Queima simbólica de produtos franceses na tractorada de Compostela

Os gandeiros reforzarán con medio cento de tractores o bloqueo do centro loxístico de Dia e con igual cantidade a presenza da protesta ante a Xunta. Solicitan reunión con Feijoo

Queima simbólica de produtos franceses na tractorada de Compostela

Queima de produtos lácteos franceses na tractorada.

A tractorada de Compostela acordou en asemblea redobrar as accións de bloqueo do centro loxístico de Dia, no que se impediron a entrada duns douscentos camións desde esta madrugada. Os gandeiros decidiron tamén aumentar a súa presenza en torno á Xunta de Galicia, onde pediron unha reunión co presidente, Alberto Núñez Feijoo. Antes da asemblea desta tarde, á que acudiron centos produtores, realizouse unha queima simbólica de produtos lácteos franceses de firmas como Lactalis. Tamén se queimaron as bandeiras de Francia e Alemaña.

O bloqueo do centro loxístico de Dia, iniciado a pasada noite cun cento de tractores, principalmente da comarca de Ordes, continuará esta madrugada. Os gandeiros acordaron enviar outros 50 tractores de reforzo para seguir a parar a entrada e saída de camións da cadea francesa. De cara a evitarlle molestias co bloqueo ás empresas de Merca Galicia, que comparten espazo con Dia, os produtores decidiron na tarde de hoxe revisar os camións que entran e saen, comprobando a súa carga e a súa folla de ruta, á fin de permitir o acceso e saída dos veículos que van a Merca Galicia.

Os produtores impediron a entrada duns 200 camións no recinto do centro loxístico de Dia

En Compostela, mantense tamén o bloqueo ó centro comercial As Cancelas, onde está un hipermercado de Carrefour. Co veto á entrada de veículos en ambas instalacións, os produtores tratan de chamar a atención sobre a responsabilidade das cadeas de distribución na crise de prezos do leite. Os gandeiros reclaman un aumento dos prezos ó longo de toda a cadea, primeiro no pago da distribución á industria, e logo entre industria e gandeiro.

As cadeas francesas, como Carrefour ou Dia, que é reticente a asinar ningún acordo cos produtores, están no punto de mira dos manifestantes. Esta tarde antes da asemblea fíxose unha queima simbólica de produtos lácteos franceses de marcas como President (Lactalis). Os gandeiros avogan por unha defensa do mercado lácteo español, no que entenden que se debe priorizar a oferta de produtos galegos e do resto do país.

Para mañá está prevista outra distribución de leite gratuita, que se celebrará no centro de Compostela, na Porta Faxeira.

Organización
En canto á organización interna dos produtores, a asemblea acordou a entrada na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo dun gandeiro en representación de cada concello presente na protesta, de xeito que os produtores gañen en protagonismo. Na asemblea de hoxe, a diferenza de onte, a coordinación da mesma correu por cargo de gandeiros alleos ás organizacións agrarias, o que evitou tensións e mellorou a imaxe de unidade da protesta.

A diferenza de Lugo, en Santiago mantense a participación destacada das organizacións agrarias na mobilización, se ben, cedendo protagonismo ós produtores e ás asambleas diarias.

2 ideas sobre “Queima simbólica de produtos franceses na tractorada de Compostela

  1. eugenio fraga

    si eso e asi pronto os das organizacions traicionaran os gandeiros. esos non se moven si non ven chupa.

    Contestar
  2. Paulo González

    Tamén podían queimar a “rojigualda” do cabecilla, que prefiren pagar a 370 o leite de Andalucía e deixar o galego sen recoller

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información