Radiografía da vendima máis atípica

Adegas de Valdeorras e Ribeira Sacra inician unha vendima que vén adiantada en toda a comunidade. Prevese unha boa colleita pola calidade e cantidade de uva. As precaucións para evitar contaxios de Covid-19 marcan o traballar dos temporeiros, que gardan distancias e levan máscaras

Publicidade
Radiografía da vendima máis atípica

Vendima estes días na adega Godeval (Valdeorras). / Imaxe cedida.

Este ano a campaña de recollida da uva adiantarase en toda Galicia, nun ano no que a pandemia do coronavirus tamén está a marcar a diferenza, coa implantación de novos protocolos e restricións para evitar contaxios entre os temporeiros. O emprego de máscara, a obrigación de respectar a distancia mínima de seguridade entre os traballadores ou a realización de test están a ser algunhas das novas medidas que incorporan este ano ás adegas.

Son días de preparativos para o inicio da vendima tanto nas adegas como nos Consellos Reguladores, que apuran as revisións ós viñedos para valorar o inicio da recollida. Prevese unha colleita de moi boa calidade e cantidade, pese a que haberá importantes variacións dunhas zonas a outras dada a incidencia de pragas como o mildio na primavera.

Ademais, este 2020 a vendima virá condicionada pola capacidade das adegas para almacenar e procesar a uva en función das reservas de viño que aínda teñan, logo das limitacións para a venda que tiveron por mor da crise sanitaria.

Facemos un repaso polas 5 Denominacións de Orixes (DO) de Galicia e falamos tamén con adegas e cooperativas vitivinícolas para coñecer as previsións que teñen para esta vendima:

Valdeorras: “A vendima vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”

A adega Godeval, situada no Barco de Valdeorras, foi a primeira en comezar a vendimar en Galicia. Como en anos anteriores, é na Denominación de Orixe de Valdeorras onde arrancaron os traballos de recollida da uva, en concreto nas adegas Godeval e Valdesil, e espérase que nos próximos días se inicien tamén no resto de denominacións galegas.

“A vendima este ano vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”, ratifica Santiago Pérez, un dos técnicos da DO. Os controis de maduración realizados polo equipo técnico do Consello Regulador indican que as primeiras uvas recollidas contan cunha graduación alcohólica que se sitúa nos 13,5 graos. As noites frescas están favorecendo tamén que as uvas conserven acidez.

Estiman recoller uns 5,5 millóns de quilos, fronte ós 6,5 millóns alcanzados o pasado ano

As previsións apuntan a que haberá unha colleita de gran calidade e, pese a que aínda é cedo para axustar unha cifra, a cantidade de uva podería verse reducida con respecto a outras campañas nas que rondaba os 6,5 millóns de quilos. “Este é un ano atípico no que entran en xogo moitas variables, polo que é máis difícil facer unha estimación, pero cremos que se poden recoller uns 5,5 millóns de quilos”, explican dende o equipo técnico do Consello Regulador. A capacidade de almacenaxe das adegas pode ser un deses condicionantes. Ademais, sinalan que as restricións de mobilidade polo estado de alarma fixeron que algúns tratamentos fitosanitarios se atrasasen, o que pode condicionar a cantidade de uva recollida.

Vendimia-Godeval-2020

A adega Godeval foi a primeira en comezar coa vendima en Galicia. // Foto Godeval.

Para a adega Godeval esta foi unha das vendimas máis temperás. “Con respecto ó ano pasado comezamos 10 días antes”, explican dende a adega. Ó longo dos próximos 10 días teñen previsto recoller uns 150.000 quilos de uvas nunhas 24 hectáreas de viñedo propio. “As últimas chuvias melloraron notablemente o proceso de maduración ó evitar o estrés hídrico e favorecer a acumulación de azucre no acio”, comentan dende a adega.

Na Cooperativa Jesús Nazareno, situada no Barco, con máis de 300 socios e unhas 250 hectáreas de viñedo, a vendima arrancará a primeira semana de setembro. Os controis no viñedo fan prever unha colleita de moi boa calidade, aínda que estiman recoller unha menor cantidade de uva, arredor dun 30% por debaixo doutros anos. Tamén os prezos están a ser máis baixos que o doutras tempadas.

Os protocolos preventivos para evitar os contaxios do coronavirus están á orde do día nas adegas. “Activamos un protocolo na cooperativa para favorecer o distanciamento e tamén estamos a facer test na adega á par que estamos seguindo as recomendacións oficiais para a vendima”, indica Alfredo Vázquez, director comercial da cooperativa. O emprego de máscara, evitar compartir as ferramentas e o distanciamento entre traballadores tanto na recollida da uva como na hora do xantar son algunhas das pautas que marcan a vendima.

Ribeiro: “A vendima chega con case 15 días de adianto ó Ribeiro”

Este ano, o consello regulador da DO Ribeiro aprobaba en pleno as normas para a vendima xa o pasado 30 de xullo ante a previsión de que os traballos se adiantasen con respecto doutros anos. Aínda que algunha adega xa comezou a recoller uvas de variedades e zonas que maduran antes, agárdase que o groso da vendima sexa na primeira semana de setembro. “As previsións son de que haxa unha boa colleita, falta por ver as consecuencias que deixan tanto os paróns que tiveron algunhas adegas por mor das limitacións do Covid-19 como por ataques de mildio e botrite que houbo”, explica Juan Casares, presidente do Consello Regulador.

Agárdase que as adegas admitan toda a uva producida ó amparo da DO

Finalmente, e pese ó temor inicial, as adegas recollerán toda a uva producida ó amparo da DO. “Aínda que non se poida garantir por completo, as adegas máis importantes apuntaron o seu compromiso coa recollida, o que dá certa tranquilidade ós viticultores”, indica Casares.

Porén, os colleiteiros con viñedos fóra dos terreos da demarcación da DO veranse afectados polas limitacións por hectárea estipuladas no Real Decreto 557/2020 do 9 xuño. “Esta limitación afectará sobre todo a viñedos cun marco de plantación antigo, o que incrementa as producións por hectárea e que dedicaban parte desas uvas ó viño de mesa. Esta medida vai acelerar o ritmo de abandono de terras de viñedo no Ribeiro”, valora Casares, que recorda a importancia de manter a actividade vitivinícola para garantir o futuro socieconómico da comarca.

Rías Baixas: “Prevese chegar ós 37,5 millóns de quilos de uva, un 15% máis que no 2019”

As primeiras estimacións nas Rías Baixas apuntan a un incremento da colleita do 15% con respecto ó ano pasado. As perspectivas son acadar os 37,5 millóns de quilos, segundo informan dende o Consello Regulador. Aínda que se estimaba que os traballos comezasen na primeira quincena de setembro, algunhas adegas prevén iniciar a vendima esta mesma semana. “O aumento da produción débese á elevada taxa de brotación que tivemos este ano, que foi case do 90%, e ó tamaño dos acios, que tamén está a ser maior que outras campañas”, explican.

Os viñedos acusan un adianto fenolóxico de entre 10 e 15 días, logo dun inverno e unha primavera cálidos e con abundantes precipitacións. Estas condicións meteorolóxicas tamén deixaron importantes episodios de mildio. Porén, as previsións apuntan a unha colleita abundante e de boa calidade.

estado-vide-Rias-Baixas-2020-

Estado dos acios en viñedos da DO Rías Baixas en días pasados. // Foto: Consello Regulador Rías Baixas.

Na cooperativa Martín Códax, con máis de 300 socios, apuran estes días os preparativos para o comezo da vendima. “Os viticultores están visitando os viñedos para determinar o momento óptimo para comezar os traballos, pero aínda non temos unha data concreta”, explican dende a cooperativa. Porén, agardan que a vendima se adiante e poida comezar xa mesmo na vindeira semana cando, polo xeral, agardaban a mediados do mes de setembro.

Tamén están a concretar os protocolos de prevención que levarán a cabo na adega para evitar o contacto directo do persoal e reducir o risco de contaxio de coronavirus. “Estamos traballando para fixar as horas e espazos de recepción da uva para extremar as precaucións”, detallan. A medición regular da temperatura dos traballadores, o emprego de máscaras ou o uso de xeles son algunhas das medidas que incorporarán esta campaña. “Esta será a vendima máis atípica por causa do coronavirus e estamos desenvolvendo tódolos protocolos precisos para extremar as precaucións e garantir a seguridade dos traballadores”, argumentan.

Ribeira Sacra: “Agárdase boa calidade, aínda que a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio”

Salvo imprevistos, a adega Ronsel do Sil, da subzona Ribeiras do Sil, será a primeira en iniciar este mércores a vendima na DO Ribeira Sacra. Na mentres, esta semana os técnicos do Consello Regulador están a realizar os controis de maduración para fixar unha data de inicio xeral da vendima nesta denominación.

Uvas-inicio-vendima-Ribeira-Sacra-

Viñedos da Ribeira Sacra.

O estado sanitario dos viñedos é óptimo, polo que se agarda unha vendima de calidade. Porén, “a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio que se sufriron durante a primavera”, valora Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador. Así, as previsións apuntan a que se recollerán uns 6 millóns de quilos de uva, por debaixo dos 7,2 millóns de uva da tempada pasada, sendo unha vendima de récord para esta denominación de orixe.

As medidas preventivas polo Covid-19 están marcando tamén os preparativos da vendima, máis aínda cos gromos detectados nos últimos días en poboacións coma Monforte. Dende o Consello Regulador activaron novos protocolos preventivos para extremar as precaucións nas visitas de control ós viñedos e tamén remitiron ás adegas a necesidade de incorporar medidas preventivas.

Monterrei: “As chuvias foron no momento axeitado e agárdase que o bo tempo favoreza a maduración da uva”

Na DO Monterrei a previsión inicial era que a vendima comezara xa nestes últimos días do mes de agosto, pero logo das últimas choivas, a maioría das adegas atrasarana ata comezos de setembro. As precipitacións foron tamén moi ben recibidas nestes viñedos, que xa acusaban un importante estrés hídrico. “As temperaturas tan elevadas deste verán fixeron que as plantas, que xa levaban un adianto fenolóxico de case 10 días con respecto do ano pasado, sufriran un importante estrés hídrico que estaba a frear a maduración”, explica Luis Miguel López, director técnico do Consello Regulador.

Logo das precipitacións, as previsións de bo tempo para esta semana son unha boa nova para os vitivinicultores. “As chuvias viñeron no momento axeitado e agora coa previsión de que o anticiclón das Azores volva tocar Galicia agárdase que as uvas poidan acadar a maduración óptima”, apunta López.

“Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”

Todo apunta a que a deste ano será unha boa colleita. “Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”, informa o técnico. Porén, dende o Consello Regulador desbotan facer unha estimación, polo momento, dado que aínda restan días para entrar en plena campaña e a meteoroloxía pode tirar polo chan as previsións. A primeira adega que ten previsto iniciar a vendima é Pazo das Tapias (Verín), que comezará este xoves, segundo as previsións.

Con todo, a maioría das adegas opta por agardar uns días máis. Na adega Daniel Fernández, situada en Verín, agardan comezar a vendima a mediados do mes de setembro, unha semana antes do habitual. “Polo de agora, vai todo moi ben encamiñado e parece que imos ter unha moi boa colleita, sobre todo en canto a calidade, en especial nas cepas de Godello”, explica Alberto Fernández, responsable da adega.

Nestes días previos, na adega están comezando a contratación de persoal e a valorar os protocolos sanitarios que deberán seguir os temporeiros para evitar os contaxios. Tamén dende o Consello Regulador están informando ás adegas para que extremen as precaucións e as medidas sanitarias, ó tempo que os propios técnicos e persoal do órgano regulador están incorporando protocolos axeitados.

Medidas preventivas fronte ó Covid-19 na vendima

Ante o inicio da vendima, a Federación Rural Galega (Fruga) reclámalle tanto á Consellería de Sanidade como á de Medio Rural un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ó Covid-19. A organización agraria reitera en nota de prensa esta petición, centrada agora no sector vitivinícola, logo de non ter recibido contestación á solicitude realizada xa no mes de xullo que reclamaba estas indicacións para os sectores agropecuario e forestal.

A Fruga incide na necesidade de contar con estas ferramentas sobre todo para aquelas adegas de menor tamaño e familiares que non teñen capacidade para desenvolver uns protocolos. Apuntan que a solicitude de facer test ós temporeiros contratados, realizada pola Consellería de Sanidade, para o cribado dos gromos que poidan producirse na vendima, non abonda para afrontar a situación actual, dada a escalada de contaxios rexistrados nos últimos días en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información