Que condicións terán as axudas Next Generation para a industria agroalimentaria?

A convocatoria abrirarse no segundo semestre do ano, pero as empresas interesadas xa deben buscar outras entidades coas que formar agrupacións

Que condicións terán as axudas Next Generation para a industria agroalimentaria?

A sesión en liña orientouse cara as primeiras condicións do Perte agroalimentario

‘PERTE agroalimentario: mecanismo vertebrador e tractor do impulso á transformación sectorial’ foi o título da sesión dixital organizada pola Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, na cal se abordaron as primeiras condicións deste programa de axudas europeas dotadas con máis de 1.000 millón de euros nas que está traballando o Goberno central. O eixo 1 do PERTE, aquel destinado ao fortalecemento industrial do sector agroalimentario, sen incluír a produtores nin distribución, contará con 400 millóns de euros de orzamento.

Ramon Herrero, subdirector xeral de Áreas e Programas Estratéxicos do Ministerio de Industria, anunciou as primeiras condicións da convocatoria como, por exemplo, que será un requisito para optar a estas axudas que as empresas se presenten como agrupacións sen personalidade xurídica propia que teñan establecido con anterioridade un acordo de agrupación.

Ramón Herrero na súa intervención na xornada en liña sobre o Perte agroalimentario

Ramón Herrero na súa intervención na xornada en liña sobre o Perte agroalimentario

O responsable estatal recomendou ás compañías que “mentres o Ministerio está redactando as bases deste programa, algo que se prolongará durante todo o primeiro semestre do ano, vaian pensando en coalicións para optar a estas subvencións e préstamos”.

As empresas galegas contarán coa axuda da Oficina Técnica, unha entidade impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia e a Xunta de Galicia para mobilizar proxectos tractores que opten a estes fondos europeos, ao Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, en concreto, ao PERTE agroalimentario, co obxectivo de armar unha proposta galega conxunta.

Roberto Alonso, xerente de Clusaga, sinalou que “estamos ante unha oportunidade única para apoiar a transición dixital e ecolóxica” para que o sector siga sendo competitivo no mercado global. Igualmente, fixo fincapé en que o sector alimentario en Galicia xera un valor engadido bruto anual de máis de 4.000 millóns de euros, o 7,2% do PIB e máis de 100.000 postos de traballo, un 9,2% do emprego total. Pola súa banda, só a industria alimentaria xera cerca de 10.000 millóns de euros e máis de 34.000 empregos.

Prazos provisionais que se manexan

Herrero manifesta que desde o Ministerio o obxectivo é “rematar a redacción das bases neste primeiro semestre”, e, a falta de que as condicións se concreten, adiantou que “haberá uns 30 meses para executar os proxectos tractores seleccionados co 30 de setembro de 2025 como límite máximo”. Desde Galicia Food destacan que “se trata dunha oportunidade irrepetible xa que haberá unha única convocatoria no 2022, que se executará entre o 2023 e o 2025”.

Así mesmo, o subdirector xeral explicou “o tipo de actuacións que se poderán apoiar en cada un dos tres bloques nos que se divide o eixo 1 do PERTE agroalimentario: competitividade, sustentabilidade e trazabilidade, e seguridade alimentaria”. Todos os proxectos tractores que se presenten deben incluír accións en dous destes tres bloques e un deles debe ser obrigatoriamente o da trazabilidade. Falou, por exemplo, de iniciativas para o marcado e control, tecnoloxía blockchain, etc.

Para impulsar a competitividade búscanse actuacións que avancen na dixitalización como a automatización dos procesos, a implantación da robótica ou de solucións de intelixencia artificial. Entre os proxectos de sustentabilidade inclúense os plans de xestión ambiental conxunta.

Entre os tipos de axuda, ademais de subvencións, a maior parte dos 400 millóns de euros -ata 250 millóns- repartiranse en préstamos a interese cero con amortización a 10 anos incluíndo tres de carencia. Será obrigatorio cumprir co denominado efecto incentivador marcado pola UE, é dicir, que o proxecto non pode ter empezado antes de facer a solicitude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información