Ence anuncia que xa pechou acordos de venda para máis de un millón de toneladas de celulosa para este ano 2024, o que supón cubrir o máximo de produción das biofábricas da compañía para o presente exercicio.
Principalmente, os acordos de venda alcanzados teñen por destino o mercado europeo, no que Ence ten importantes vantaxes competitivas loxísticas e de servizo ao cliente. A través destas operacións, a compañía logra aumentar a súa cota de mercado no continente, e mellorar o seu posicionamento en segmentos chave. Tal é o caso das especialidades, o packaging e, moi especialmente, o tisú, segmentos que representan preto do 90% das vendas contratadas. Neste sentido, dende Ence destacan o incremento de volume en segmentos en crecemento, como o dos papeis sanitarios.
Ademáis, a compañía pon en valor o aumento das súas vendas de produtos especiais, englobados baixo a marca “Ence Advanced”, que achegan un plus de valor engadido nun mercado altamente competitivo. Trátase de celulosa especial destinada a multitude de aplicacións que permiten a substitución de fibra longa por fibra curta; e que se erixen como alternativas sostibles ás fibras sintéticas, como os plásticos, contribuíndo así ao avance da bioeconomía circular. Estes produtos representaron xa un 25% dos ingresos por venda de celulosa da compañía no terceiro trimestre de 2023. O obxectivo de Ence é que supoñan máis do 40% das vendas de celulosa en 2027.
Doutra banda, dende Ence salientan que “os acordos de venda pechados para este ano evidencian a importante capilaridade da compañía, de tal modo que as operacións pechadas con clientes pequenos e medianos superan amplamente a metade das vendas da empresa”.