Desenvolvemento rural

Toma posesión Juan José Cerviño como director xeral da PAC e control da cadea alimentaria

Campo Galego 30/04/2024 7:51 p.m.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu esta mañá a toma de posesión do novo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño Varela. No acto, que tivo lugar no complexo administrativo de San Caetano, a conselleira destacou a súa traxectoria profesional, sempre ligada ao sector primario. Pola súa banda, o nomeado agradeceu a confianza depositada nel pola titular do Medio Rural e reafirmou o seu compromiso a prol do rural galego.

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o nomeamento de Juan José Cerviño Varela como novo director xeral da PAC e do Control da cadea alimentaria, dentro da Consellería do Medio Rural. Licenciado en veterinaria pola USC, vén desempeñando dende principios deste ano o cargo de secretario do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos agrarios europeos, adscrito á Consellería.

Con este nomeamento, divídense as competencias da anterior Dirección xeral de Agricultura e Gandería, na que continúa José Balseiros, e créase esta nova, centrada na PAC e no control da cadea alimentaria, aspectos ambos que gañaron protagonismo nos últimos anos polos cambios lexislativos e de normativa.

Con anterioridade, Cerviño Varela foi xefe do Servizo de Auditoría Interna do Fogga entre 2021 e 2024 e inspector de Saúde Pública na área de Pontevedra, tras ser nomeado, no 2020, funcionario de carreira na escala de veterinarios.

Antes desa data xa tivera experiencia no Fogga, como técnico do Servizo de Intervención de Mercados. A súa traxectoria profesional no Fogga estivo vinculada, entre outras cuestións, á xestión da taxa láctea ata a súa desaparición no 2015. A partir de entón, e coa entrada en vigor do “paquete lácteo” e da Lei de funcionamento da cadea alimentaria, realizou labores de control dos contratos alimentarios no sector lácteo durante cinco anos.

No sector privado, exerceu como veterinario clínico en gando vacún de leite dende 1994 ata 2007.

Etiquetado
Ir a la portada