Na súa aposta pola innovación, o Grupo Soaga acaba de lanzar ao mercado un novo produto biofunxicida para aplicación en viñedo que logra reducir o uso de produtos químicos convencionais utilizados contra o mildiu, unha das enfermidades máis habituais e difíciles de controlar en Galicia.
O novo produto, que recibiu o nome de SOY, utiliza como materia prima lecitina de soia libre de OMG (organismos modificados xeneticamente) e con rexistro para o seu uso na industria alimentaria.
A lecitina de soia está incluída na lista comunitaria de substancias básicas aprobadas como estimulador dos mecanismos de defensa naturais da planta. “Ten un efecto secante sobre a enfermidade apreciable e destacable”, indica Emilio Lemos, membro do equipo técnico do Grupo Soaga especialista en viñedo.
O novo produto está autorizado tamén para oídio e ten outras propiedades beneficiosas, ao fortalecer as paredes celulares do froito
O novo produto está autorizado tamén para oídio, outra das enfermidades fúnxicas máis habituais en viñedo, que afecta á planta entre o inicio da floración e o engorde do gran como período máis sensible e pode provocar perdas de rendemento e de calidade dos viños.
Ademais de protexer á vide contra o ataque de fungos, a lecitina de soia ten outras propiedades beneficiosas, ao producir un fortalecemento das paredes celulares do froito.
Vantaxes da formulación
SOY foi desenvolto polo departamento de I+D+i de Grupo Soaga no seu laboratorio de Vilanova de Arousa cunha fórmula nova que achega vantaxes á hora de aplicación do produto.
“Baixo unha formulación líquida que inclúe tres compoñentes, un mollante, un adherente e un emulsionante, presenta unha partícula de gota máis fina, polo que recubre moito mellor toda a superficie vexetal, cunha película máis homoxénea e duradeira sobre a zona tratada, protexendo mellor á planta e permitindo unha redución de doses”, destaca o técnico de Soaga.
Presenta unha partícula de gota máis fina, polo que recubre moito mellor toda a superficie vexetal, e ao ser insoluble en auga a súa permanencia e eficacia protectora é maior
Ao mesmo tempo, a soia utilizada para este produto funxicida é insoluble en auga, polo que a súa permanencia sobre a planta e a súa eficacia protectora é maior en comparación con outros produtos solubles que presentan unha menor capacidade hidrófuga.
Eficacia nas condicións climáticas de Galicia
O novo produto, que xa está dispoñible no mercado, está a ser usado na actual campaña de tratamentos funxicidas de primavera en Galicia con resultados satisfactorios.
“Zonas como O Salnés son moi vulnerables ao mildiu polas condicións climatolóxicas de temperatura e alta humidade e necesítanse ferramentas eficaces para o control da enfermidade cando a presión é alta. Este novo produto contribúe de maneira decisiva”, asegura Emilio Lemos.
Poden realizarse ata 12 tratamentos cun intervalo de 5 días entre eles
SOY pode aplicarse só ou mesturado con outros produtos fitosanitarios convencionais para o control do mildiu para potenciar os seus efectos, con ata 12 tratamentos autorizados e un intervalo de 5 días de separación entre eles, e desde Soaga recomendan actuar preventivamente ante momentos de alta incidencia de ataques deste fungo para evitar danos irreversibles no viñedo.
Obxectivo: redución de produtos fitosanitarios convencionais
SOY, o novo bioprotector para viñedo, forma parte da gama Fertimón Tech do Grupo Soaga e vén sumarse a outros produtos nutricionais xa consolidados, como LIGNO MZ ou FORTABROT, que se empezaron a aplicar o ano pasado para control de mildiu e escoriose en viñedo con excelentes resultados.
A crecente presión legal, con normativas cada vez máis restritivas ao uso de funxicidas convencionais, obriga aos viticultores para apostar por alternativas biolóxicas e ás empresas fabricantes a dar pasos neste sentido.
A UE pretende reducir á metade o uso de produtos fitosanitarios en 2030
“Introducindo produtos con este novo perfil, dependendo da zona e do nivel de presión de mildiu existente, poderiamos reducir considerablemente o uso de fitosanitarios de orixe química pura; o obxectivo sería chegar a unha redución significativa para cumprir coa nova Estratexia europea”, defende Emilio Lemos.
A Estratexia Da Granxa á Mesa, aprobada pola UE, márcase como obxectivo unha redución do 50% do uso de produtos fitosanitarios na agricultura europea en 2030.