Galicia renuncia a abatir lobos, mentres Asturias e Cantabria actúan para reactivar as extraccións

A Consellería de Medio Ambiente descarta a eliminación de exemplares en áreas con elevados danos para o gando, a pesar de que se trata dunha medida permitida pola normativa

Galicia renuncia a abatir lobos, mentres Asturias e Cantabria actúan para reactivar as extraccións

Mastín de defensa do gando. / Arquivo: imaxe Beealia.

A inclusión do lobo no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), a partir de setembro do 2021, complicou o control de lobos en zonas con elevados danos ó gando. Ata daquela, entre Asturias e Cantabria viña executándose a extracción anual de arredor de 40 lobos, ben por medio de actuacións dos axentes ambientais, ben pola caza do cánido en batidas de xabarín que tiñan permitido abatir lobos. Desde o 2021, ambas comunidades traballan para reactivar as extraccións, que se esperan inminentes.

A actual normativa que protexe ó lobo establece que as comunidades autónomas poderán autorizar extraccións “cando non exista outra solución satisfactoria”. É dicir, a normativa permite os controis se se demostra que nunha zona con elevados danos ó gando, as explotacións afectadas por ataques tiñan “aplicado axeitadamente medidas preventivas ou de protección do gando, e estas resultaron ineficaces”. A autorización farase sempre co matiz de que a extracción “non afecte negativamente ó estado de conservación favorable da especie”.

O caso cántabro
Sobre esa base, Cantabria procedeu a autorizar en xuño do 2022 extraccións de lobos en áreas problemáticas, se ben a medida foi logo suspendida de xeito cautelar polo Tribunal Superior de Justicia de Cantabria, previa denuncia dun colectivo ambientalista. O caso pechouse finalmente no mes de maio do 2023, desestimando o Tribunal a denuncia contra a autorización de extraccións, polo que se agarda que o Goberno cántabro volva a decretar autorizacións de extracción nas próximas semanas.

O sector agrario da comunidade advirte de que os danos do lobo sobre o gando disparáronse no último ano, pois houbo máis de 2.400 reses mortas no 2022, segundo os datos oficiais, cando no 2020 foran pouco máis de 1.800.

Así as cousas, as organizacións agrarias instaron esta primavera ó Ministerio de Transición Ecolóxica a axilizar os informes preceptivos que ten que emitir sobre a petición de autorizacións de extraccións. Son informes non vinculantes, pero en tanto non estean emitidos, o Goberno cántabro vese imposibilitado de decretar as autorizacións.

Asturias
En Asturias, o Goberno rexional aprobou tamén a extracción de lobos no Parque Nacional de Picos de Europa no verán do 2022, se ben o proceso está a retrasarse por choques entre o Goberno asturiano e o Ministerio de Transición Ecolóxica, que demanda garantías adicionais que demostren que a extracción non afectará negativamente á conservación da especie. Entre tanto, está a aumentar a conflictividade social, chegándose ó punto de que apareceron dúas cabezas de lobo na porta dun Concello o mesmo día da visita ó consistorio do presidente rexional.

En Picos de Europa, os datos do Parque Nacional revelan que ata o 2021 viñan abatíndose unha media de 8 lobos ó ano, a metade por acción de axentes ambientais e a outra metade en batidas de xabarín. Esa cifra de 8 lobos / ano estímase que era un 20% da poboación do Parque, sen que se detectase un empeoramento dos censos da especie.

Si que se recoñece que con extraccións do 30% dos exemplares, a especie vía reducida lixeiramente a súa reproducción, pero indícase que esa situación recuperábase en só dúas campañas, polo que se conclúe que o lobo ten unha alta resiliencia e capacidade reprodutiva, o que permite compatibilizar as extraccións coa conservación da especie.

Situación en Galicia
O caso de Galicia é distinto, pois na práctica a caza legal do lobo a penas era operativa na comunidade. Só se permitía a caza do lobo en batidas específicas por danos, con escasos resultados. Entre o 2010 e o 2020 abatíronse 11 exemplares en 60 batidas permitidas por danos ó gando, segundo os datos da Xunta.

Por que ese escaso control do lobo en Galicia?. As dificultades que ten a caza do lobo en batidas específicas, pois trátase dun animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie cada ano. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie.

Co aumento de protección da especie, as batidas xa non semellan unha opción, se ben si sería posible que Galicia puxera en marcha protocolos como os establecidos en Asturias ou Cantabria. No caso cántabro, o Goberno decretou que as extraccións autorizadas de lobos deberían ser executadas por axentes do medio natural, ben en esperas -que poden ser nocturnas, con uso de focos, visores nocturnos e produtos atraíntes-, ben en batidas, cun máximo de 10 axentes armados e 30 participantes colaboradores (non armados), previamente autorizados.

Consultada por Campo Galego, a Consellería de Medio Ambiente confirma que descarta aplicar controis do lobo en Galicia.

O agro demanda controis e apoio a medidas preventivas eficaces

O sector agrario en Galicia é partidario de que a Xunta proceda a executar controis en situacións de danos reiterados nos que se demostre un censo elevado de lobos na zona. “En Galicia, a caza nunca foi un instrumento de control poboacional do lobo, pero si que é necesaria para executar controis en zonas de elevados danos sobre o gando, onde fallasen os métodos preventivos”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

“En Galicia o lobo está a achegarse ás zonas habitadas. Estamos xogando á ruleta rusa” (Jacobo Feijoo)

“Estamos vendo zonas, como a Mariña lucense ou as Mariñas coruñesas, nas que as mortes de gando e cans prodúcense en terras preto das zonas habitadas. Esa situación hai que xestionala, pois o lobo tamén é un risco obxectivo para as persoas, sobre todo nenos ou persoas maiores. No pasado houbo mortes por ataques de lobos en Galicia -a última nos anos 80- e se perdemos un instrumento de control para afastar ó lobo do ser humano, estamos xogando á ruleta rusa”, sostén Jacobo Feijoo.

Os problemas co lobo danse nun ciclo no que as políticas europeas promoven a extensificación do gando, o que aumenta os riscos de danos ós animais. “A parte dos controis, é preciso xestionar suficientes axudas para métodos de prevención e actualizar os criterios de indemnización, pois hai moitos animais, como xatos pequenos ou cabalos que quedan fóra das axudas porque non se atopan os corpos. Hai que buscar un sistema para compensar esas perdas, xa que os danos do lobo en Galicia están moi subestimados”, cuestiona.

En Galicia, no último ano Medio Ambiente computou 2.436 reses mortas, unha cifra similar á cantabra, que ten catro veces menos lobos que Galicia.

Medidas de prevención
Joan Alibés, gandeiro de ovino e asesor especializado na prevención de ataques de lobo, é da opinión de que os controis do lobo non son unha solución, se ben considera que se outras comunidades teñen capacidade para facelos, Medio Ambiente tería que seguir ese camiño. “Se o gran cabalo de batalla da Consellería era que o Lespre non permitía extraccións e outras comunidades actúan para facelas, habería que concluír que os controis poden facerse pero que en Galicia non se queren facer”, valora.

“O lóxico sería que as ganderías contasen cunha convocatoria bianual de apoios a medidas de prevención, con prazos de execución razoables e fondos suficientes” (Joan Alibés)

A prioridade de acción para Joan Alibés pasa por destinar fondos suficientes para as medidas de prevención, con prazos de execución razoables. “Sería preciso, por exemplo, un sistema de convocatoria bianual de axudas, pois estes últimos anos, cando Medio Ambiente resolve as axudas de prevención, na parte final do ano, os gandeiros vense sen prazo para a compra de mastíns. E peor é o caso daqueles que queren executar un valado fixo, pois non hai tempo material no prazo que deixa a Consellería”, conclúe.

Alibés incide ademais na necesidade dun asesoramento especializado na prevención de danos do lobo e lamenta que a Xunta renunciara ós 4,3 millóns de euros que o Goberno central tiña previsto destinar a medidas de prevención de danos en Galicia. A decisión da Xunta de non asinar a estratexia do lobo do Goberno central deixouna fóra do reparto de apoios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información