Regúlanse en Galicia as penalizacións por incumprimentos na PAC

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde pola que se definen as penalizacións por incumprimento da condicionalidade e das medidas de medioambiente e clima

Regúlanse en Galicia as penalizacións por incumprimentos na PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se definen as penalizacións por incumprimento dos requisitos de admisibilidade e compromisos das axudas da PAC. Ademais, nesta norma establécense tamén os organismos de control da condicionalidade reforzada. Para recibir a axuda PAC á renda, os agricultores deben respectar un conxunto de normas básicas. A interacción entre o respecto destas normas e a axuda prestada aos agricultores denomínase condicionalidade.

No novo período da Política Agrícola Común, 2023-2027, cunha maior subsidiaridade e corresponsabilidade dos Estados Membros, corresponde a estes desenvolver, a través da súa regulamentación, a aplicación das penalizacións no caso de incumprimento por parte das persoas beneficiarias.

Así, unha vez difundida a normativa nacional de aplicación, publícase tamén por parte da Xunta esta orde na que que se definen no ámbito autonómico as devanditas penalizacións. Así mesmo, establécense os organismos que, en Galicia, se encargarán do control da condicionalidade reforzada que, neste novo período, inclúe novos requisitos dentro dunha denominada condicionalidade social.

A orde consta de tres artigos complementados cos seus 3 anexos nos que se establece en primeiro lugar a tipificación das penalizacións por incumprimento dos requisitos de admisibilidade e compromisos das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas. En segundo termo, defínense as penalizacións por incumprimento das obrigas da condicionalidade reforzada (requisitos legais de xestión e das boas condicións agrarias e medioambientais) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, así como a avaliación destes incumprimentos en función da súa gravidade, alcance e persistencia.

En terceiro lugar, concrétanse os organismos de control da condicionalidade reforzada, nos que, en función das súas competencias intervirán: o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias e a Subdirección Xeral de Gandaría -órganos da Consellería do Medio Rural-, ademais das autoridades sociais e laborais no control das obrigas da condicionalidade social.

Con todo, a Xunta fai un chamamento para o cumprimento destas esixencias. Os interesados poderán poñerse en contacto co Fondo Galego de Garantía Agraria para resolver calquera tipo de dúbida relacionada con esta cuestión.

Pódese consultar neste documento a orde do DOG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información