Reunión de Unións con Tecores de Xallas e da Costa da Morte para impulsar cambios na Lei de Caza

Reunión de Unións con Tecores de Xallas e da Costa da Morte para impulsar cambios na Lei de Caza

Danos do xabarín nun prado. / Arquivo.

Unións Agrarias reuniuse con representantes dos Tecores de Muxía, Santa Comba, Zas, Mazaricos e Camariñas para analizar a situación dos danos do xabaril na agricultura. Do encontro saíu o acordo de manter unha postura conxunta ante a Xunta en relación ós danos do xabarín. Tanto a organización agraria como os cazadores están a favor dun cambio da Lei de Caza que obrigue á Xunta a asumir a totalidade dos danos causados polo xabarín.

Na actualidade, as indemnizacións por danos no agro correspóndenlle en teoría ós Tecores, salvo en zonas libres de caza, nas que é a Administración a que tería que asumilas. Na práctica, os Tecores carecen de recursos para afrontar o pago de indemnizacións, polo que os afectados ou ben se contentan coas axudas por danos que convoca a Xunta, que nalgúns casos só cubren parte dos destrozos, ou denuncian ó Tecor para pedir o pago de maiores indemnizacións.

De feito, Unións anunciou recentemente que apoiaría ós gandeiros e agricultores que quixesen denunciar a un Tecor, en vista da dimensión que estaban acadando ós danos nalgunhas zonas. Iso xerou malestar nos Tecores, ata o punto de que un dos afectados por denuncias, como é o de Dozón (Pontevedra), decidiu excluír as parcelas dos denunciantes da superficie do Tecor.

Unións lembra que a actual Lei 13/2013 de Caza de Galicia, no seu Artigo 62, establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos TECOR e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta, pero non está de acordo con esa situación. Por iso, a organización agraria declárase decidida a impulsar un cambio da Lei de Caza, conxuntamente cos Tecores.

Así se plasmou na reunión mantida con Tecores do Xallas e da Costa da Morte. “Tanto os representantes dos cazadores reunidos como Unións Agrarias estiveron de acordo en que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros de perdas que se estima causa o xabaril na agricultura galega anualmente. Asemade, os colectivos reunidos coinciden en que o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019”, destaca Unións.

A proposta do cambio da Lei de Caza quérese consensuar coa maioría de sociedades de caza posibles, unindo ademais outras cuestións, como a distinción entre a caza cinexética e a caza por control de danos; ou un papel máis activo da Consellería de Medio Ambiente na protección dos cultivos, especialmente durante a época de veda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información