San Martiño SL, relevo en feminino nunha gandería que moxe 235 vacas

Laura Vázquez Pérez incorporouse fai tres anos a esta gandería familiar de Portomarín que segue a medrar ano tras ano. "Sempre me gustou o traballo cos animais e é unha alternativa laboral que xa tes na casa", di. O futuro da granxa está xa nas súas mans, porque aínda que fai de todo, o seu día a día está centrado no traballo coa recría, fundamental para o incremento de cabezas desta explotación

Laura coa súa nai, Maricarmen, na nave de produción da explotación

Laura coa súa nai, Maricarmen, na nave de produción da explotación

Catro de cada dez incorporacións de mozos á actividade agrogandeira o ano pasado en Galicia déronse na provincia de Lugo pero case todas están protagonizadas por rapaces. As mulleres son minoría nas estatísticas pero o seu traballo é cada vez máis importante nas explotacións. Falamos con Laura Vázquez que con 32 anos dirixe xunto aos seus pais San Martiño SL, unha gandería de leite ubicada na parroquia de Vedro, no concello de Portomarín.

Con 450 cabezas totais e 235 vacas en produción San Martiño é unha das ganderías máis grandes de Portomarín. Entregan uns 8.500 litros diarios de leite, pero a súa intención é seguir medrando. “A idea non é parar aquí, queremos seguir aumentando pouco a pouco”, conta Laura.

Laura é filla única, polo que o relevo da granxa pasa por ela cando os seus pais se xubilen dentro de 10 anos. A súa incorporación á explotación foi un proceso natural. “Sempre me gustou o traballo cos animais e é unha alternativa laboral que xa tes na casa. Empecei a estudar unha enxeñería, pero non a rematei porque ves o traballo na casa e acábaste centrando niso, sobre todo cando é algo que che gusta. Así que deixei a universidade e optei por facer o curso de incorporación en Monforte para seguir coa granxa”, explica. 

Tres décadas de crecemento sostido

A última ampliación foi feita no ano 2017

A última ampliación foi feita no ano 2017

Aos seus 32 anos Laura dirixe xunto aos seus pais, Antonio e Maricarmen, esta gandería que xa era dos seus avós. “No ano 87 meus pais casaron e viñeron para aquí. Eran os dous moi novos, a miña nai tiña 22 anos e o meu pai 23. Os meus avós tiñan xa aquí 20 vacas de leite e granxa de cochos, que se foi deixando ao ir aumentando ás vacas”, conta.

“No ano 88 fixérase un establo novo para 50 vacas pero logo quedou pequeno e fomos ampliando, así case todos os anos practicamente. Tiñamos 80.000 litros de cuota e fomos comprando moita”, lembra a súa nai.

Laura, que naceu o mesmo ano que se fixo aquela nave para 50 vacas, incorporouse fai tres anos e foi entón cando constituíron a SL. Foi tamén nese momento, no 2017, cando fixeron a última ampliación. “Fixemos máis camas e sacamos as parideiras e as becerras para fóra da nave de produción para facer sitio”, contan.

15 anos sen entrar gando de fóra na explotación

Dispoñen de 175 animais entre becerras e xovencas, o que lles garante reemprazo dabondo para cubrir as necesidades da gandería e ir medrando ano a ano

Un antigo silo adaptado para a recría. Dispoñen de 165 animais entre becerras e xovencas, o que lles garante reemprazo dabondo para cubrir as necesidades da gandería e lles permite ir medrando ano a ano

Aínda que os seus pais sigan dirixindo a granxa, o futuro da explotación está xa en boa medida nas mans de Laura, xa que son ela e a súa nai as que se encargan de sacar adiante as becerras pequenas, fundamentais para que o número de cabezas e de vacas en produción siga aumentando sen ter que recurrir á compra de animais. 

O ano pasado instalaron unha amamantadora para reducir man de obra nas becerras pequenas

Malia que o crecemento foi notable e o medre continuo nos últimos anos, San Martiño leva 15 anos sen meter gando de fóra na explotación. “Levamos 15 anos sen comprar vacas, as últimas viñeran de Alemaña. Criamos todo e sóbranos a recría que temos. Neste momento temos 165 animais entre xatas e xovencas”, indica Laura.

SAT San Martiño (Portomarin) amamantadora1

As becerras están até os 6 meses nas instalacións de San Martiño, onde teñen a amamantadora e fan o destete, e logo pasan ás de Castrolázaro para completar o proceso de recría e inseminación

Como en moitas outras ganderías de leite a medida que van aumentando o seu tamaño, nesta explotación a recría precisa cada vez máis espazo e rouba máis horas de traballo, polo que o ano pasado optaron pola instalación dunha amamantadora.

“Levamos un ano con ela e estamos contentos, só tivemos unha baixa nestes doce meses e non foi de diarrea nin de e pneumonía nin de ningunha enfermidade dese tipo, foi algo súbito. Non notamos cambio en canto ao crecemento das becerras, porque antes xa poñiamos moito énfase na súa alimentación, pero agora ademais de velas bonitas velas en liberdade, antes estaban en boxes individuais na corte vella pero tiñan menos espazo”, explica.

As xatas entran na amamantadora con entre 7 e 10 días de vida e botan un mínimo de 68 días mamando na máquina nodriza até que son destetadas

As xatas entran na amamantadora con entre 7 e 10 días de vida e botan 68 días mamando na máquina. “Se vemos que hai algunha pequena aínda lle prolongamos algún día máis”, di. Ademais deste novo espazo habilitado para a nodriza da marca Delaval, usan tamén para a recría dous silos antigos que adaptaron para teren o lote de destete e a corte vella que tiñan xa os seus avós, onde os animais xa destetados teñen opción de saír a un patio de recreo.

Recría repartida en distintas naves alugadas

Lote das xovencas preñadas, nunha das naves alugadas en Castrolázaro

Lote das xovencas preñadas, nun dos establos arrendados en Castrolázaro

A nave de produción está no lugar de San Martiño, o mesmo que pon nome á explotación, onde tamén teñen as vacas secas e as becerras pequenas, pero a medida que o número de cabezas ía medrando estas instalacións fóronlles quedando pequenas, polo que contan na actualidade ademais con dúas naves arrendadas en Castrolázaro, na mesma parroquia de Vedro, para completar o proceso de recría.

“Eran de veciños que foron pechando ao xubilarse. As xatas saen daquí con 6 meses e van para unha destas naves que temos alugadas, onde están até os 13 ou 14 meses. Despois cambiámolas para a outra das naves, que é onde está o segundo lote. Alí é onde se fai a inseminación e están até que se aproximan ao parto. Volven para San Martiño un mes ou 20 días antes de parir”, explica Laura.

A recría témola en tres emprazamentos distintos pero están cerca entre si, cambiámolas andando dunha corte para a outra

O feito de que as distintas instalacións, tanto o establo de produción como as naves alugadas de recría, se atopen próximas entre si, nun radio dun quilómetro de distancia, permítelles mover o gando a pé entre uns lotes e os outros, sen necesidade de transporte. “A recría témola repartida pero está cerca, cambiámolas andando dunha corte para a outra”, conta.

Entregan a Inleit desde esta primavera

A maior parte das xovencas son inseminadas con frisón, o mesmo que as vacas, pero desde fai un ano están a cruzar con montbeliard algúns dos animais, seguindo o método Procross e agardan para final deste ano o nacemento das primeiras crías híbridas. “Para poder implantar os cruzamentos primeiro tiven que convencer ao meu pai das vantaxes. Son moitos anos inseminando con frisón e por iso custa decidirse a facer algo diferente, pero é cuestión de probar”, admite Laura. 

“Producimos unha media diaria de 36 litros por vaca e nas calidades sempre estamos ben”, asegura. Móvense en medias de 3,85% de graxa e 3,33% de proteína e Laura agarda que a introdución dos cruces con montbeliard e rojo sueco sirva tamén para incrementar estes parámetros, que son interesantes para a empresa á que entregan a súa produción.  

Desde fai un ano están a inseminar algúns animais con montbeliard, seguindo o método Procross de cruzamentos 

San Martiño SL é unha das 200 explotacións ás que recolle Inleit, a planta instalada no polígono industrial de Teixeiro adicada á elaboración de derivados lácteos para nutrición, bebidas enerxéticas para deportistas, alimentación infantil ou a industria farmacéutica, e que decidiu instalarse en Galicia tanto pola dispoñibilidade de materia prima como pola maior porcentaxe de sólidos do leite producido na nosa comunidade. 

Finca para as secas e preparto

SAT San Martiño (Portomarin) secas2O mesmo que os distintos lotes de recría teñen a opción de saír a un patio, tamén as vacas secas dispoñen dunha finca ampla a carón do establo na que poden estar e que comparten co lote de preparto e con catro burros. “Trouxémolos fai 5 anos para vixiar, porque nesta zona hai lobo. Andan no medio das secas e veñen con elas tamén comer ao establo”, explica.

Ademais das perdas polos ataques do lobo, estar fóra supón que se incrementen os riscos de certos tipos de enfermidades, como determinados fallos reprodutivos provocados pola neosporose, responsable de abortos e pérdida de fetos. “Temos algúns problemas de neosporas, non é moito pero algo hai”, recoñecen. Nestes casos inseminan con touros cárnicos, tanto azul belga como limusín, para evitar que o parásito se transmita á descendencia. 

Temos algúns problemas de neosporas, non é moito pero algo hai

A Neospora caninum é un parásito procedente do can que entra en contacto coa vaca a través da inxesta de auga ou pasto con restos de excrementos de can e que se enquista no sistema nervioso e no músculo esquelético da vaca, provocando desaxustes no sistema inmune do animal durante a época que está preñada. 

Mellora da saúde podal

SAT San Martiño (Portomarin) baño podoloxia

O baño de pés dúas veces á semana con sulfato de cobre axúdalles a manter unha boa saúde podal

Do outro lado da balanza, a posibilidade de saír ao exterior conleva outra serie de beneficios e mellora considerablemente a saúde podal do gando, favorecendo a recuperación das patas nos periodos de secado. Pero ademais nesta gandería dous días á semana fan baño de pés cunha solución a base de sulfato de cobre ás vacas que están en produción no establo para deste xeito previr posibles coxeiras.

Dúas veces á semana fan baño de pés ás vacas en produción para previr coxeiras

“Antes había bastantes problemas de coxeiras, agora pode haber un caso ou dous ao mes como moito. Ademais de atender esas urxencias, facemos dúas revisións anuais a todo o gando”, detalla Laura. 

Sete postos de traballo

Arriman tres veces ao día cun invento caseiro que fixeron para o tractor vello

Arriman a ración tres veces ao día cun invento caseiro que fixeron para o tractor vello

Nesta explotación traballan 7 persoas, tres da familia (Antonio, Maricarmen e Laura) máis outros catro empregados con contratos fixos e a tempo completo. “Empezamos con tres traballadores pero necesitabamos outro a maiores para cubrir as vacacións e as libranzas. Libran un día á semana e teñen un mes de vacacións”, explica Laura.

Aínda que as tarefas diarias se reparten en función de a quen lle toque traballar cada día, hai certas labores asignadas previamente. “Un dos empregados está centrado en muxir e nas inseminacións xunto co meu pai, iso é cousa deles, igual que as becerras pequenas son cousa miña e de miña nai, niso non toca ninguén máis, e para o resto das cousas ímonos alternando, non hai traballos fixos, imos organizando en función dos que estamos cada día e imos rotando, como por exemplo para ir atender as xovencas ás outras dúas naves”, detalla.  

Determinadas tarefas como muxir, as inseminacións ou o coidado das becerras están asignadas a unha ou dúas persoas, o resto das cousas ímonos alternando, non hai traballos fixos e imos organizando en función dos que estamos cada día 

Dispoñen dunha sala con 20 puntos onde realizan dúas muxiduras diarias, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, unha tarefa que lles leva dúas horas e media. “Empezamos cunha sala de 5 puntos, logo puxeramos 9 e fai 6 anos reformámola para instalar 10 puntos de cada lado”, explican.

As camas das vacas en produción son de area e poñen especial énfase na súa limpeza. “As camas fanse todos os días pola mañá, a mediodía revísanse e pola noite antes de muxir vólvense facer”, indican.

Pertencen á CUMA de Vilaxuste

A maquinaria da CUMA encárgase dos ensilados e o carro mesturador acode todos os días a facerlles as distintas racións de alimentación

A maquinaria da CUMA encárgase de ensilar e o carro mesturador de facer as distintas racións de alimentación

San Martiño SL forma parte da CUMA de Vilaxuste xunto a outras 5 explotacións do concello de Portomarín (SAT A Campiña, Abrita SC, SAT A Cruz, Gandeiría Luchana e Gandeiría Outeiro). É esta cooperativa de maquinaria compartida a que se encarga de facer case todos os traballos na gandería, desde as tarefas agrícolas de sementeira e recollida das forraxes, a servir a ración diaria do gando ou axudar a botar o purín nas campañas.

“Ata agora se non era en plena campaña sacabamos nós o purín e se era en campaña para poder sementar antes viña a CUMA axudar, pero se cambia a normativa do purín e non se pode botar o xurro co sistema de prato haberá que adaptar a maquinaria da CUMA porque para un só non vale a pena poñer inxectores”, razoa Laura. 

O carro da CUMA vén todos os días ás sete da mañá facer unha ración para as vacas de leite e despois de facer o percorrido polas outras 5 explotacións volve facer as racións para as vacas secas e para a recría

O carro mesturador tamén é compartido e a persoa que o conduce está contratada pola CUMA, que conta con outros tres tractoristas fixos durante todo o ano, máis os contratos de reforzo para as campañas. “O carro pasa todos os días a primeira hora, ás sete da mañá e fainos unha ración para as vacas de leite. Logo segue o percorrido polo resto das explotacións que formamos a CUMA e despois volve a facer as racións para o lote de secas e o das xovencas e fainos outra ración máis para as de leite, porque cunha soa non nos chega para todas. Despois o que facemos é arrimar nós outras tres veces máis ao longo do día cun invento caseiro que se fixo para o rastrillo e o tractor vello”, conta.

Vilaxuste S. Coop. Galega foi no ano 1998 a primeira CUMA en crearse en Galicia e segunda a nivel de todo o Estado e, ademais de contar cun parque de maquinaria que dá servizo a todas as explotacións, ten contrata unha persoa que leva tamén a xestión de todas as granxas.

O 75% da superficie é arrendada

San Martiño SL (Portomarín) superficie agrariaSan Martiño conta con 120 hectáreas de superficie, das que só 30 son propias. “Temos 90 hectáreas alugadas, cando van pechando explotacións imos collendo as fincas. Pagamos a 200 euros”, detalla. Para rendabilizar ese gasto tratan de que o terreo produza o máis posible. “Sacamos tres colleitas de herba, nos meses de marzo, maio e finais de xuño, dependendo de como veña o tempo, e logo botamos o millo. Abonamos moito porque algunhas das fincas que levamos alugadas pertencen a dous veciños que teñen granxas de porcos e sacámoslles tamén o purín”, explica Laura.

Fan fincapé no abonado para sacar o máximo rendemento posible ás fincas e deste xeito logran tres cortes de herba e un de millo

Botan 90 hectáreas a millo e o resto téñeno a pradeira. Este ano a colleita de millo foi máis escasa que en anos anteriores. “Este ano o millo quedouse atrasado, afectoulle a seca e despois tamén algo o xabarín coma todos os anos”, quéixase. Pero ademais a inestabilidade meteorolóxica durante a campaña de ensilado deste ano fixo que a recollida tivese que facerse máis tarde. “Como choveu moitos días, na segunda semana de outubro boa parte do millo aínda estaba sen meter”, recorda Laura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información