Showroom de adegas e viños de Valdeorras na cidade da Coruña

A iniciativa, celebrada no Hotel Finisterre, reuniu dezanove adegas do territorio amparado.

Publicidade
Showroom de adegas e viños de Valdeorras na cidade da Coruña

A D.O. Valdeorras quixo seducir á cidade da Coruña mostrando o mellor dos seus viños. “A cidade da Coruña sempre foi e será un mercado prioritario para os nosos viños e hoxe, de novo, traemos un pequeno anaco do noso territorio amparado ata esta urbe co obxectivo de dar a coñecer os mellores brancos e tintos que producimos en Valdeorras e que están a conquistar todo tipo de padais”. Son palabras do máximo responsable do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, para poñer en valor o acto promocional que a entidade que preside promove ao longo de todo o día de hoxe no Hotel Finisterre da cidade herculina.

Este evento promocional, no que se poden degustar viños de 19 adegas (case a metade das que conforman o territorio amparado) valdeorresas, consta de diversas actividades orientadas tanto a prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. “O obxectivo último é dar a coñecer o noso potencial vitivinícola ao maior número de persoas posible para que saiban que somos o berce do godello, pero que tamén somos quen de elaborar tintos dunha excelente calidade”, continúa Rodríguez Castellanos.

A axenda de actos desenvolvida no marco deste showroom arrincou onte coa celebración dunha cata, promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín, e dirixida polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, que se orientou a un público profesional. Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva.

Ao longo da xornada de hoxe, entre as 11.00 e as 14.00 horas desta mañá, e de 17.00 a 21.00 horas da tarde, os adegueiros desprazados ata a cidade herculina ofreceron unha degustación do mellor das súas colleitas nun acto aberto a todo tipo de público, que xerou unha gran expectación e afluencia de visitantes. Amais disto, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse ata o Hotel Finisterre para coñecer, de primeira man, o bo facer vitivinícola de Valdeorras, unha visita que o presidente do Consello Regulador quixo agradecer “moi especialmente”.

Xunto a isto, no marco da axenda desenvolvida no Hotel Finisterre un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servicios de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña recibiron unha charla introductoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información