O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se destinan 8,7 millóns de euros ao fomento da agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario. Do orzamento total, que permitiu beneficiar a 92 entidades, 6,5 millóns de euros correspóndense coa liña para agricultura de precisión -53 beneficiarios- e os outros 2,2 son para a xestión de estercos -39 beneficiarios-.
En canto aos investimentos subvencionables, no apartado de agricultura de precisión, apóianse con ata o 40% os investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0,, principalmene robots de muxido e sistemas de aplicación do xurro con inxectores.
Na liña de xestión de estercos poden financiarse investimentos en sistemas de xestión de xurros e estercos nas explotacións gandeiras, fundamentalmente cubertas das fosas de xurro, cunha intensidade da axuda de ata o 50%.
Os investimentos que poden recibir subvención abranguen fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto.
Estas achegas están financiadas con Fondos Next Generation que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola covid-19.