A planta de celulosa e lyocell proxectada para Palas de Rei (Lugo) avanza novos pasos para a súa construción. Greenfiber, a firma promotora, participada por Altri e Greenalia, xa presentou o estudo de impacto ambiental e a lista de parcelas afectadas polas canalizacións de captación de augas e de verquido de augas residuais, que suman máis de 20 quilómetros.
Xunto coa presentación do estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental, Greenfiber pediu a declaración de utilidade pública da instalación, o que permitiría executar expropiacións das terras precisas para completar a planta e as súas canalizacións. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a lista de propietarios afectados, que inclúe a veciños de Melide e Santiso (A Coruña), Agolada (Pontevedra) e Palas de Rei (Lugo).
Captación e verquido de augas
Unha das cuestións máis polémicas desde o punto de vista veciñal e desde o ambiental é o da captación e verquido de augas. É un escenario co que xa se contaba no 2022, cando se anunciou a planta, e que está a tensarse nas últimas semanas.
Os veciños dos concellos afectados tachan de escurantista o proceso e están a reclamar máis información. Desde Agolada, propietarios afectados emitiron un comunicado días atrás cuestionando que non puidesen presentar alegacións ó proxecto de captación e verquido de augas, pois aseguran que o proxecto non foi exposto no Concello. malia que din que lle foi reclamado ó Goberno local en numerosas ocasións.
Doutro lado, colectivos ecoloxistas como Adega advirten do impacto dos verquidos da planta no río Ulla, cun posible efecto na economía marisqueira da ría de Arousa.
A instalación ten previsto captar 46.000 metros cúbicos de auga cada día do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada, e prevese o verquido de 30.000 metros cúbicos de auga ó día. Greenfiber sempre defendeu que o verquido de augas se colocará antes do punto de captación, o que entende que posibilitará unha certa recirculación da auga verquida no proceso da planta, reducindo o impacto ambiental.
As canalizacións de augas superarán os 20 quilómetros (12,5 km. para a de captación e 8,8 km. para a de verquido). Toda a documentación do proxecto poderá consultarse neste enlace.
Produción da planta
A solicitude de autorización ambiental da planta aclara tamén o proxecto de produción. Se nun inicio, hai dous anos, se falara da creación dunha instalación para a produción de fibras téxtiles (lyocell), a realidade é que a industria adicarase de xeito principal á produción de celulosa, que acaparará un 80% dos volumes producidos na súa primeira fase, en tanto o lyocell suporá arredor dun 20% da produción.
En toneladas, espérase a produción nun inicio de 250.000 toneladas de celulosa e de 60.000 de lyocell. Cando a instalación estea en pleno funcionamento, a capacidade produtiva será de 400.000 toneladas de celulosa e de 200.000 de lyocell.
Materia prima
A materia prima para abastecer á planta será, como se esperaba, eucalipto globulus e nitens. Nun principio, a planta consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, e cando estea a pleno rendemento achegarase ós 2,4 millóns de metros cúbicos de eucalipto.
Desde o punto de vista forestal, os propietarios ven a instalación como positiva, pois introduce maior competencia polo eucalipto galego, que tiña ata o de agora un mercado limitado, coas plantas de Ence en Pontevedra e Asturias como principais destinos, con partidas menores para as plantas portuguesas da propia Altri e Navigator e para instalacións do resto da península (Zaragoza, País Vasco).
Por contra, desde a perspectiva dos ecoloxistas, témese que esa maior demanda se traduza nun aumento da superficie de eucalipto por medio de plantacións ilegais ‘consentidas’.
Cómpre lembrar que a normativa actual prohíbe plantar eucalipto en superficies agrarias ou en substitución de masas de frondosas. Existe tamén unha moratoria ata o 2025 que ademais prohíbe substituír piñeirais por eucaliptais, se ben queda por ver como se resolve esa restricción a partir do próximo ano.