Dúas veces ao día un mínimo de 2 horas e a veces durante os 365 días do ano. Ese é o tempo que dedican as persoas que realizan o muxido a realizar esta labor clave nunha gandería de vacún de leite xa que do seu bo facer dependerá a calidade hixiénico-sanitaria do leite e moitas veces tamén a saúde do ubre das vacas.
Sen embargo, as moitas horas que se lle dedica, e sobre todo a falta de ergonomía nos movementos, así como dunha boa organización do traballo e dunhas instalacións axeitadas, provocan con frecuencia a apariación de dores, e mesmo lesións, no lombo e nos ombreiros, que a veces mesmo chegan a ser incapacitantes.
A diferencia de Galicia ou de España, en Francia os centros públicos, en concreto as cámaras agrarias e o Institut de L´Élévage (Idele) levan xa décadas informando aos gandeiros sobre como mellorar a hixiene postural e o deseño das instalacións para reducir o risco de lesións durante o muxido. Velaquí as principais recomendacións:
-Os movementos dos brazos, por debaixo do corazón:
O ideal durante o muxido -limpeza dos tetos, colocación das tetoeiras, despuntado…etc- é traballar o máximo posible cos cóbados cerca do corpo e sempre tentando que a altura á que traballamos coas mans estea por debaixo do noso corazón.
Neste sentido, debería haber adaptacións para respetar esta hixiene postural por dúas vías: Plataformas de elevación individuais dentro da fosa, pois non é o mesmo que faga o muxido unha persoa de 1,90 metros de altura que unha de 1,70 metros. Por outro lado, a tendencia das últimas décadas de vacas Holstein cada vez máis altas, e polo tanto co ubre máis alto con respecto ao piso do foso da sala de muxido, deberían facer revisar as medidas de construcción.
-Importantes diferenzas entre vacas adultas e primíparas:
De media a altura dende o piso aos tetos é de 65 centímetros nas Holstein pero nas primeirizas pode elevarse até os 82 centímetros. É dicir, se o foso da sala de muxido ten un metro de profundidade, os tetos no caso dunha primeriza atópanse a 1,80 metros. E iso para unha persoa que mida 1,65 ou 1,70 metros obrigará a elevar os brazos 15 ou 20 centímetros por riba da súa cabeza, incrementando notablemente o risco de lesións músculo esqueléticas.
-Limitar o máximo posible os desprazamentos, primando a economía de xestos. Tamén se debe asegurar o máximo posible o confort tanto na roupa (roupa cómoda e que nos protexa das baixas temperaturas, se é o caso) como de calzado, cómodo e que asegure un bo agarre ao chan.
Media de movementos durante o muxido:
-Boa iluminación:
Unha boa iluminación dos tetos, das tetoeiras, así que das zonas de risco (sobre todo as escaleiras), son indispensables.
-O peso das tetoeiras:
Segundo as marcas comerciais e o tipo de materiais, o peso das tetoeiras pode oscilar entre 1,9 e 2,5 kilos. O obxectivo debería ser reducir o seu peso ao máximo, tendendo cara os 2 kilos.
-A posición dos mandos (apertura de portas..etc) debe estar na zona de confort da persoa que moxe, é dicir entre a altura dos ombreiros e da cintura e a unha distancia máxima que alcance o brazo.
O semáforo dos movementos recomendados durante o muxido:
Principios xerais que inflúen na seguridade laboral durante o muxido:
1- Reducir o estrés organizando as rutinas:
Como punto de partida resulta clave ter e cumprir un protocolo de rutinas que se deben realizar para reducir o risco de esquecer unha tarefa durante o muxido, colocando cerca todo aquilo do que imos precisar durante o muxido, para reducir deste xeito a necesidade de desprazamentos.
2- Mellorar a circulación dos animais durante o muxido:
Non só vai reducir o tempo da operación senón que tamén reducirá as veces que teñamos que saír do foso da sala para empurrar as vacas, cun menor risco de caídas.
3-Mellorar a luminosidade:
Unha sala de muxido ben iluminada, especialmente con dispositivos LED (cun menor consumo de enerxía), facilitará o traballo das persoas que moxen, e tamén reducirá o estrés dos animais (menos zonas de sombra). A luminosidade debe ser semellante entre a sala de espera e a sala de muxido, para reducir o estrés das vacas e facilitar a baixada do leite.
4- Facilitar a xestión do leite de descarte. Nalgunhas granxas prefiren poñer varios recipientes e noutras xuntalo nun só para reducir os desprazamentos.
5- Facilitar a limpeza da sala de muxido: A elección do tipo de revestimento do solo, tanto no foso como na zona de desprazamento dos animais inflúe tamén no confort.