional. En Ternera Gallega hai unas 8.300 explotacións e houbo un cento de altas o ano pasado. É xente nova que se incorpora ou gandeiros que se pasan do leite á carne á espera da xubilación?
– Danse as dúas casuísticas, hai xente que abandona o sector leiteiro e pasa á carne porque é menos esixente en canto a necesidades de man de obra pero eses casos déronse máis fai anos, agora as altas son maioritariamente de xente nova ou dalgunha explotación que non tiña os seus xatos marcados e decide darse de alta porque iso lle abre portas á hora da comercialización. O custo son 6 euros por cada tenreiro identificado, pero recupéranse á hora de vender porque hai máis opcións.

No marco da IXP, o número de explotacións gandeiras activas mantén unha moderada tendencia crecente ano tras ano, o que significa que os gandeiros apostan pola produción de carne de calidade e valoran o esforzo da IXP para garantir e revalorizar o seu produto. Pero tamén significa que o vacún de carne en Galicia, sobre todo nas zonas de montaña e media montaña, ten futuro e é fixador de poboación no medio rural, co que iso supón como elemento cohesionador e xerador de riqueza no territorio.

– Son necesarias axudas directas para evitar o peche de explotacións que poidan estar en risco pola caída de prezos?
– Os sectores primarios en xeral necesitan axudas directas, pero non só pensando na caída de prezos, senón tamén pola labor medioambiental e fixación de poboación que fan. A todos nos gusta ver os prados verdes, pero iso ten un custo. As axudas directas máis que a actividade produtiva en si, que debía ser rendible por si mesma, deberían ir dirixidas a iso, á labor medioambiental, social e económico da gandería, xa que entre gandeiros e traballadores da industria cárnica máis de 10.000 familias galegas teñen a súa principal fonte de ingresos directamente relacionada co sector de vacún de carne de calidade.

– Entre os obxectivos para este 2020, a comezos de ano falabades da necesidade de elaborar un Plan Estratéxico para o sector vacún de carne galego. Que debería incluír?
– As axudas da PAC van estar vinculadas ao correcto cumprimento das normativas de benestar animal e medio ambientais e tampouco podemos esquecer a importancia que teñen estas cuestións para a sociedade. As Administracións están facendo moito fincapé nestas cuestións, pero a súa labor non se debe reducir só ao deseño e xestión de liñas de axuda, senón que é necesaria unha análise máis profunda sobre a potencialidade do sector.

Galicia reúne condicións para liderar a produción de carne de vacún de calidade en España

Por iso, no caso da nosa Comunidade Autónoma é de interese un plan estratéxico para o vacún de carne, en colaboración coas diferentes entidades, axentes e profesionais do sector, no que xa está traballando a Consellería do Medio Rural, porque Galicia reúne condicións para liderar a produción de carne de vacún de calidade en España, onde Ternera Gallega representa o 56% da carne de vacún comercializada baixo IXP. Pero hai que seguir gañando cota de mercado e xerar demanda, apostando polos convenios de colaboración coa distribución, o fomento do consumo de todas as pezas da canal e as campañas de promoción e información aos consumidores.

Unha vez se comece a recuperar a normalidade na sociedade, vamos realizar un esforzo en comunicación e promoción para seguir avanzando no posicionamento da nosa carne entre os consumidores. Apostaremos por conceptos fundamentais actualmente no mercado e para os consumidores como son: a certificación do benestar animal nas explotacións inscritas, a labor medioambiental da gandaría no mantemento do medio rural e a fixación de poboación, as propiedades nutritivas e organolépticas da carne de vacún nunha dieta sá e equilibrada, así como a importancia da autonomía alimentaria.

Apostaremos por conceptos fundamentais para os consumidores como a certificación do benestar animal nas explotacións inscritas e a labor medioambiental da gandaría

Temos que lograr que a carne certificada e comercializada baixo o amparo da IXP Ternera Gallega, ademais sexa unha carne que se produce respectando o benestar dos animais e respectando tamén as condicións medioambientais. Estamos xa traballando niso, porque son cuestións que cada vez demandan máis consumidores e nós temos que ser capaces, progresivamente, de darlle resposta ás súas demandas, de maneira que nós favoreza comercialmente e nós permita seguir sendo líderes no mercado.

– Despois de 30 anos de funcionamento, como influíu a existencia da IXP Ternera Gallega no sector de vacún de carne de Galicia?
– A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega foi clave na recuperación da imaxe e o prestixio da nosa carne e tamén na superación das diferentes crises alimentarias que sufriu o sector nas últimas décadas, como a das vacas tolas ou a crise económica do 2010.

Grazas á labor informativa e promocional fomentouse o consumo e logrouse o posicionamento da carne de Ternera Gallega e a súa consolidación no mercado, influíndo nos prezos en orixe e na rendibilidade das explotacións, cuestións fundamentais para a continuidade da actividade gandeira, a protección do medio ambiente e a fixación de poboación no rural, sobre todo nas zonas de montaña e desfavorecidas. Polo tanto, a influencia da IXP é positiva para o sector, e non só polas cifras de actividade, senón porque significa unha oportunidade real de futuro para todos os que apostan pola produción de carne de vacún en Galicia.

As explotacións inscritas en Ternera Gallega son de pequena dimensión e cunha estrutura da terra minifundista, a IXP é fundamental para que poidan competir no mercado

As gandarías inscritas na IXP teñen unhas características e idiosincrasia especial, xa que son de pequena dimensión e cunha estrutura da terra minifundista, o que supón unha cuestión diferencial dos nosos sistemas de produción. Tendo en conta a súa dimensión, a IXP é fundamental para os gandeiros galegos para poder competir no mercado en base á calidade do produto.

Ternera Gallega tamén tivo unha influencia positiva nas transaccións comerciais, xa que favoreceu a transparencia e a obxectividade no mercado coa creación da mesa de prezos, a clasificación das canais segundo o modelo europeo, a cotización dos tenreiros en euros/quilo canal, etc.

– Cal é a súa situación da IXP Vaca Galega/Boi Galego en canto a prazos e trámites pendentes para o recoñecemento oficial por parte da UE? Por que se está dilatando ese proceso?
– Penso que nisto o coronavirus tampouco axudou. A última resposta que tivemos das autoridades de Bruxelas foi en decembro de 2019, desde entón non volvimos saber máis nada e non nos atrevemos a prever se estará aprobada definitivamente este ano ou non. Son xa tres anos de tramitación, cumpríronse agora no mes de xullo e penso que o proceso debería estar xa maduro, porque estivemos por dúas veces reunidos cos técnicos comunitarios pulindo detalles con eles e mandamos xa documentación varias veces. Pero é certo que son moi meticulosos cos expedientes das Denominacións e non descarto que poidan aínda pedir algún papel máis, aínda que xa teñen documentación abundante no seu poder.

Son xa tres anos de tramitación e penso que o proceso debería estar xa maduro pero non me atrevo a dicir se o recoñecemento oficial chegará neste ano ou non

A IXP Vaca Galega/Boi Galego púxose en marcha a primeiros de xullo de 2017, unha vez que se publicou no Diario Oficial de Galicia a Protección Nacional Transitoria, co obxectivo de amparar e poñer en valor a carne de calidade de vaca e de boi que se produce en Galicia. Esta iniciativa contou co apoio da Consellería do Medio Rural e do conxunto do sector e nela participan as cooperativas, sindicatos agrarios, asociacións raciais e a asociación galega de industrias cárnicas.

A Protección Nacional Transitoria permitiu comezar a actividade mentres continúan os trámites administrativos ante a Comisión Europea para o recoñecemento definitivo da IXP e a súa inscrición no Rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, proceso que despois de varias reunións en Bruxelas cos técnicos da Comisión Europea se encontra nas últimas fases.

– Cantas explotacións hai inscritas a día de hoxe na nova IXP?
– A creación da IXP conleva a inscrición nos rexistros do Consello Regulador de todas aquelas explotacións e industrias que están interesadas en participar nesta nova iniciativa a prol do sector de vacún de carne. Na actualidade están inscritas na Denominación 979 explotacións e 29 industrias e comerciais cárnicas, identificáronse 19.963 animais (dos cales 19.256 son vacas e 707 bois) e certifícaronse 961 canais (maioritariamente de Vaca Galega).

Non todas as vacas van entrar dentro da IXP, porque hai unhas condicións de engraxamento que hai que cumprir

Estas cifras significan o comezo da Denominación, pero son mellorables, xa que o vacún maior galego ten dimensión, demanda e prestixio no mercado, sobre todo na restauración. Pero non todas as vacas que hai nas explotacións van poder entrar dentro da IXP, so aquelas que o gandeiro estea dixposto a engordar, porque hai unhas esixencias de conformación e engraxamento que hai que cumprir.

O vacún maior galego ten dimensión, demanda e prestixio no mercado, pero a peza nobre que salva o valor da vaca é o lombo e o lombo véndese na restauración, e por iso foi a que máis sufriu

E quero dicir tamén que a carne de vaca e de boi viuse moi afectada como consecuencia da crise sanitaria derivada do coronavirus, xa que no seu caso o principal canal de venda é precisamente a restauración e a hostalaría, onde se comercializan os lombos, peza por excelencia que defende o prezo destes animais.

– Oinche en varias ocasións reclamar maior compromiso por parte do sector industrial e comercial, por exemplo, coa nova IXP de vacún maior.
– No caso da industria cárnica, bótase en falta unha certa reconversión e especialización, tanto para lograr un maior aproveitamento do valor engadido que pode xerar a canal como para o desenvolvemento de produtos cárnicos elaborados ou incluso precociñados, na liña das novas tendencias de consumo. Tamén é primordial o incremento da súa capacidade e loxística comercial, para que poidan atender o mercado español e pensar na internacionalización.

Hai que aproveitar todas aquelas oportunidades produtivas nas que Galicia conta cun prestixio recoñecido e que o mercado demanda, como é o caso da carne de vacún maior, para complementar os ingresos das explotacións gandeiras galegas. Nesa liña vai a posta en marcha da IXP Vaca Galega/Boi Galego, aberta a todos os gandeiros e industrias interesadas, que é necesario potenciar.

O compromiso do sector industrial coa nova IXP está aumentando a contagotas, pero iso non é ningunha novidade, tamén no caso de Ternera Gallega pasou o mesmo, os primeiros anos foron de avances moi lentos e ata que viron que era algo útil as industrias non se sumaron. Á nova IXP é necesario darlle un empurrón, e para iso ten que vir o recoñecemento de Bruxelas e tamén ten que haber maior implicación da industria.

– Pensades que coa IXP se logrará acabar coa picaresca actual de sacrificar en Galicia animais procedentes doutras comunidades?
– Na industria cárnica galega mátanse vacas que veñen de fóra de galicia, tanto tenreiros como vacas. Seguramente haberá varios motivos e a picaresca tamén estará entre eles, pero non teño probas que o demostren.
Ternera Gallega sempre apostou polo control da carne comercializada e poderlle ofrecer aos consumidores as máximas garantías. Por iso foi pioneira na UE na implantación da trazabilidade e o seu seguimento, tanto documentalmente como mediante análises e probas de ADN, na crotalización e identificación dos animais y no etiquetado diferenciado da carne nos supermercados e carnicerías onde se vende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información