Comeza o proxecto ‘Ourense Rural é Vida’ para xerar oportunidades na Galicia interior

Esta iniciativa conta cun orzamento de case 150.000 euros achegados desde os Fondos Next Generation.

Comeza o proxecto ‘Ourense Rural é Vida’ para xerar oportunidades na Galicia interior

As pequenas localidades galegas necesitan de medidas que as equiparen ás vilas e cidades dentro do posible. A partir desta idea nacen proxectos en Galicia deseñados para dinamizar o rural galego buscando frear o seu baleirado. Desta maneira, iniciativas como Ourense Rural é Vida pretenden dar un novo paso de cara a ofrecer novas oportunidades en lugares menos habitados.

Ourense Rural é Vida comeza a súa actividade co reto de transformar as pequenas localidades da provincia ourensá en territorios prósperos, innovadores e sostibles, que ofrecen oportunidades e calidade de vida para as xeracións presentes e futuras. Esta xoves 28 celébrase unha xornada virtual dirixida aos concellos participantes, na que se presentarán as principais liñas de actuación.

A necesidade de frear o despoboamento levou a 27 municipios a unir forzas en torno a este proxecto colaborativo, baseado na posta en marcha dun Hub de Innovación e Sostibilidade que potencie o emprendemento, o teletraballo e os novos servizos, para o que conta cunha oficina central en San Xoán de Río, localidade que lidera a iniciativa, e outros 8 espazos nos concellos de Boborás, Larouco, Muíños, Oímbra, Punxín, A Teixeira, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.

O proxecto pretende crear un ecosistema de entidades locais e axentes dinamizadores que aborden a transformación territorial e a perda de poboación dende una dimensión integral, tanto económica como social, medioambiental e de xénero. O equipo técnico responsable ofrecerá servizos de asesoramento, formación mediante o modelo Aulas do Futuro, difusión e xeración de redes de colaboración, detectando oportunidades, acompañando e impulsando proxectos de impacto positivo que conecten o coñecemento, os recursos e o talento existentes dentro e fora do rural ourensán.

A maior parte dos municipios implicados sitúanse no noroeste de Ourense e teñen unha poboación inferior aos 5.000 habitantes. Concretamente son: A Arnoia, A Bola, A Teixeira, Boborás, Castro Candelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Larouco, Leiro, Lobeira, Manzaneda, Montederramo, Muiños, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Oimbra, Paderne De Allariz, Pontedeva, Porqueira, Punxín, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Viana do Bolo, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.

Ourense Rural é Vida conta co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través dos Fondos Europeos Next Generation, cunha achega total de 148.047 euros baixo a convocatoria de subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento.

Ourense Rural é Vida busca xerar posibilidades de emprego baseadas na tecnoloxía e nos recursos locais, que permitan fixar e atraer nova poboación, poñendo en valor o rico patrimonio bioxeográfico, histórico e cultural do territorio, con especial énfase en proxectos do ámbito agroalimentario e forestal, a economía circular, a eficiencia e autoconsumo enerxéticos, a biodiversidade, as novas tecnoloxías, a saúde e o turismo sostible.

Como parte da sostibilidade social do proxecto, traballarase activamente en favor da igualdade de xénero e a inclusión de todos os colectivos locais, fomentando a participación da mocidade e dos grupos menos favorecidos, como eixos clave na construción dun territorio resiliente e sostible que sitúa ás persoas no centro.

Organizacións que apoian Ourense Rural é Vida

O Hub de Innovación e Sostibilidade está apoiado por 25 organizacións do ámbito empresarial, académico, social e institucional, como a Confederación Empresarial de Ourense, AJE Ourense, Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra, clúster Viratec, Red Internacional ODS España, Universidad de Extremadura, CESUGA, EF Business School, Club Empresarial Nordés, Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia, Red Mundo Atlántico, Fundación Venancio Salcines e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

A listaxe complétase coas organizacións Amarelante Cooperativa Galega, as asociacións de mulleres Algueirada (Manzaneda), Anel (San Xoán de Río), Arandeira (Pobra de Trives), Mulleres Rurais Santa Isabel (Xunqueira de Espadanedo), Antiguos Alumnos Santa Leonor, Asociación Os Xuncos, Club de Montaña Trives, Ecoyoga Ribeira Sacra, Cholita.gal e Terras da Mariña Cooperativa Galega.

Carreira polo Clima e o Desenvolvemento Humano Sostible

A xuntanza do 28 de setembro será unha ocasión para promover nos concellos participantes os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Farase no marco da Carreira polo Clima e o Desenvolvemento Humano Sostible*, unha iniciativa de concienciación a nivel mundial que dende o ano 2017 aglutina accións por parte de cidadáns, empresas e países. Ademais de reflexionar sobre a necesidade de avanzar no logro dos ODS co horizonte da Axenda 2030 cada vez máis preto, este ano a carreira céntrase na recadación de fondos para o Programa Mundial de Alimentos de Nacións Unidas, a plantación de árbores e o apadriñamento da planta posidonia, que xoga un relevante papel nos ecosistemas acuáticos.

*Máis información sobre a carreira: https://correporlosods.com #CorreporlosODS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información