Son os xistos un aliado do viñedo contra o cambio climático?

O enxeñeiro agrónomo Javier Cancela analiza os efectos de empregar restos de xisto en viñedos da variedade Mencía. Coñecemos as primeiras conclusións e datos do estudo realizado en terras de Quiroga. O uso dos xistos combinado con regas diarias poden conseguir incrementos destacados na produción

Publicidade
Son os xistos un aliado do viñedo contra o cambio climático?

Restos de xistos empregados na liña do viñedo. // Foto. J.J. Cancela

O estrés hídrico e as altas temperaturas que está a deixar o cambio climático levan a procurar alternativas para a xestión dos solos dos viñedos. As previsións dun incremento das condicións extremas fan necesarias cubertas e manexos que axuden a mitigar os efectos da calor na produción. Poden ser os restos de xistos unha alternativa de utilidade?

O doutor en Enxeñaría Agrónoma da Universidade de Santiago de Compostela, Javier J. Cancela, está a traballar sobre o uso destes restos nos viñedos. Os primeiros resultados do traballo do Grupo de Investigación PROEPLA, presentounos no ciclo de conferencias sobre o Manexo do estado hídrico e xestión da vexetación empregando restos de xistos nos viñedos, celebrado en días pasados no concello lugués de Quiroga, onde tamén desenvolveu parte dos traballos de campo da súa investigación.

Combinar o uso dos xistos con regas preséntase como unha opción para facer sostible a produción mesmo con altas temperaturas

A falta dunha investigación máis prolongada no tempo coa que afianzar as conclusións iniciais, os primeiros datos amosan as vantaxes que pode traer empregar restos de xistos nos viñedos. Combinar o uso dos xistos con regas preséntase como unha opción para a sostibilidade da produción mesmo con altas temperaturas, pero tamén contribúe a reducir a temperatura nos viñedos.

Por que empregar xisto?

Unha das primeiras cuestións ás que Cancela se enfronta á hora de propoñer o uso de xistos nas liñas do viñedo é precisamente argumentar a elección deste material fronte a outras alternativas como a propia cuberta vexetal espontánea ou seleccións de plantas cultivadas que poden medrar neste espazo. Un dos argumentos empregados polo investigador é a capacidade dos xistos para reducir a evaporación da auga do solo. Trátase ademais dun material que contribúe á propia conservación do solo, ó ser de orixe natural e estar presente xa en moitas das terras das zonas vitícolas de Lugo e Ourense.

Os xistos permiten manter controlada a vexetación da liña, melloran a regulación térmica no viñedo, reducen a evaporación da auga e contribúen á conservación do solo

Cancela tamén destaca que o uso de xistos é un método eficaz para manter controlada a vexetación na liña das cepas, evitando a competencia polos nutrientes e a auga do solo que poden exercer as plantas próximas. Ademais, os xistos son unha vía para mitigar as altas temperaturas do viñedo. “Os xistos contribúen a mellorar a regulación da temperatura do solo”, apunta o investigador.

Outra razón fundamental para valorar o emprego de xistos nos viñedos é a gran cantidade de material dispoñible en municipios como Quiroga, pero tamén noutras zonas da provincia de Ourense. Os restos desbotados polas canteiras e que permanecen acumulados en distintos puntos poden converterse nunha ferramenta útil no viñedo, ó tempo que se lle procura unha nova utilidade. Ademais, ó tratarse dun material de orixe natural e local mantense como unha alternativa sostible ambientalmente.

Os primeiros resultados

A equipa de investigación de PROEPLA levou a cabo a investigación sobre o emprego de xistos en viñedos de Quiroga, en concreto nunha parcela de 1,27 hectáreas plantada de viñas de Mencía. Trátase dunha finca cunhas 3.333 plantas por hectárea nun marco de plantación de 2,5 x 1,2 metros. Nela instalaron un sistema de rego por goteo na liña do viñedo.

Os primeiros resultados recollidos amosan notables diferencias en aspectos como a produción e a temperatura acadada no viñedo. En concreto, o uso dos xistos conseguiu unha importante baixada da calor que recibe a planta. Así, mentres no solo a temperatura acadaba os 42.9 graos centígrados, no dosel de vexetación e nos acios a temperatura situábase en 31 graos.

En canto á produción, os mellores resultados na parcela foron os logrados nas cepas que contaban con xisto na liña da planta e rega diaria. Neste caso lográronse rendementos de 3,62 quilogramos por cepa, mentres que nas plantas nas que só foron regadas, pero non contaban con xistos, redúcese a valores de 3,2 quilogramos por cepa.

O uso de xistos e a rega diaria permite incrementar o número de acios e a produción do viñedo

Resulta significativo que o número de acios logrados só con rega é lixeiramente superior (14,7), aínda que a produción sexa máis baixa. Naquelas plantas que combinaban a rega diaria e os xistos o número de acios foi de 14,1.

Rega e Xistos

Comparativa do número de acios e produción entre os viñedos con rega diaria e xistos (T1SM) e os que só teñen rega (T1).

Pola contra, nas cepas de sequeiro e sen xistos o número de acios descendeu a 12,4. Aínda que as plantas non se reguen, se se opta por empregar xisto na liña, chégase a conseguir unha media de 13,2 acios. Así, aínda que coa combinación de rega diaria e xistos se logren mellores resultados, só co emprego dos xistos pódese conseguir incrementar o número de acios.

O mesmo acontece na produción. As cepas de sequeiro con xistos logran unha produción de 3,49 quilogramos por cepa, o que mesmo é superior a se se opta só por regar as cepas (3,20 quilogramos por cepa). Nas cepas de sequeiro que quedaron sen xistos a produción cae ata 2,98 quilos por cepa. Por iso, aínda que a mellor opción para incrementar a produción pasa por combinar o emprego dos xistos e a rega diaria, só cos xistos xa se pode lograr un incremento da produción de case un punto.

Comparativa entre os viñedos en sequeiro (TOP) e os que en sequeiro teñen restos de xistos na liña do viñedo (TOPSM).

Pese ós bos resultados amosados nestes primeiros traballos en campo cos xistos, Cancela amósase cauto e incide na necesidade de seguir a comprobar os efectos destas prácticas nos próximos anos. O investigador tamén apunta que é preciso realizar análises da calidade da uva e da composición aromática dos viños obtidos logo de levar a cabo este manexo do viñedo. Ademais, sinala que se precisa avaliar máis en detalle os resultados do efecto de combinar a rega e os xistos.

A fertirrega e o uso dos xistos

Ademais do emprego de xistos e rega, dende a Universidade de Santiago tamén estudaron os efectos que o emprego de xistos pode reportar combinando coa fertirrega, un sistema que facilita o aporte de elementos nutritivos á planta na forma na que ela mellor os absorbe e á profundidade na que se atopan as raíces de alimentación. “Con este método evitamos un dos problemas típicos da fertilización: a contaminación por escorrenta. A fertirrega ten unha influencia decisiva na calidade e na cantidade. Pódese estimar que en condicións similares a produción pode ser un 20% máis”, explica o investigador da USC Benjamín Rey, quen presentou nestas xornadas os avances que permite este método de fertilización combinado co uso dos xistos.

Utilizar xistos mellora a fertirrega e a produción de viñedo, á vez que se evitan riscos como as escorrentas dos fertilizantes

“Os resultados foron moi bos e esperanzadores, aínda que só foi un ano de estudo. Este proxecto é un primeiro paso para poder optimizar tanto a auga como a incorporación de fertilizantes”, detalla Rey. Os primeiros resultados amosan que empregar xistos na liña do viñedo mellora a fertirrega e a produción do viñedo. “Ó poder proporcionar fertilizantes nas capas máis profundas, fóra da competencia de malas herbas e cunha capa descontinua evítase a evaporación e o crecemento de malas herbas e lógrase un mellor rendemento”, detalla Rey. Así, neste primeiro ano de investigacións constataron melloras tanto na calidade como na cantidade de produción obtida ó ter xistos e fertirrega en comparación con outros tratamentos.

Os estudos, do mesmo xeito que fixera Cancela, leváranse a cabo só con cepas da variedade Mencía. Na fertirrega empregaron fosfato monoámónico, para incorporar o fósforo, e nitrato potásico, para proporcionar potásio. Tamén optaron polo nitrato de magnesio e as necesidades de nitróxeno cubríronas con nitrato amónico. Este ano non precisaron proporcionar calcio ó solo, segundo as analíticas realizadas.

“Os bos resultados obtidos neste primeiro ano de estudo abren a liña a novas investigacións dadas as posibilidades que ofrece o uso de xistos para reducir o impacto ambiental e a contaminación do emprego de abonos por escorrentas que afectan a acuíferos, ríos ou pantanos”, conclúe Rey.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información