Os tecidos fabricados a partir de celulosa de madeira consomen ata 60 veces menos auga que a mesma peza de vestir de algodón e necesita soamente un terzo da súa enerxía.
O seu menor impacto ambiental, suavidade e prezo equivalente e mesmo inferior ao algodón están a impulsar en todo o mundo este tipo de tecidos, representando tamén unha oportunidade para o sector forestal.
Para analizar as vantaxes que representan estes tipos de tecidos a entidade de certificación ambiental PEFC España organizou o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela unha xornada, cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), na que alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo expuxeron algunhas das súas pezas elaboradas a partir de celulosa de eucalipto.
“Os bosques son fonte inesgotable de recursos: madeira, cortiza, resina, cogomelos, castañas… e tamén de tecido. As fibras de celulosa máis populares no mercado son a Viscosa, Modal e Lyocell, distintos tipos de procesos para conseguir o mesmo resultado dunha fibra téxtil. Co avance da tecnoloxía, os procesos de extracción son cada vez máis sustentables, polo que son unha alternativa máis limpa a outras fibras sintéticas (derivadas do petróleo) e tamén ao algodón”, destaca Elsa Grille, de PEFC Galicia.
O mercado deste tipo de tecidos xa está a alcanzar un volume considerable: Prodúcense 5,6 millóns de toneladas de fibra de viscosa descontinua ao ano, concentrándose o 62% do mercado global en Asia, fundamentalmente en China e India.
“É un sector claramen en auxe, e de feito os estudos realizados prevén un incremento anual do 8% na venda deste tipo de tecidos de aquí ao ano 2025”, explica Marta Salvador, directora técnica de PEFC España.
Precisamente para evitar que o boom da demanda deste tipo de fibras provoque problemas de deforestación, PEFC colabora en “Forest For Fashion” unha iniciativa desenvolvida pola sección de bosques e madeira de UNECE/FAO, que ten como obxectivo promover o uso de materiais sustentables procedentes de bosques ben xestionados no mundo da moda.
ENCE prevé abrir unha liña de viscosa na súa planta de Navia
España está a chegar tamén a este mercado de elaboración de fibras téxtiles a partir do eucalipto. “A viscosa de momento non se produce en España, aquí prodúcese o paso previo, que é a pulpa disolta. É un novo sector emerxente, e as industrias papeleiras están a valorar a creación de novas liñas de produción para ademais de producir pasta para papel producir tamén pasta disolta para tecidos”, explica Marta Salvador.
De momento a viscosa que se consome en España é en gran parte importada de China ou doutros países europeos, principalmente de Austria. Só existe por agora unha planta en España que elabore viscosa, a de Sniace en Torrelavega (Cantabria) -non é hilable, senón para cueiros e toalliñas-, aínda que ENCE xa anunciou dentro do seu plan estratéxico que prevé abrir na súa planta de Navia unha liña de viscosa, un produto cuxo consumo de prevé que se dispare nos próximos anos, tanto para elaborar pezas de vestir como cueiros.
“Desde PEFC garantimos mediante a nosa certificación que a materia prima procede de bosques xestionados de forma sustentable e que o proceso de obtención do tecido téxtil tamén é respectuoso co medioambiente, pois non é o mesmo como se fabrica en China, que o lyocell que fabrica Lenzing, por exemplo, que emprega un proceso máis limpo”, destaca a directora técnica de PEFC España.
Téxtil Santanderina S.A: O primeiro produtor español de tecido certificado por PEFC
Téxtil Santanderina, S.A., unha empresa familiar situada en Cabezón de la Sal (Cantabria) é o primeiro produtor español de tecido forestal certificado en Cadea de Custodia PEFC a nivel internacional.
“Desde hai 4 anos traballamos principalmente coa viscosa EcoVero, da empresa austríaca Lenzing, que está certificada por PEFC, e podemos dicir que este tipo de tecidos, tanto para moda como para roupa de traballo, supón en torno ao 30 ou 40% da nosa facturación potencial”, explica José Antonio Mazorra, director de compras e Responsabilidade Social Corporativa de Téxtil Santanderina SA.
“Sempre traballamos con viscosa, tanto normal como ignífuga, para tecidos de protección e a demanda deste tipo de tecido foi subindo”, engade.
E que diferencia o tecido procedente da celulosa de eucalipto doutros como o algodón ou o polyéster? “Tanto a viscosa como o liocell normal o que os difencia é o tacto, a suavidade e a caída, sobre todo para a moda feminina. En viscosa ignífigua compaxina resistencia ao lume con suavidade, e non hai ningún problema de lavado”, destaca José Antonio Mazorra, cuxa empresa consome cada més máis de 300 toneladas deste tecido.
En canto a prezos, é simliar ao do algodón: uns 60 euros o quilo, cunha lixeira baixada pola entrada de competidores chineses.