Publicada a resolución de apoios á industria forestal e da madeira

Publicada a resolución de apoios á industria forestal e da madeira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de dúas liñas de axudas convocadas pola Axencia Galega de Industria Forestal para mellorar a competitividade do sector en Galicia. Aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros.

Na liña de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais houbo 116 beneficiarios, que recibirán unha subvención de 14,1 millóns de euros. A contía para o exercicio deste 2023 é de 5,5 millóns de euros, sendo os restantes 8,6 millóns os que se correspondan co ano 2024. Esta achega destínase á xestión forestal activa, a madeira e biomasa, castaña e resina, ao valor engadido na primeira transformación da madeira e a plans e ferramentas de xestión empresarial.

Por outra banda, nas axudas para a valorización e segunda transformación da industria forestal galega aprobáronse 34 expedientes por un importe de 2,4 millóns de euros. Esta achega conta con cinco puntos de actuación na competitividade e valorización, no mobiliario, contract e construción, na mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables, nas certificacións, ensaios e informes, e na seguridade e saúde na contorna laboral.

Os beneficiarios son pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados. Ademais, tamén se lles concederon axudas a asociación, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presentasen ditos servizos, sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En todos os casos, desenvolven a súa actividades en Galicia.

Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Estas liñas de axudas encádranse dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, promovida pola Axencia Galega da Industria Forestal en 2019 e revisada no 2022. O obxectivo que persegue é o de consolidar as pemes que conforman o sector, permitíndolles gañar en competitividade e apostando por procesos de produción con menor impacto ambiental.

A Axenda de impulso é unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información