Archives

Este venres celébrase a XXXVI Feira do Queixo do Cebreiro

Mañá venres, 29 de marzo, celébrase na localidade luguesa de Pedrafita do Cebreiro a tradicional Feira do Queixo do Cebreiro, que este ano chega á súa edición número 36. A feira ten como obxectivo exaltar este queixo fresco, con Denominación de Orixe Protexida, considerado un dos máis exquisitos do país, e elaborado con leite pasteurizado, que o converte nun delicioso manxar. Durante a feira, que comezará a partir das 09.30 horas, as queixerías acollidas ao Consello Regulador, porán á venda os seus deliciosos queixos a prezos populares. Os asistentes a esta xornada tamén poderán adquirir outros produtos elaborados de forma artesá, como mel, viño, pan, artigos de coiro, ..., Ademais, haberá animación musical: A partir das 11.00 horas con os pasarúas da charanga Louband e ás 12.00 horas deleitarse con baile galego da Asociación Cultural Abrente das Nogais. Este ano o pregón, acto que terá lugar ás 13.00 horas, estará a cargo do CPI Uxío Novoneira.  

Listado dos mellores queixos de Galicia deste ano

Este mediodía entregaronse os premios da XXV Cata dos Queixos de Galicia, que se realizou de xeito conxunto coa entrega da XXI Cata dos Meles. Este ano participaron 43 mostras de queixos elaborados por 30 queixerías galegas. O acto, que se celebrou no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do director xeral de Gandaría Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. O conselleiro reafirmou o compromiso de toda a Xunta pola promoción e protección das producións de calidade de Galicia. Un compromiso que, salientou, plásmase na aposta por Galicia Calidade, que definiu como “a nosa marca de identidade”. Nesta edición foron premiados coa distinción de ouro dous queixos da SAT Queinaga, das Denominacións de Orixe Protexida (DOP) Tetilla e Arzúa-Ulloa; así como o queixo Catadoiro, da Queixería Catadoiro, dentro da DOP San Simón da Costa. Lácteos Anzuxao recibiu sendas pratas polos seus queixos incluídos na DOP Tetilla e Arzúa-Ulloa e a Queixería Prestes levou a prata polo seu queixo Prestes na DOP San Simón da Costa. Bo-Queixo, de José Castro Tejo levou o bronce dentro da DOP de Arzúa-Ulloa e o queixo Daniberto de Daniberto SAT conseguiu o bronce entre os Tetilla. Na seccións de queixos curados da DOP Arzúa-Ulloa, o queixo Arqueixal elaborado por Xosé Luis Carreira Valín conseguiu o ouro. Na DOP Cebreiro o ouro foi para Castelo, de Queixos Castelo de Brañas.

Premiados nas Catas de queixos e meles de Galicia 2021

O Pazo de Quián, en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, acolleu esta mañá a entrega dos premios da XXIV Cata dos Queixos e da XX Cata dos Meles de Galicia, organizadas pola Consellería de Medio Rural en colaboración coa indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e as catro denominacións queixeiras. Nesta edición do certame presentáronse 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 industrias de mel galego. Na XXIV Cata de Queixos, os premiados por categorías son os seguintes: Na categoría de Queixo Tetilla, Queinaga logrou o ouro, Don Crisanto fíxose coa prata e Terra de Melide obtivo o bronce. Na Denominación de Orixe Queixo Arzúa-Ulloa, os premiados foron Diqueixa (ouro), Terra de Melide (prata) e Barral (bronce). Na sección Arzúa-Ulloa curado o premio foi para Artelac. Na DO San Simón da Costa, o queixo que logrou o ouro foi Fontelas, de Javier Piñeiro López, e a prata acadouna o queixo Daniberto. Na categoría Cebreiro, o ouro foi para O Castelo, de Queixos Castelo de Brañas e no queixo curado o galardón foi para Santo André.

Meles premiados

No que respecta ós meles premiados, na categoría multifloral Horta das Colmeas, de Eva María Rey Timiraos, fíxose co ouro. A prata foi para o mel Manuel Sande de José Manuel Fernández Sande. O Tobro, Mel do Valadouro, de María Fe Sixto Pernas, logrou o bronce. Nos meles monoflorais o mel de breixo O poder das flores, de Javier Carreiras Cuadrado, logrou o ouro. A prata recaeu no mel de castiñeiro de Mel o Testeiro, de María Munín Taboada. Tamén un mel de castiñeiro conquistou o bronce. Neste caso foi Labrega Mel, de Javier Sotelo Fernández. Na categoría mel de bosque o ouro foi para Coelernis, de Johnny Pérez Alonso. Relación de premiados nas catas de queixo e mel de Galicia 2021.

Produtos de calidade

O acto de entrega dos galardóns formou parte do programa de actividades da I Mostra de Calidade Alimentaria que se celebra dende o mércores nestas instalacións e que se clausurou esta mesma tarde. A celebración de entrega de premios estivo presidida polo conselleiro de Medio Rural, José González, quen destacou a profesionalidade dos gañadores, ó tempo que lle agradeceu o seu labor de dinamización do rural. O titular de Medio Rural puxo ós queixos e meles distinguidos nas catas 2021 como exemplo de que Galicia etiqueta calidade en alusión á nova campaña impulsada polo goberno galego para divulgar o bo facer dos produtores galegos. Xunto coa entrega deste venres dos premios ós mellores queixos e meles de Galicia, esta mesma semana na I Mostra de Calidade Alimentaria tamén se deron a coñecer as ganderías que producen o leite coa mellor calidade hixiénico-sanitaria nos premios Exceleite 2021.  

Cambios na DOP Queixo do Cebreiro para permitir elaboracións de maior tamaño e máis curación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se acepta a solicitude formulada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro para facer determinados axustes no seu prego de condicións técnicas. As modificacións propostas afectan principalmente á descrición das características do produto e ao método de obtención e están relacionadas, en gran medida, coa eliminación do límite máximo de peso dos queixos, que actualmente é de 2 quilos. Ademais, mentres que hai uns anos a produción de queixos curados era case anecdótica e a inmensa maioría da produción se comercializaba como queixo fresco, actualmente é cada vez maior a proporción de produto que se vende curado, polo que se fai necesaria unha caracterización máis precisa deste tipo de queixos. Por outra parte, no relativo á autoridade de control, é preciso modificar a referencia ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) para substituíla pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), unha vez creada esta axencia pública autonómica que veu asumir as funcións de autoridade competente na materia en substitución do Ingacal. Esta resolución de Medio Rural, xunto co resto da documentación pertinente, vaise remitir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), aos efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.