A Consellería do Medio Rural vén de publicar unhas instruccións para determinar como proceder contra quen incumpra as obrigas de xestión do mato e do arborado en torno a núcleos de poboación e vías de comunicación. Medio Rural determina que competencias corresponden ós Concellos e cales á Xunta, así como que Administración terá que proceder á execución forzosa e a sancionar ó propietario.
Como ata o de agora, o inicio de actuacións de oficio para impulsar as franxas de protección antilume dependerá da vontade das Administracións competentes: Concellos e Xunta de Galicia. Debullamos a continuación as instruccións publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Competencias
– Os Concellos son as Administracións competentes para vixilar o cumprimento das franxas de protección contra o lume en solo rústico, urbanizable ou de núcleo rural. Como é sabido, en torno a vivendas e núcleos de poboación, a normativa obriga a manter 50 metros libres de mato, piñeiros e eucaliptos, se ben si pode haber frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos, etc.) nunha densidade inferior a 200 pés por hectárea.
– En caso de que notificado o propietario sobre o incumprimento, este non corrixa o problema, serán os Concellos as Administracións competentes para proceder á execución forzosa dos traballos, en tanto que corresponderalle á Xunta de Galicia o procedemento sancionador paralelo.
– A Xunta de Galicia será a competente para vixilar o comprimento das franxas de protección en torno a vías de comunicación. Con carácter xeral, a lexislación establece que as estradas deben manter unha franxa lateral de 10 metros sen piñeiros nin eucaliptos, en tanto as frondosas caducifolias deben estar afastadas alomenos 4 metros.
– É tamén a Xunta a competetente para sancionar e retirar plantacións ilegais en terras agrarias.
Notificación ó propietario e prazos
Distancias mínimas en torno a vivendas e núcleos de poboación
Para a identificación dos propietarios das parcelas con incumprimentos, a Administración botará man dos datos que teña, incluídos os do Catastro, de cara a notificarlle as súas obrigas ó propietario. Se a titularidade do terreo é descoñecida, procederase, a efectos de notificación, á publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.
Os Concellos concederán un prazo máximo de 15 días naturais para o cumprimento da normativa e apercibirán ó propietario de que, transcorrido ese prazo, poderán proceder á execución forzosa dos traballos, sen máis trámites.
A Administración comunicaralle tamén ó propietario afectado a liquidación provisional dos custos ós que previsiblemente dará lugar a execución forzosa dos traballos, sen prexuízo da liquidación definitiva que corresponda unha vez rematados eses traballos, de ser o caso.
Cando a coantía agregada dos custos supere ó valor catastral da parcela, poderase proceder a súa expropiación forzosa.
Tamén se lle informará ó propietario do proceso sancionador que se iniciará contra el e da coantía das sancións ás que se enfronta.
Distancias mínimas a vías de comunicación
Nos casos correspondentes á xestión da biomasa en torno a vías de comunicación, como regra xeral non se efectuarán notificacións individuais, senón que a Xunta procederá a comunicacións conxuntas relativas a un mesmo treito de vía mediante publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.
Esas comunicacións incluirán os datos catastrais das parcelas afectadas, a identificación das persoas responsables e a obriga concreta que están a incumprir. A Xunta concederá un prazo máximo de 3 meses para o cumprimento voluntario das obrigas relativas ás distancias mínimas a vías de comunicación.
En caso de non correxirse o problema, a Administración autonómica procederá á execución subsidiaria dos traballos, sen máis comunicacións previas ó afectado, e ó decomiso da madeira retirada. De xeito paralelo, iniciará un procedemento sancionador contra o propietario.
Zonas de actuación prioritaria
A Administración poderá delimitar zonas de actuación prioritaria e urxente, sobre as que poderá proceder á execución forzosa da retirada de biomasa sen notificación previa ós propietarios, pois o apercibimento ós afectados enténdese implícita na declaración dunha zona como prioritaria.
O organismo actuante procederá igualmente á identificación dos propietarios, a fin de cargarlles os custos dos traballos da execución subsidiaria, así coma as correspondentes sancións.
Cómo podemos coñecer as zonas de actuación prioritaria e urxente ?
É unha cuestión que en teoría debe decidir cada Concello. Estas son as recomendacións e valoracións sobre o tema da Consellería do Medio Rural: http://www.campogalego.com/forestal/parroquias-prioritarias-que-deben-executar-franxas-de-proteccion-contra-o-lume/
Graciñas.
E sabes se está previsto publicar a relación dos Concellos coas áreas de actuación prioritarias de cada Concello?
Saúdos.
En teoría, cada Concello debe executar un plan de defensa contra incendios forestais e aclarar as prioridades de actuación a nivel municipal. Na práctica, hai poucos Concellos aínda que estean a facer ese traballo.