Tracción animal moderna para a conservación de hábitats na Serra do Xistral

Dende o proxecto Europeo Life in Common Land levouse a cabo un traballo de restauración dun hábitat prioritario para a conservación da natureza a nivel Europeo como son as turbeiras de cobertor

Tracción animal moderna para a conservación de hábitats na Serra do Xistral

Arrastre de árbores completas mediante tracción animal

Dende o proxecto Europeo Life in Common Land, coordinado pola Deputación de Lugo e coas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña como socios, levouse a cabo un traballo de restauración dun hábitat prioritario para a conservación da natureza a nivel Europeo, como son as turbeiras de cobertor. A restauración consistiu na eliminación da cobertura de piñeiros da turbeira. Para realizar os traballos cun mínimo impacto no hábitat e no solo empregouse tracción animal con cabalos para á reunión das árbores e saca con zorra (trineo) tirada por cable dende un tractor.

As turbeiras de cobertor da Serra do Xistral constitúen un hábitat de interese comunitario prioritario. A súa enorme biodiversidade vexetal, unida ao carbono que veñen acumulando no solo dende fai miles de anos, convértenas nun patrimonio natural moi valioso e fundamentais para a mitigación do cambio climático. Sobre todo no verán, tamén proporcionan pasto para o gando vacún e para as bestas do monte, sendo sustento das comunidades rurais que manteñen as actividades gandeiras na zona.

Nos anos 60 do pasado século, amplas extensións destas turbeiras foron plantadas con piñeiros. Hoxe, a presenza de piñeiros nas turbeiras considérase negativa para o hábitat e pode influír na diversidade florística e na presenza de especies de interese. Por outra banda, tamén altera os ciclos de nutrientes, afectando á capacidade das turbeiras como sumidoiros de carbono.

O proxecto LIFE in Common Land ten como obxectivo a conservación do mosaico de hábitats prioritarios de turbeiras e queirogáis húmidos da Serra do Xistral, integrando o aproveitamento gandeiro e o sistema tradicional de bestas ceibes coa conservación da biodiversidade.

É para conservar estes hábitats para o que o proxecto Life in Common Land está a levar a cabo varias accións demostrativas de eliminación de piñeirais para a restauración das turbeiras. As turbeiras, como humidáis, son hábitats moi sensibles e calquera actuación que se realice sobre elas debe deseñarse sen causar dano á vexetación nin ao solo.

Imaxes do traballo realizado por Life in Common Land

Imaxes do traballo realizado por Life in Common Land

Con estas premisas, o equipo do proxecto Life in Common Land, en colaboración coa Associação Portuguesa de Tracção Animal (APTRAN) e coa empresa SETEGA (de Lugo), deseñou un traballo con mínimo impacto que se levou a cabo a finais de agosto deste ano.

Unha actuación exemplar para a restauración de 7 hectáreas de turbeiras de cobertor no Monte Veciñal en Man Común de A Balsa (Muras), nunha zona con fortes pendentes (50-60%) cunha masa de aproximadamente 2.000 piñeiros de baixo porte e moi ramificados.

A corta foi manual, con motoserristas contratados na zona. Empregouse tracción animal para reunir as árbores enteiras nuns cordóns dispostos ao longo de 9 vías de saca dispostas en abanico con entre 20-100 metros de separación entre elas. Para este traballo contouse con tres eguas de tiro operadas por profesionais da tracción animal. As eguas arrastraban as árbores enteiras en grupos, ou individualmente cando eran de máis porte, traballando xeralmente en curva de nivel, salvo no fondo da zona de actuación que era preciso salvar uns 20-40 metros en contra da pendente para acercar á vía de saca.

Vista xeral da zona de actuación o terceiro día de traballo, onde se ve a disposición de dous dos cordóns de madeira apiados nas vías de saca

Vista xeral da zona de actuación o terceiro día de traballo, onde se ve a disposición de dous dos cordóns de madeira apiados nas vías de saca

Para a saca desta madeira apiada en cordóns ata ao cargadeiro a beira da pista, deseñáronse e construíronse dúas zorras de 4 x 2 m con patíns de 10 cm de largo coa idea de que deslizaran por encima da vexetación sen deixar marca no solo e repartindo a presión. O seu funcionamento cumpriu as expectativas. As zorras eran tiradas por medio dun cable de ata 300 m dende un tractor a beira da pista, fora da zona a restaurar. Tres operarios cargaban unha zorra mentres que a outra subía e era descargada, de forma que en cada viaxe se levaban 12-14 m3.

Os cabalos tamén axudaron a baixar as zorras (e o cable de tiro dende o tractor) xa que as distancias eran de entre 200 e 350 metros. A orografía da zona de actuación permitiu que o tractor puidera estacionar en dous únicos puntos fixos, tendendo o cable en abanico cara as vías de saca, minimizando desta maneira o pisoteo.

A Comunidade de Montes xestionou o destino da madeira que polas características de escasa altura e elevada ramosidade foi para biomasa

Así, cun deseño ben meditado e unha execución impecable completouse a actuación en 13 xornadas extraendo aproximadamente uns 1.300 m3 de biomasa.

Xornada de portas abertas do proxecto Life in Common Land

Xornada de portas abertas do proxecto Life in Common Land

Na primeira semana organizouse unha xornada de portas abertas dirixida a comuneiros dos MVMC participantes no proxecto, a empresas forestais e a asociacións conservacionistas, para mostrar e explicar os traballos e así reforzar orientación demostrativa da acción. Asistiron unhas 45 persoas.

Agora, ábrese a porta á realización de actuacións semellantes en zonas de turbeira e noutras áreas sensibles e de elevado valor natural que requiran traballos de conservación, e preséntase a tracción animal moderna, neste caso en combinación coa saca en zorra, como unha alternativa eficaz, rápida e de impacto practicamente nulo no hábitat.

Velaquí tedes uns videos para poder apreciar esta orixinal actuación:

Autores deste artigo: 

-Laura Lagos, e Jaime Fagúndez: investigadores no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña

-César A. Blanco, Alfonso Laborda, Ramón Díaz-Varela e Emilio Díaz-Varela, investigadores do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC).  

-Joâo Brandâo e Alfred Ferris, da Associaçâo Portuguesa de Tracçâo Animal (APTRAN) 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información