A Asociación Nacional de Industrias de la Carne de España (ANICE) solicitou un encontro co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas para abordar distintos asuntos clave para o presente e o futuro do sector cárnico español.
Doutra banda, aproveitando a configuración dos departamentos ministeriais do novo Goberno de España, ANICE enviou un carta ao titular da carteira de agricultura para propoñer a unificación de competencias en materia de comercio exterior alimentario da administración central, que actualmente están divididas entre a Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Dirección Xeral de Saúde Pública e Equidade na Saúde, do Ministerio de Sanidade (MISAN).
Unha medida dirixida a concentrar as competencias en materia de exportación de alimentos na Dirección Xeral da Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do MAPA, que é quen mantén a interlocución cos países terceiros. Mentres que a Subdirección Xeral de Sanidade Exterior do MISAN centraría os seus traballos, como xa fai, no control oficial dos alimentos importados de países terceiros, un labor esencial para salvagardar a saúde dos consumidores españois. Esta unificación evitaría as graves disfuncións que esta dualidade de competencias en materia de comercio exterior veu xerando nos últimos anos, con prexuízos graves para as exportacións cárnicas e a imaxe país.
MISAN non implementou procedementos áxiles e acordes ás esixencias que require o complexo comercio internacional, xerando ineficacias e complexidade burocrática, o que se traduciu nunha perda de competitividade da industria española fronte á de países mellor organizados e sen esas dualidades competenciais.
Esta petición, que ANICE xa considera histórica para o sector cárnico, tivo tamén o aval doutras organizacións industriais agroalimentarias. De feito, a mesma Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), abordou este asunto e incorporouno nas peticións ao novo Goberno.
“Estamos nun momento crucial para consolidar a competitividade das industrias cárnicas nos mercados exteriores e a concentración das devanditas competencias no MAPA redundaría nunha mellora significativa dos actuais procedementos existentes para avalar a calidade e a seguridade alimentaria da produción cárnica española cun enfoque máis áxil e directo”, subliña o secretario xeral de ANICE, Miguel Huerta.