Bodega Alanís é un referente histórico dos viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Fundada en Barbantes no ano 1910, foi adquirida a finais do século pasado por Bodegas Gallegas, grupo creado por Manolo Arnoya e propietario, entre outras, das adegas Rectoral de Amandi ou Rectoral do Umia.
Os seus viños “Gran Alanís” e “San Trocado”, elaborados con uvas de variedades autóctonas e preferentes do Ribeiro, están presentes nos 5 continentes. Falamos con Antonio Muñoz González, director técnico de Bodegas Gallegas.
O Gran Alanís recibiu no 2018 a medalla de ouro no Concurso Mundial de Bruxelas ¿Como naceu este viño e que o levou a lograr esta distinción?
O Gran Alanís creámolo no ano 2009 a partir dunha mestura dun 75% de treixadura, a variedade raíña do Ribeiro, e un 25% de Torrontés, pero o resultado non nos convenceu. Seguimos experimentando e no 2011 demos co coupage plurivarietal máis acaido: un 70% de Treixadura, un 15% de Godello e un 15% de Albariño, por suposto de uva producida na Denominación de Orixe, coas características diferenciadoras que lle aporta o noso terroir.
¿O segredo para que guste tanto e teña éxito nos concursos aos que o presentamos? Pois que é un viño moi fácil e agradable de beber, cun equilibrio entre alcohol e acidez. O seu aspecto é brillante, con tonos amarelos limón e reflexos verdosos, e recendos frutais. É un viño que ao probalo deixa frescura no padal, cun paso amable e equilibrado.
¿Onde tedes os vosos principais mercados?
Se ben a nivel do grupo Bodegas Gallegas exportamos xa o 40% da nosa produción, o viño de Bodega Alanís vendémolo en arredor dun 80% en España, correspondendo a metade a Galicia. Pódese mercar nas principais cadeas de alimentación e tamén na hostalaría.
O Gran Alanís foi medrando nestes anos, posicionándose en lugares onde antes non estaba, e hoxe xa comercializamos algo máis de 200.000 botellas.
¿O San Trocado é o viño premium de Bodegas Alanís?
É un viño diferente, neste caso un monovarietal elaborado a partir de 100% uva Treixadura. Sacámolo ao mercado no ano 2011 e neste momento vendemos unhas 100.000 botellas, comercializadas en prácticamente un 90% en Galicia.
Sodes unha das poucas grandes adegas do Ribeiro que non teñen viñedo. ¿De onde procede a vosa uva?
De pequenos e medianos viticultores rexistrados na Denominación de Orixe cos que temos contratos homologados. Gran parte da uva coa que elaboramos tanto o Gran Alanís como o San Trocado procede de Solaina Minei, unha moderna plantación vitícola, modelo de cooperación entre os veciños para poñer en valor terras improdutivas e crear emprego no rural, que se atopa no concello de Castrelo de Miño, na aldea de As Bouzas.
“Mantemos un contrato a 10 anos con Solaina Minei, un moderno viñedo de 38 hectáreas en Castrelo de Miño”
Son 38 hectáreas de viñedos que nos producen a uva Treixadura , Godello ou Albariño coa que elaboramos os nosos viños. Dende o ano 2010 levamos traballando con eles e asinamos un contrato a 10 anos, que nos dá seguridade tanto aos viticultores como a nós.
¿Bodega Alanís ten previsto plantar viñedos propios no Ribeiro?
É unha realidade que hai un avellentamento evidente dos viticultores que nos fornecen de uva e como adega por suposto que nos preocupa.
Neste sentido, estamos mirando de mercar terras para facer plantacións modernas de viñedo, sobre todo nos concellos de A Arnoia, o concello natal de Manolo Arnoya, o fundador do Grupo Bodegas Gallegas, como no concello de Cenlle.
A día de hoxe Bodega Alanís plantaría de inmediato 100 hectáreas de viñedo na Denominación de Orixe Ribeiro, pero o que nos frea é o enorme minifundio e a dificultade de poder contactar cos propietarios dos terreos.
Neste sentido, paréceme moi necesario o Plan Estratéxico do Ribeiro, impulsado polo Consello Regulador e pola Deputación de Ourense, para ver cantas son as hectáreas reais de viñedo que están cultivadas na Denominación de Orixe, que variedades hai e a partir de aí ter unha estratexia para medrar.
¿Como ves o futuro desta Denominación de Orixe?
Sen dúbida temos un potencial enorme porque os viños do Ribeiro están entre os tres mellores do mundo, posto que temos moitas variedades de uvas autóctonas, todas de excelente calidade, e que en viños plurivarietais amosan un carácter único e que namora a quen os proba.
Sen embargo, temos que encarar a realidade: A maior parte dos viticultores son xente maior, que se vai xubilar, e que traballa o minifundio. Para ter futuro temos que apoiar a xente nova, que sexa profesional, de forma que a viticultura sexa a súa actividade principal, que se asocie para reducir custos de produción e ir a plantacións modernas e de maior tamaño.
“Para ter futuro temos que apoiar a xente nova e que sexa profesional”
Temos competencia de viños brancos doutras Denominacións de Orixe como Rueda nas que producen a moito menor prezo, polo que, sen esquecer que a nosa aposta é claramente pola calidade e pola diferenciación, non debemos perder de vista a importancia de baixar os custos de produción.
¿E como vedes recuperar o cultivo de variedades tintas no Ribeiro?
É certo que na antigüidade os viños que se producían no Ribeiro eran sobre todo tintos, con variedades que aínda conservamos como a Sousón, o Ferrón ou o Brancellao. Pero hoxe as nosas vendas e o mercado dos viños galegos están fundamentalmente nos brancos, e creo que levamos moitos anos de atraso para posicionarnos nos tintos de calidade e ser competitivos.