Teo acollerá o próximo venres 4 de setembro unha xornada para analizar o impacto da liberalización do sector lácteo en Galicia no contexto europeo e internacional. A actividade, organizada por Alternativa Galega de Esquerda (Age), estará precedida dun seminario sobre o fin das cotas que se celebrará en Bruxelas os días 2 e 3 de setembro, ó que acudirá un grupo de 25 gandeiros galegos. A actividade foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola eurodiputada de Age Lidia Senra.
A xornada que se celebrará en Galicia iniciarase ás 11.30 horas do venres coas intervencións de Isabel Vilalba (Sindicato Labrego) e de Phillippe Collin (Confederation Paysanne, de Francia). Senra incidiu na presentación de hoxe no interese que ten coñecer a situación no país veciño tras o acordo pechado en xullo polo Ministerio de Agricultura de Francia entre industrias, distribución e gandeiros.
Na sesión de tarde, a partir das 15.30 horas, inservirán Diane Dowling (National Farmer’s Union (Canadá) e Néstor Alfredo Díaz (Fensuagro, Colombia – Vía Campesina).
A actividade terá lugar na Casa Común de Oza (Ribas, Teo, a escasos quilómetros da capital galega.
“Europa ten que reducir a produción de leite”
A eurodeputada de Age, Lidia Senra, que fora no seu día secretaria xeral do Sindicato Labrego, analizou, a preguntas dos xornalistas, a crise actual de prezos do leite e as perspectivas dunha posible regulación da produción en Europa.
– O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, foi contundente esta semana á hora de dicir que as cotas lácteas remataron e que non volverán. ¿Vós defendedes un retorno temporal ás cotas e novos instrumentos de regulación do mercado?
– En primeiro lugar, hai que dicir que é normal que o comisario diga que as cotas non volverán, xa que é un gran defensor da liberalización do sector lácteo e dos agronegocios. Desde a nosa perspectiva, Europa ten que reducir a produción a nivel global, ata un nivel que lle permita cubrir o mercado interior e ter uns pequenos excedentes. Ademais, tería que producirse unha redistribución dos dereitos de produción na UE.
“Coas cotas, había cousas que non funcionaban, pero o abandono do control da produción só agravou os problemas”
– Estes días, un articulista sostiña nun xornal galego que os que antes estaban en contra das cotas, agora defenden o seu regreso. Estás de acordo con esa perspectiva?
– Eu o que sempre dixen foi que a implantación das cotas deixou a este país cun volume de produción ridículo e que inviabilizaba ó sector lácteo. A demanda fundamental era de máis cota. A comezos dos 90 tiñamos 100.000 granxas familiares e hoxe xa só quedan 10.000. Tamén nos opuxemos ó mercado de cotas, que levou a que o sector se endebedase de xeito tremendo, pero sempre defendemos un control da produción, un modelo de explotacións de tamaño humano, familiar, e que se resolvese o problema do prezo, que é algo que non resolvían as cotas por si soas. Había cousas que non funcionaban, pero co abandono do control da produción, estamos peor aínda.
– En canto á situación de crise de prezos pola que pasa o sector. Cre posible unha intermediación política que impulse un acordo entre industrias, gandeiros e distribución?
– Eu lémbrome de reunións que había no pasado entre os sindicatos agrarios e a industria nas que se chegaban a acordos de prezos. Outra cousa é que eses acordos foran máis ou menos difíciles e que houbese que presionar. O escenario agora é que ese tipo de negociacións se quere desarticular e non hai vontade política para intermediar na crise do sector. De aí que a conselleira estea a dicir que as solucións pasan polas organizacións de produtores, cando nunca fixeron falta organizacións de produtores para negociar o prezo do leite.