O-Xan (Grupo de Debate e Opinión sobre a xestión do lobo en Galicia) valora positivamente a iniciativa levada a cabo dende a Consellería de Medio Ambiente para retomar a liña de axudas para a implantación de medidas preventivas de ataque de especies salvaxes, despois de que transcorreran máis de 4 anos dende a última convocatoria aberta de axudas para este tipo de investimentos.
Nembargante, consideramos que varios dos puntos que propuxemos no documento público remitido á Consellería o pasado mes de xaneiro quedaron sen atender e deben ser modificados e formar parte das convocatorias anuais destas axudas:
1) As axudas preventivas deben ser difundidas entre todos os axentes implicados no rural para a súa maior efectividade. Neste senso, consideramos que deberían terse publicado a comezos de ano e permitir a solicitude das mesmas durante varios meses para posibilitar a realización dos investimentos por parte do peticionario e permitir a entrega da documentación durante alomenos un mes dende que ten realizado o investimento. Novamente o principal motivo é a planificación nas explotacións da implantación das medidas preventivas.
2) Na proposta enviada dende O-Xan o pasado mes de xaneiro incluíamos certos investimentos que agora non están contemplados e que son imprescindibles para a protección do gando como son os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados (que estaban contemplados na anterior orde de axudas de 2012 e que non entendemos que se eliminara). A redución dos métodos de prevención que presenta esta convocatoria de axudas (en comparación á última do 2012) preocúpanos na medida en que estase a esquecer un elemento fundamental no sistema de prevención de ataques de lobo, os peches fixos.
“Preocúpanos a redución de métodos de prevención que presenta esta convocatoria de axudas, pois esquécense os peches fixos”
Tamén resultan insuficientes as 4 mallas móbiles subvencionables por explotación en sistemas de manexo de gando extensivos ou semi-extensivos polo que debería poder contemplarse unha excepcionalidade nestas situacións para incrementar o número de mallas subvencionables.
3) En canto aos mastíns, nesta convocatoria só se contempla axuda para a adquisición dos cans pero non para o seu mantemento (cartilla sanitaria, sistema de identificación, vacinacións, manutención e alimento), polo que debería incluírse un apartado específico para o mantemento dos mesmos. Asimesmo, a idade de adquisición debe reducirse a 4 meses, xa que é nos primeiros meses de idade cando o mastín crea o vínculo co gando da explotación. Se se retarda un ou dous meses, o resultado pode ser a perda da utilidade do can. A adquisición de cans mastíns non é un tema sinxelo, xa que require de planificación e acordo entre o criador e o gandeiro que o necesita; é por iso que solicitamos que se amplíe o prazo de xustificación e se regularice a publicación destas axudas nos vindeiros anos.
“Propoñemos a recuperación en Galicia dun plan de cría de mastíns, similar ó realizado entre 2006 e 2011 por un convenio de Ovica coa Xunta”
Dende O-Xan pensamos que esta medida debería ir acompañada dun plan de cría de mastíns, semellante ao realizado entre os anos 2006 e 2011, regulado por un convenio entre OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia) e a propia Consellería de Medio Ambiente. Ese plan permitiu establecer en Galicia liñas de cans de traballo de mastín leonés que se perderon hoxe en día pola non continuidade deste programa esencial, o que hoxe provoca dificultade para atopar animais dispoñibles dentro do período de xustificación do investimento previsto (ata o 30 de setembro).
É indispensable que esta liña de axudas teña continuidade no tempo e non se limite a unha convocatoria esporádica. A paralización destas axudas o único que provoca é unha desafección polo propio agricultor/a – gandeiro/a, que non se sinte respaldado pola administración. A súa publicación de forma descontinua non permite unha correcta planificación da implantación das medidas preventivas.
Por último, dende O-Xan, como grupo aberto, estamos a disposición da Consellería para tentar de mellorar esta axuda nas vindeiras convocatorias e animamos a todos aqueles gandeiros e agricultores a solicitar a axuda nesta convocatoria, pois os investimentos subvencionables son a base para unha correcta implantación dos sistemas de prevención de ataques de lobo.
Máis información
– Convocatoria de axudas para previr os danos de lobo, xabarín e oso.