Xornada na Fonsagrada sobre emprendemento no rural

A sesión busca visibilizar as oportunidades de emprego que hai no rural e celebrarase o 26 de abril na casa consistorial

Xornada na Fonsagrada sobre emprendemento no rural

‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar ou Rural’ é o título da sesión que terá lugar na Casa do Concello da Fonsagrada. Esta actividade está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dentro do marco do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e financiado pola Dirección Xeral de Políticas Contra o Despoboamento, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica. A sesión é gratuíta e celebrarase o próximo 26 de abril, aínda que o prazo de inscrición péchase o 24.

Conta cun programa matutino que finaliza cunha comida e xa pola tarde haberá a visita ao proxecto agroecológico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz. A xornada abrirase ás 10:00 horas coa benvida e inauguración a cargo de Carlos López, presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, e de Alberto López, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Acto seguido, terá lugar a primeira mesa redonda, que estará centrada nas ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Nela participarán representantes dos Obradoiros Compartidos de Brión, Adegueiros do Navia e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falarán sobre distintos proxectos agroecológicos.

Haberá tres presentacións nas que participan a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a FEGAMP

O segundo faladoiro virará ao redor das ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde ou sector asociativo e público’. Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP, representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) contarán a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio; a Fundación TerrEo explicará como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e coñecerase a experiencia da rede de coworkings da Deputación da Coruña.

A última mesa redonda terá como temática as ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’. Abordarase o Zwit Project de videoasistencia e presentarase a proba piloto do programa de videoasistencia que se está realizando xunto cos Servizos Sociais da Fonsagrada no marco tamén do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente.

Despois das mesas redondas haberá tres presentacións. A primeira será a do programa de mobilización de vivendas para aluguer (VIN426E) da Xunta de Galicia; a segunda do programa de apoio aos alugueres da Deputación de Lugo; e a terceira servirá para coñecer a ferramenta Aldeas Vivas que impulsan a FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais, que é outra das liñas de traballo deste proxecto.

Ás 14:30 horas haberá unha comida networking con produtos de quilómetro cero da Asociación de Gandeiros A Fonsagrada (Asgafon) e posteriormente aqueles participantes que o desexen poderán asistir en Ernes, en Negueira de Muñiz, a unha visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia e un achegamento á historia da Comuna que se asentou naquela zona.

Programa completo
Cartel Xornada Promoción do Emprego para Repoboar o Rural

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información