“Queremos multiplicar por catro a produción ecolóxica e apoiar os ciclos curtos de consumo”

Falamos co xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, Jorge Blanco, que nos avanza os piares da nova estratexia de traballo 2023-2027

“Queremos multiplicar por catro a produción ecolóxica e apoiar os ciclos curtos de consumo”

O xerente do GDR Mariñas-Betanzos, Jorge Blanco. / Fonte: A.G.

O desenvolvemento sostible é o piar de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos, que involucra nese obxectivo común ós principais sectores da comarca, o agroalimentario e o turístico.

De cara ó periodo 2023-2027, o GDR, xestor do plan Leader no seu territorio, está a deseñar unha estratexia que aposta por cuestións como a agricultura ecolóxica, os ecocomedores escolares ou a conservación da biodiversidade. Tamén aspira a implicar ás comunidades de montes veciñais en proxectos medioambientais. Analizamos co xerente do Grupo, Jorge Blanco, as perspectivas para o novo periodo.

Fainos unha pequena radiografía do GDR Mariñas-Betanzos

Empezamos no territorio a traballar en desenvolvemento rural no ano 2003, cunha iniciativa PRODER 2, onde estaban só os concellos da comarca da Coruña. No ano 2008, este grupo das Mariñas coruñesas fusionouse co Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Betanzos, dando orixe ao GDR Mariñas-Betanzos, con 15 concellos que aglutinan a maior parte da cunca do Mandeo e a do Mero-Barcés. 

Desde ahí estivemos traballando co plan Leader ata este período, e fomos seleccionados como GDR para o período 2023-2027, polo que agardamos seguir traballando coa Metodoloxía LEADER nos vindeiros anos. Actualmente, con novas entradas e saídas nestes anos, somos un total de 126 entidades asociadas ao GDR, con representación de todo tipo de colectivos, organizados en 10 mesas sectoriais -no eido do sector agrario, da xuventude, ambiental, Concellos, sector da pesca, institucións, etc., sendo unha verdadeira Mesa de Gobernanza do territorio.

Como é a participación das entidades no GDR?. Que obxectivos vos marcades para o periodo 2023-2027?

Sempre traballamos moito o tema da gobernanza e fortalecer esa forma de abordar problemas comúns e toma de decisións, para que pouco a pouco vaia enraizando no territorio, e que o proxecto sexa o máis amplo posible. Nestes momentos, abarcamos o desenvolvemento rural moi centrado no agro a través de iniciativas relacionadas coa produción e transformación, animando sempre á produción e transformación en ecolóxico, que será un dos piares da nova estratexia, pero tamén traballamos diversificación, modernización e innovación en todo o tecido produtivo. 

Despois, tamén temos prestado un especial coidado a aspectos ambientais. Desde o ano 2013, propuxemos á Unesco que declare o noso territorio Reserva da Biosfera, e desde a Declaración no 2013 temos aliñada a nosa estratexia co programa MAB da Unesco, que plantexa aplicar unha estratexia de desenvolvemento sostible, en sentido amplo, incorporando coñecemento para unha mellor xestión do territorio. 

Isto permitiunos reforzar toda a nosa parte ambiental, desde a conservación, a conectividade ecolóxica ou a biodiversidade. En paralelo, tamén fomentamos a creación de espazos naturais de interese local cos Concellos para ter unha rede máis potente de Espazos Protexidos. 

Neste sentido, outro dos nosos piares é a Educación ambiental, mediante traballo coas escolas que facemos conxuntamente cos concellos. Hai que engadir que a Cooperación Leader é un aspecto clave, pois entendemos que o Grupo de Desenvolvemento Rural só non é capaz de acceder a todos os recursos necesarios para os proxectos recollidos na estratexia, e as alianzas con outros GDRs e territorios resulta unha ferramenta moi eficaz para tratar problemas e proxectos en común.

Unha aposta fundamental na vosa actividade é o entorno e a sustentabilidade. Cómo vai seguir aportando o GDR á protección medioambiental e ao fomento de prácticas en ecolóxico?

Pasamos dun período no que os aspectos ambientais se vían prácticamente “confinados” aos espazos naturais a outro no que queremos incorporalos de xeito transversal na xestión do territorio, no sector agrario, gandeiro, forestal, etc. Ademáis, os proxectos de mellora ambiental deben ser realmente de conservación, é dicir, que melloren a xestión do hábitat, do espazo, a eliminación de especies invasoras, ou de procurar a mellora de determinadas especies.

Neste sentido, nós temos un valor engadido que son os nosos 20 anos de experiencia na xestión en contacto co territorio. Unha das cousas que aprendimos é que os “tempos da natureza” non se corresponden cos “tempos administrativos”, e sabemos que unha estratexia ten que ser a longo prazo, e na que o Grupo actúe como o facilitador de proxectos para que se poidan financiar desde outras entidades, Concellos, entidades ambientalistas, etc. 

Outra das vosas prioridades está orientada ao agro. De que xeito ides apoiar ao sector no novo período?

Imos traballar todo o que é mitigación e loita contra o cambio climático, aforro enerxético, xestión de residuos, xestión eficiente da auga, produción con enerxías alternativas, e no sector agrario, específicamente, mellora da biovidersidade e da conectividade ecolóxica. Isto todo é algo que queremos que permeabilice a todos os proxectos, imos impulsalo así nos criterios de selección, e logo, imos ter accións específicas co sector agrario. 

Quizais para nós é un dos eixos de traballo máis potentes, todo o que é asumir a estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ e a Estratexia da biodiversidade 2030, e nese marco procuraremos multiplicar por catro a nosa superficie e os nosos produtores en ecolóxico, avanzando cara a convertirnos nun Biodistrito. 

Os Eco-comedores escolares, que permiten achegarlle alimentos de proximidade e calidade ó estudantado, é unha iniciativa que se vai levar a máis Grupos de Desenvolvemento Rural

Pensamos que Leader nos vai permitir tanto apoiar a incorporación de novos activos como ampliar os que xa están producindo en ecolóxico ou os que se queiran meter na transición.

Complementario a isto será o impulso á comercialización en ciclos curtos, interpretándoa coma unha das bazas a seguir tendo aquí ao lado unha cidade de 250.000 habitantes. Unha das liñas de traballo ao respecto é a de Eco-Comedores escolares, que temos agora en marcha, coa que pretendemos achegar produto local da zona aos mozos e mozas. Nesta iniciativa estamos colaborando con outros 10 Grupos de Desenvolvemento Rural para levar os Eco-Comedores a outras comarcas galegas.

A innovación está cada vez máis presente en calquera ámbito productivo. A onde quere achegar o GDR coa innovación?

Fundamentalmente queremos facer o impulso no sector agroalimentario, e para iso, temos en Galicia unha ferramenta que son os Grupos Operativos de Innovación agraria. Desde que se puxo en marcha esta ferramenta no período 2014-20, temos desenvolvido distintos proxectos de Grupos Operativos, o que permite unha conexión entre os centros de investigación e universidades co campo e co monte, para achegar información, novas formas de pensar e en definitiva, aportar eficiencia ao sector productivo.

Como novidade, queremos comezar a traballar co sector forestal, un sector cunhas inercias distintas ao agrario, e cunhas lóxicas de produción diferentes. Neste caso, queremos mellorar a prestación de servizos ecosistémicos desde o ámbito forestal, mellorando a biodiversidade, a produción de outros subproductos, etc., e queremos que os Montes Veciñais en Mán Común sexan esas superficies piloto para a aplicación destas iniciativas. 

Os montes veciñais teñen capacidade para prestar servizos ecosistémicos, mellorando a biodiversidade. Faremos iniciativas piloto nesa liña

Isto representa un desafío porque o territorio forestal é moi diferente, moi plural e as comunidades teñen dinámicas propias, pero agora temos unha relación de maior confianza con elas, cuns obxectivos comúns, e iso, é o que permite o programa Leader, facer pequenos proxectos que poidamos apoiar desde o grupo, e traballar en rede con outros GDRs para amosar que os cambios se van facendo paso a paso.

Ao respecto dos proxectos, como vai ser a distribución de fondos entre productivos e non productivos no novo período?

Acorde á liña anterior, imos continuar mantendo maior porcentaxe de produtivos, cos límites que nos fixa Agader – 65% para productivos- porque consideramos que a parte da dinamización da economía é moi importante. Igualmente, tamén manteremos o complemento dos non-productivos, máis destinados á animación sociocultural. Cabe destacar que nós aquí desenvolvemos moita formación porque cremos que é unha fórmula excelente para animar un cambio de modelo, cambiar a forma de pensar, así como tecer alianzas con axentes locais.

Cal foi o ton da formación no último período?. E por qué camiño vai seguir neste?

Este ano, por exemplo, estivemos cun curso de produción de horta ecolóxica e froiteiras, porque é unha das demandas máis importantes que temos. Entón, os nosos cursos foron e irán por dúas vías: na liña agro -onde tamén somos Entidade de aconsellamento-, e polo apoio técnico aos produtores. Nestes últimos anos temos traballando moito o EcoTurismo, que xa ten unhas dinámicas de desenvolvemento moi positivas. 

Temos unha Marca propia da Reserva de Biosfera, que utilizamos para os productos locais e os servizos de Ecoturismo, e que axuda a uniformizar e mellorar a comercialización destos productos, vinculándoos ao desenvolvemento deste territorio. 

Neste sentido, a restauración da zona que se involucrou na Marca ten obriga de empregar produtos alimentarios de proximidade, o que xa de por sí é un circuito curto de alimentación.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información