Claves para o control da xuncia e do amaranto no millo

A xuncia e o amaranto son dúas herbas foráneas que nas últimas décadas se espallaron por Galicia, especialmente nas provincias da Coruña e Lugo, provocando problemas para o desenvolvemento dos cultivos, como o millo. Falamos con tres técnicos que explican as claves para o seu control

Finca con xuncia á que se lle aplicou herbicida

Finca con xuncia á que se lle aplicou herbicida

A xuncia  e o amaranto (Amaranthus) son dúas plantas invasoras que nas últimas décadas se espallaron nas terras agrícolas de Galicia e da Cornixa Cantábrica, comprometendo o desenvolvemento de cultivos como o millo ou a pataca. Na xuncia hai dúas variedades, a Cyperus esculentus L. e a Cyperus rotundus, e pode que esta última sexa a máis difícil de controlar. 

Para coñecer as claves para o seu control falamos con Juan Valladares Alonso, técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM); con Adrián Cundíns, xerente da cooperativa coruñesa Ganxabar, e con Manuel Rodríguez Medeiros, xefe de vendas e márketing da cooperativa Aira. 

José Manuel Rodríguez Medeiros (Cooperativa AIRA): “Na provincia de Lugo estamos tendo problemas co amaranto, e a clave é unha boa aplicación para chegar a todas as plantas”

En canto á xuncia, José Manuel Rodríguez Medeiros asegura que “na provincia de Lugo empeza a espallarse: Na Mariña lucense si que a xuncia é moi común e moi problemática, no centro e sur da provincia aparéce de maneira máis esporádica non sendo , hoxe en día, un grave problema salvo nalgunhas parcelas ailladas. E logo si que está bastante presente en Sarria e algo en Chantada,  principalmente”.

“As claves cando aparece nas fincas é non deixar que se multiplique, pois ten moita capacidade para espallarse, especialmente se se remove a terra e como nace de forma escalonada é difícil de controlar con herbicidas. Hai que controlala ben cando aparece nunha leira, pois do contrario apodérase dela, e  ao botar órganos de resistencia (bulbos), o control complícase moito. Neste sentido, debemos facer unha aplicación coas plantas en estadíos temperás (3-6 follas das herbas) con herbicidas eficaces e cambiar e/ou combinar materias activas”, asegura.

As materias activas para combatela son a sulcotriona e a mesotriona. Neste sentido, a recomendación do responsable da cooperativa AIRA “é facer unha primeira aplicación de herbicida de forma temperá, co millo con entre 2 e 4 follas, cando nacen as primeiras xuncias, pois este herbicida ten certo efecto de preemerxencia, matando ao redor do 50% das malas herbas”. “Desta forma – engade- vanse agrupando as xuncias que van nacer posteriormente para dar unha segunda man de herbicida en postemerxencia co millo con entre 4 e 6 follas”.

José Manuel Rodríguez Medeiros advirte de que “se esperamos a que o millo teña 8 follas ou máis fai un efecto paraugas para o herbicida de forma que non chega á xuncia que está debaixo del, a non ser que empreguemos boquillas tipo cono”.

“O problema é que cada planta de amaranto produce ata 500.000 sementes, de aí a importancia de non deixar plantas sen tratar con herbicida”

En canto ao amaranto, Medeiros informa que “na provincia de Lugo dende hai uns dez anos empezou a ser problemático, máis que o Chenopodium album (Fariñento), algo que relaciona pola reducción dos tratamentos en preemerxencia, e pola desaparición de materias activas do rexistro do Ministerio de Agricultura, algo que leva a repetir materias activas e á consecuente aparición de resistencias. 

Neste sentido, advirte de que “se se nos escapan herbas e non damos un repaso teremos un problema para o ano seguinte cunha infestación moi grande polo enorme banco de sementes, pois cada planta de amaranto produce unhas 500.000 sementes”. 

A este respecto, para o responsable de AIRA, “posiblemente a mellor técnica de control do amaranto con herbicidas sexa, hoxe en día, facer un tratemento de postemerxencia precoz, e despois repasar aquelas parcelas cunha postemerxencia onde o herbicida non foi suficientemente eficaz”. Poren, recoñece que “o problema son os tempos e a oportunidade, e en primavera acumúlanse os traballos e ás veces, non se chega a todo ao tempo que se debera”. 

De aí, que oincida na importancia dunha boa aplicación, con condicións ambientais de temperatura e humidade que permitan que a planta estea receptiva ao herbicida, para poder controlar por enriba do 95-97% das plantas. “O problema co amaranto -subliña- non é matalo co herbicida senón chegar a todas as plantas, de forma que se nos quedan algunhas sen controlar nas beiras da finca ou nos rodais ao ano seguinte imos ter unha infestación grave, pola cantidade enorme de sementes que bota”.

As materias activas que se empregan para o amaranto son o S-METOLACLORO+sulcotriona, a mesotriona, así como o tifensulfuron metil 50% “Agora tamén se están volvendo empregar herbicidas de folla ancha como o dicamba, bastante efectivo”, asegura.

Finca infestada de amaranto. Foto: Cooperativa AIRA

Finca infestada de amaranto. Foto: Cooperativa AIRA

Juan Valladares (CIAM): “ Unha forma efectiva de controlar a xuncia é sementar nabos como cultivo de inverno ou deixala tres anos a pradeira”

Dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Valladares desaconsella empregar herbicidas de preemerxencia para controlar a xuncia pois considera que “a miña experiencia en moitos anos tratando contra esta herba faime concluir que os de preemerxencia son pouco efectivos”.

En canto ao momento de aplicación, recomenda esperar a que o o millo teña entre 5 e 6 follas. “Se agardamos a que teña 8 ou 9 follas quedaría afogado pola xuncia. O millo nos primeiros estadíos hai que protexelo, senón pode quedar asfixiado polas malas herbas e logo hai problemas importantes de rendementos”, asegura.

Como recomendacións prácticas para combater a xuncia o técnico do CIAM aconsella “sementar cedo, xa que a xuncia xermina un pouco máis tarde que o millo, e no inverno a ser posible meter como abono verde brásicas (como o nabo), que inhiben a xerminación das malas herbas”.

E cando sexa posible, Juan Valladares considera que “deberíamos facer rotacións longas nas fincas de millo, deixándoas dous ou tres anos a pradeira, xa que a xuncia aguanta mal o corte e compite mal coas outras gramíneas e leguminosas ao ter pouca altura. E unha vez pasados eses tres anos con pradeira sementaríamos millo”.

Adrián Cundíns (GANXABAR): “Sementamos unha 800 hectáreas de millo e de momento non é un problema grave a xuncia”

Adrián Cundíns é xerente da cooperativa coruñesa Ganxabar, que xestiona, entre outras, as terras de varias ganderías das comarcas do Xallas e da Barcala, cunhas 800 hectáreas de millo sementadas este ano.

Sobre a xuncia asegura que para eles de momento non é problemática. “Ata agora nunca foi un problema esaxerado, si que é unha problemática de custos, pois cada vez é máis caro tratar”. “O que facemos é deixarnos asesorar nas materias activas que podemos aplicar, escollendo segundo os resultados daquelas casas comerciais que fixeron ensaios na zona”, asegura.

O protocolo que seguen en Ganxabar é aplicar un herbicida de preemerxencia nas sementeiras temperás do mes de abril, sobre todo se despois está previsto que chova e vai ser difícil entrar na leira. E nas sementeiras máis tardías, en maio, realizan un control en postemerxencia o máis tardio posible, aplicando dúas materias activas, unha para folla ancha e outra para estreita”

“Se o mes de maio ven húmido e con calor enseguida o millo cobre a mesa e non sole ser preciso outro tratamento, pero se ven frío e seco, como este, temos que ir a un segundo pase de herbicida en postemerxencia”, explica Adrián Cundíns.

Recoñece que “si que notamos que con 2 tratamentos o millo sufre e ten menos altura, aínda que o axudemos cun abono foliar, pero non notamos baixada de rendemento á hora de ensilar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información