Propoñen pagos por conservación a comunidades de montes para garantir a biodiversidade da Rede Natura 2000 en Galicia

O proxecto ‘LIFE in Common Land’, unha investigación de 5 anos en 11.000 hectáreas da Serra do Xistral, aposta pola xestión comunal, a gandería tradicional e os cabalos para conservar hábitats ameazados como as turbeiras e brezais húmidos

Equipo Life in Common Land Serra do Xistral

No proyecto participou a Deputacón de Lugo, as universidades de Santiago e A Coruña, 3edata e Kaizen Eureka

“O Pago por Resultados de Conservación ás Comunidades de Montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”. 

Esta é unha das conclusións máis destacadas do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proyecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sustentable de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación.

Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en once Montes Veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.

Científicos galegos determinan que o Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, xa implementado en montes do norte de Lugo, “pode ser o futuro para os comuneiros dos espazos protexidos de Galicia”

O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema.

E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turbeiras e brezais húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”.

300.000 euros en pagos efectuados segundo os resultados de conservación

O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats.

Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as Comunidades de Montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que os cabalos e o gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes.

A Serra do Xistral mantén unha poboación de entre 1.500 e 2.000 cabalos salvaxes

O novo Modelo de Xestión a través de Pago por Resultados de Conservación implementouse nas Comunidades de Montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros e representa “un cambio de cara ao futuro”. “Estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o informe realizado, que inclúe 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turbeiras de cobertor, turbeiras altas activas e brezais húmidos atlánticos.

Un modelo habitual en Europa

O Pago por Resultados de Conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”.

O programa Burren en Irlanda sería un dos exemplos máis destacados

“De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un novo rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, reiteran os autores do Informe Layman, que consideran que supoñería “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”.

A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

Dar continuidade aos pagos a través da PAC

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpo o monte no que foron instalados os muíños de vento

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpo o monte e a conservar os hábitats naturais protexidos

O Informe Layman cre que está pendente unha última fase que consideran “necesaria” e que, á súa vez, que reclaman tamén as Comunidades de Montes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE: “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”.

O Modelo de Xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “convertiríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”, aseguran.

O ‘Informe Layman’, que pasa revista ao proxecto ‘LIFE in Common Land’, expón un último reto: implementar novas ferramentas de xestión e restauración de hábitats que impliquen á poboación local

LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turbeiras de cobertor. “O importante é facer ver aos gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas tradicionais para a saca de madeira, usando animais de tiro.

“Os hábitats sensibles das turbeiras teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera, pero actualmente atópanse en risco”, conclúe o Informe Layman, que propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información