A Fruga denuncia que as axudas da Xunta aos gandeiros de Ternera Gallega Suprema “quedan nas industrias”

Tamén apuntan a falta de incremento nos prezos da carne "suprema" como viña acontecendo durante os últimos anos por estas mesmas datas.

A Fruga denuncia que as axudas da Xunta aos gandeiros de Ternera Gallega Suprema “quedan nas industrias”

A Federación Rural Galega (FRUGA) sinala nun comunicado de prensa que os prezos da denominada carne “suprema” baixo a IXP “Ternera Gallega” non se están incrementando tal como viña pasando desde hai anos en época estival. Apuntan tamén que as axudas anunciadas polo conselleiro do Medio Rural, José González, para produtores e produtoras de “suprema” aínda non se materializaron. Á parte, FRUGA teme que estas axudas acaben en mans da industria para mercar carne a baixo prezo.

Este verán os prezos da carne de “suprema”, amparada pola IXP “Ternera Gallega” están tendo un comportamento anómalo a respecto do que viña acontecendo en anos anteriores, segundo FRUGA. Para esta federación, os prezos estanse mantendo cando en anos precedentes se producían importantes subas coincidindo cos meses de xullo e agosto, polo que os gandeiros e gandeiras produtores de tenreira galega suprema “ven comprometido o seu futuro ao non obter os prezos que outros anos eran habituais”.

No mes de maio o conselleiro do Medio Rural prometía unha axuda para as explotacións gandeiras produtoras de “suprema” de 0,80 euros por quilo de carne, “cousa que a día de hoxe aínda non se recibiu”.

Desde a FRUGA consideran imprescindible executar canto antes a medida anunciada polo conselleiro José González, xa que o sector da carne “suprema” é estratéxico para manter vivas certas zonas do rural galego “como son as da montaña, onde a economía de moitos concellos depende principalmente deste sector, e noutros ten unha influencia importante, como poden ser os concellos da Fonsagrada, Ancares, Sarria, Lugo, ou comarcas como as da Terra-Chá ou a Montaña ourensá”.

FRUGA estima que todo apoio ao sector produtor “ten de repercutir efectivamente sobre as gandeiros e gandeiras directos, neste caso de carne “suprema”, e non pode, nen debe ser aproveitada para baixar os prezos se non efectúa a suba que corresponde coa época do ano”. De non ser así, en última instancia o beneficiario desta medida sería a industria comercializadora, “que estaría mercando a materia prima máis barata sen mudar á baixa o prezo nos puntos de venda”.

FRUGA demanda da Consellería do Medio Rural que poña en marcha os mecanismos oportunos para evitar que a industria se aproveite das axudas para comprar xatos máis baratos. “De non ser así teremos que concluír que quen ao final se vai beneficiar desta axuda van ser os matadoiros, salas de despezamento e distribuidoras co consentimento da Consellería”.

Finalmente, reclaman que perante calquera abuso por parte da industria transformadora, a Consellería ten a obriga de evitar que unha axuda destinada a favorecer aos produtores de vacún de carne acabe beneficiando de forma indirecta á industria cárnica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información