Recomendacións para o coidado da viña durante a próxima semana

Publicidade
Recomendacións para o coidado da viña durante a próxima semana

Micelio de oídio en gran. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu boletín fitosanitario desta semana das recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días.

Mildio:

O tempo estable, solleiro e con ventos do nordés moderados con rachas fortes que se rexistraron estes días non foron favorables ao fungo do mildio.

Así, os técnicos non observaron novos síntomas nas plantas tratadas e apenas había síntomas nas plantas testemuña que non trataron en toda a campaña.

Sen embargo, a situación pode cambiar de cumprirse as previsións dalgunhas axencias meteorolóxicas, que aluden a unha perda da influencia anticiclónica e a aumento da probabilidade de precipitacións, que poden producirse desde martes ou mércores. De momento este cambio non o anuncian en absoluto todas as previsións consultadas, porque de feito outras manteñen que seguirá o tempo seco. Por este motivo, haberá que estar pendentes da climatoloxía, de xeito que:

– De advertirse que se poida producir ese cambio será conveniente tratar antes das precipitacións, en especial aquelas viñas fóra do período de protección teórico da aplicación anterior, que a priori deberían de ser a maioría.

– De manterse o tempo seco simplemente haberá que seguir vixiando e non descoidar as prácticas culturais que permitan alixeirar a vexetación e favorecer a aireación a nivel da viña.

Oídio:

Na revisión desta semana os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro detectaron dúas viñas de albariño que xa presentaban rachos na pel dos grans ademais do escurecemento normal derivado da enfermidade do oídio. Tamén observaron novos síntomas nas plantas testemuña.

E é que as condicións destes días están a ser relativamente favorables á enfermidade, aínda que os rexistros tan elevados das horas centrais do día, ben superiores aos 30 ºC, non o son tanto.

“A curto prazo, anúnciase que persistirán estas temperaturas moi elevadas, pero para a semana que entra coinciden as diferentes previsións en que serán algo máis baixas e que se manterán na contorna dos 25-29 ºC ; é dicir, óptimas para o fungo o que, unido ao incremento da humidade relativa do aire que sen dúbida acompañará ao descenso térmico, xerará maior risco”, advirten.

Por esta razón, e aínda que o nivel de risco por fenoloxía xa non é tan elevado coma ata agora, dende a estación pontevedresa insisten en que “non se debe descoidar a vixilancia, en especial nas viñas que xa teñan presenza do
fungo”.

Black-rot:

A presenza de órganos afectados por este fungo segue a ser similar á das semanas anteriores, pero tampouco as condicións destes días lle resultan favorables.

Botrite:

Tampouco o tempo solleiro e os ventos secos do N ou NE favorecen a este patóxeno. Porén, nas viñas onde hai incidencia da enfermidade de xeito repetido todos os anos, antes de que todos os grans estean en contacto pode aplicarse un tratamento preventivo se finalmente veñen as choivas que anuncian algunhas axencias meteorolóxicas, en especial se hai danos por oídio ou feridas por calquera outra causa.

Golpe de sol en acio en parra. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

Golpe de sol en acio en parra. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

Outras incidencias:

Por último, dende a Estación Fitopatolóxica de Areero advirten de que “os síntomas de golpe de sol e de estrés hídrico son cada vez máis frecuentes”, aínda que matizan que “tamén é certo que nalgunhas viñas aínda se poden observar caracois nas follas e tamén nos acios”.

Síntomas de estrés hidrico. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

Síntomas de estrés hidrico. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información