A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir este venres o seu aviso fitosanitario para os viticultores da provincia. Estas son as súas recomendacións:
Mildio:
Na revisión desta semana ás parcelas da rede da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a outras que visitaron os técnicos, nunha visión xeral das plantas non observaron cambios en relación á presenza de manchas de mildio fronte a semana anterior.
“Porén -matizan-, nalgunha das escasísimas manchas antigas que había, estaba saíndo a frutificación do fungo e tamén nunha viña da nosa rede habitual atopamos unha mancha nova, aínda sen esporular”.
De cara aos próximos días non hai coincidencia total nas predicións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, aínda que todas elas anuncian certa precipitación que dará comezo domingo, luns ou martes, para ir mellorando conforme pasen os días.
Con esta situación, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomendan “ renovar os tratamentos para evitar a aparición de novos síntomas, algo que xa están facendo moitos viticultores”.
Para asegurar en maior medida un estado sanitario adecuado lembran que hai que facilitar a aireación das vides mediante a sega da vexetación acompañante que, pola presenza das iflorescencias de moitas gramíneas, nalgúns predios está moi desenvolvida.
Oídio:
O tempo nebuloso destes días máis o esperado para as xornadas vindeiras cando se produzan precipitacións, son condicións favorables ao fungo responsable do oídio. Ademais, lembran que o patóxeno ten un desenvolvemento óptimo entre 25 e 30 °C, e entre 40 a 100% de humidade relativa, polo que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo nas plantas peor aireadas.
Black rot:
O incremento da humidade que se prevé unido a unhas temperaturas suaves-altas tamén favorecerá o desenvolvemento do fungo causante do Black Rot.
Lembran que en parcelas con presenza desta enfermidade, os tratamentos fronte ao mildio deben realizarse con funxicidas que teñan efecto fronte a black rot.
De igual xeito, cando comecen as intervencións antioídio tamén deben elixir un produto recomendado para controlar ambos patóxenos.
Enfermidades de madeira:
A semana pasada os técnicos da Estación de Areeiro empezaron a atopar viñas con síntomas destas alteracións da madeira, e esta semana aínda detectaron máis. “Non será conveniente se chove pero, se os síntomas son restrinxidos por exemplo a un brazo, pode eliminarse, desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un funxicida inmediatamente sobre o corte”, recomendan.