A Xunta aumenta as axudas para investimentos en tecnoloxías e maquinaria forestal

Con este aumento, que contaban inicialmente cun montante de 9 millóns de euros, elévase ata os 14,1 millóns

A Xunta aumenta as axudas para investimentos en tecnoloxías e maquinaria forestal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, pola cal aumenta en 5,1 millóns de euros o orzamento das axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos. Así, o orzamento destas achegas, que contaban inicialmente cun montante de 9 millóns de euros, elévase ata chegar aos 14,1 millóns, a cifra máis alta de todas as convocatorias. Debido a alta cantidade de solicitudes de axudas recibidas, este importante incremento do orzamento permitirá atender a un maior número de empresas solicitantes.

Os beneficiarios destas axudas son microempresas, medianas e pequenas empresas (Pemes) do sector forestal radicadas na nosa comunidade. Como feito destacado, cabe lembrar que por primeira vez se estableceron cinco liñas definidas para asegurar o investimento en diferentes áreas, como poden ser a maquinaria para a realización de silvicultura, para o aproveitamento comercial da castaña e da resina ou para a clasificación estrutural de madeira. O principal obxectivo é impulsar a industria forestal-madeira e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas.

No referido ás distintas liñas, a primeira contempla todo o relativo á xestión forestal activa, un piar fundamental en materia de desenvolvemento rural. Refírese aos tratamentos silvícolas, que conducen cara á creación dun conxunto de árbores con condicións excelentes para obter produtos de valor engadido. Deste xeito, está dirixida á maquinaria necesaria para levar a cabo especificamente operacións silvícolas, como procesadoras, taladoras e autocargadoras cunhas características técnicas diferentes dos empregados para a realización das operacións de corta final.

En canto á segunda, esta refírese á madeira e biomasa, relacionada co acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla, con maquinaria como autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así como procesadoras, taladoras e outros equipamentos de corta. Tamén poden ser obxecto de axuda a maquinaria específica, apeiros e implementos que permiten un aproveitamento comercial de biomasa forestal no monte, asteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

A terceira liña dedícase á maquinaria específica ou equipamentos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte, así como ao acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación. Esta medida tamén vai dirixida a bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de resina ou castaña, neste último caso segundo o contemplado no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

No que atinxe á liña dedicada ao valor engadido na primeira transformación da madeira, é a primeira vez que se inclúe unha sección específica dirixida a posibilitar a compra de equipos portátiles para a clasificación estrutural de madeira, para a maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade da materia prima e de produtos serrados intermedios ou finais. Tamén, para maquinaria e instalacións destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada. A quinta e última liña abrangue os plans e ferramentas de xestión empresarial, dirixida á implantación da cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade ou garantía, marcado CE e plans de mellora de xestión empresarial.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información