Altri aporta 2 millóns de euros ó fondo público – privado de prevención de lumes

A pasteira portuguesa, que proxecta unha industria de fibras textiles en Palas de Rei, súmase así a Inditex, que xa aportara 9 millóns de euros ó fondo

Altri aporta 2 millóns de euros ó fondo público – privado de prevención de lumes

O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio coa pasteira portuguesa Altri por medio do que a firma lusa aportará 2 millóns de euros a un fondo público – privado creado pola Xunta para mellorar a prevención de incendios forestais. O acordo terá unha duración de catro anos e inclúe obxectivos ligados coa ordenación dos montes, a restauración de zonas afectadas por lumes, a potenciación de agrupacións forestais e o fomento de recursos forestais, incluídos resina, mel e outros aproveitamentos, segundo detalla a Xunta en nota de prensa.

A aportación de Altri súmase á que xa fixera Inditex, de 9 millóns de euros. A Xunta aspira a captar en total 18 millóns de euros das empresas privadas, ós que sumará outros 18 millóns de cartos públicos.

O acordo con Altri, a parte de aspectos ligados coa prevención de lumes e a restauración de zonas afectadas, inclúe cuestións sobre mellora xenética forestal. A Xunta sinala que as actuacións neste ámbito poden consistir, entre outras, “no establecemento de hortos sementeiros, parcelas de investigación, estudos de campo, determinación de rodais selectos ou transferencia tecnolóxica de diferentes especies forestais”.

Outro dos eixos de actuación será o fomento de agrupacións conxuntas de xestión forestal, co fin de reducir o minifundio do monte.

Programa para fomentar o manexo de gando na prevención de lumes
En relación cos lumes, o Consello da Xunta valorou tamén un programa de Medio Rural para fomentar o manexo de gando como sistema complementario ás rozas mecanizadas na prevención dos lumes. Para este 2024 anúnciase unha experiencia piloto, se ben non se concretou aínda onde se fará.

Asimesmo, abordouse no Consello outro proxecto piloto para crear áreas cortalumes na comarca de Monterrei, afectada por incendios que en ocasións son transfronteirizos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información