Coa mirada da sociedade e das autoridades comunitarias posta cada vez máis sobre os prexuizos da gandería intensiva sobre o medio ambiente, xorden iniciativas que poñen en valor modos extensivos de produción gandeira que, ademais de producir carne de calidade, coidan da paisaxe, reducen o quecemento global e frean o despoboamento rural.
No ano 2014 a Serra do Xistral foi declarada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000. Entre a riqueza ambiental presente no Xistral destacan tres hábitats naturais prioritarios, o que significa que están ameazados de desaparición no territorio europeo (os brezais húmidos atlánticos, as turbeiras altas activas e as turbeiras de cobertor), que se distribúen ao longo de toda a serra formando un mosaico natural único.
Auspiciado pola Deputación de Lugo como socio coordinador, no 2017 xorde o proxecto europeo Life in Common Land, no que participan as Universidades de Santiago e da Coruña. Cunha vixencia de 5 anos, até 2022 este programa está a desenvolver unha serie de accións encamiñadas a incluír a conservación da biodiversidade como parte integral do sistema de xestión agrogandeira, mediante a implementación de Esquemas Completos de Xestión Baseados en Resultados de Conservación, seguindo exemplos exitosos aplicados noutras áreas da Rexión Atlántica.
Cunha vixencia de 5 anos (2017-2022) o proyecto Life in Common Land ten como socio coordinador á Deputación de Lugo e integra ás Universidades de Santiago e da Coruña
“O obxectivo é manter o estado de conservación de tres hábitats prioritarios raros en Europa presentes na Serra do Xistral e integrar a conservación co manexo gandeiro, xa que estes habitats son seminaturais, é dicir, o que axuda a conservalos son os usos tradicionais e un dos riscos para a súa conservación é precisamente que desapareza ese manexo”, explica Laura Lagos, da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, integrante do proxecto.
O proxecto nace para combater diversos problemas que afectan aos hábitats na Zona Especial de Conservación Serra do Xistral, como o progresivo abandono da actividade tradicional (que produce alteracións na composición e configuración da paisaxe), a pouca definición nas directrices de xestión medioambiental, o mal estado de hábitats ligados a actividade humana, o cambio climático e a ubicación desfavorable das áreas de montaña, que conleva una perda paulatina da poboación.
Integrar á poboación local na ecuación
Pero como en todo programa de conservación que pretenda ser exitoso, resulta fundamental involucrar á poboación local. Das 22.964 hectáreas que ocupa a ZEC Serra do Xistral, as Comunidades de Montes da zona teñen a titularidade do 48% deste espazo, sumando un total de 11.107 hectáreas.
As Comunidades de Montes son propietarias do 48% da superficie declarada Zona de Especial Conservación na Serra do Xistral
Nesta contorna natural desenvólvense actividades agrogandeiras cun marcado carácter tradicional, adaptadas ás condicións da zona e que resultan beneficiosas para o medioambiente. Na Serra do Xistral, ao igual que noutras zonas de montaña de Galicia, demostrouse o efecto positivo que as prácticas agrarias de baixo impacto, como o pastoreo de gando vacún e cabalar en extensivo, producen sobre a diversidade vexetal e a súa estrutura. Ademais, estas explotacións agrarias semi-naturais proporcionan unha esencial infraestrutura verde para a vida silvestre, moi importante para manter a conectividade entre ecosistemas.
“Aínda que hai accións coas que é máis difícil convencelas, a resposta das CMVMC está a ser boa. A Rede Natura xa leva para elas aparellada unha serie de restricións e xa están a facer un manexo acorde a esas restricións, polo que este proxecto Life non supón nada a maiores nese sentido. Acólleno ben, porque é converter a Rede Natura nun valor para os habitantes da zona”, afirma Laura.
Comunidades de Montes de seis concellos
O monte na Serra do Xistral é comunal. Pertence a 11 CMVMC de seis concellos: Xove (Laxa Moura), Viveiro (Bullo, na parroquia de Boimente), Ourol (Miñotos), Valadouro (Vilacampa, Cadramón, Santo Tomé de Recaré e Frexulfe), Muras (Silán, A Balsa e Tenente e Xistral, que integra varios lugares do Viveiró) e Abadín (Montouto). En total son 11.000 hectáreas de superficie pertencentes a uns 300 comuneiros, das que 7.000 hectáreas están dentro da Rede Natura e 5.000 contan con hábitats declarados prioritarios.
En toda a Serra do Xistral hai uns 300 comuneiros, que se corresponde co número de casas que hai habitadas durante todo o ano
O monte é, desde sempre, un pilar fundamental do sistema agrario galego tradicional. É precisamente neste espazo, onde se producía o pasto necesario para a supervivencia do gando, lugar tamén propicio para o mantemento dun sistema de fertilización mediante o trinomio: monte, cultivo, prado.
As actividades agrogandeiras tradicionais na Serra do Xistral presentan unha función importante na conservación da biodiversidade, xa que a gandería extensiva e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes contribúen a manter os queirugais e turbeiras
Estas actividades tradicionais desenvolvidas polas Comunidades de Montes xeración tras xeración nesta zona son imprescindibles para a conservación dos hábitats. O manexo gandeiro, destacando a pervivencia de mandas de cabalos salvaxes, modelan a paisaxe e axudan a manter os hábitats nun bo estado de conservación.
3.500 vacas e 1.500 cabalos
En montes de vocación gandeira como na Serra do Xistral, moitos veciños dependen aínda hoxe dos terreos comunais para o desenvolvemento da súa actividade, centrada na gandería de carne. Hai censadas unhas 6.000 cabezas de gando vacún nas explotacións da zona, das que unhas 3.500 fan uso habitual dos pasteiros das Comunidades de Montes. “Nestas parroquias os gandeiros fan un manexo combinado dos seus pastos nas súas fincas de propiedade individual nas aldeas e dos pastos de monte pertencentes ás CMVMC”, explica Laura.
A maiores do gando vacún, dos 300 comuneiros existentes ao redor dun cento ten tamén cabalos no monte. O censo actual de cabalos na totalidade da Serra do Xistral situaríase entre os 1.500 e os 2.000 animais, a maioría son cabalos adaptados ás condicións da zona tras décadas de presenza nos montes, aínda que poucos están rexistrados como cabalos de pura raza galega.
A poboación de cabalos salvaxes está en retroceso no Xistral, coa metade de cabezas que hai 50 anos
A poboación de cabalos salvaxes de Galicia descendeu nos últimos anos por varios motivos, como a desaparición dos usos tradicionais, o baixo prezo da carne, e diversos conflitos derivados da aplicación de novas lexislacións, como a obrigatoriedade de levar microchip, ou o aumento da presenza do lobo. “É aínda unha poboación de cabalos salvaxes moi importante a que hai no Xistral, pero é a metade que hai 50 anos”, constata Laura.
“A xente sempre di que é por causa do lobo, pero hai máis causas. A introdución do microchip influíu, os cambios que houbo nos montes pechados tamén, o prezo da carne, que aínda que repuntou algo segue baixo, e a propia evolución da poboación e o abandono, xa que a xente é maior e cada vez hai menos mozos para subir aos montes para facer os curros, por exemplo”, enumera.
Os cabalos, peza clave
O abandono do aproveitamento tradicional dos cabalos na Serra do Xistral ten consecuencias moi negativas para os hábitats, xa que está a dar lugar á degradación dos queirugais e a súa sucesión cara a outras comunidades vexetais.
A Serra do Xistral caracterízase tradicionalmente pola presenza de gandería extensiva en convivencia con cabalos salvaxes e a súa función é de vital importancia. “Son fundamentais para conservar os queirugais, xa que as bestas son as que controlan o toxo e manteñen abertas as zonas de pasto. Os comuneiros sábeno moi ben, xa que aínda que apenas lles xeran ganancias económicas directas pola súa pouca rendibilidade, cumpren unha misión fundamental nos montes e por iso as manteñen”, asegura Laura.
A reintrodución de cabalos para a restauración de hábitats é unha práctica nova en Galicia, pero empregouse con éxito en países como o Reino Unido
Por tanto, as ameazas que se aveciñan sobre esta actividade tradicional fan necesario o deseño e posta en marcha de solucións innovadores para garantir a súa persistencia. A reintrodución dos cabalos salvaxes para a recuperación de hábitats de montaña é novo en Galicia, pero utilizouse con éxito en proxectos de conservación e restauración levados a cabo principalmente no Reino Unido, empregando neste caso outras razas de cabalos, como a Exmoor.
Desde o proxecto Life in Common Land avaliouse a situación de partida da poboación de cabalos salvaxes no Xistral, mediante unha análise da distribución espacial das mandas, a súa estrutura social, comportamento e dinámica poboacional, así como o manexo que se realiza destes animais e o seu uso nos brezais húmidos atlánticos e as zonas de turbeira en cada comunidade de montes. A continuidade do aproveitamento tradicional destes animais favorecerá a conservación dos hábitats e, á vez, a preservación dunha poboación de cabalos endémica do noroeste peninsular.
Os cabalos salvaxes son unha peza fundamental dos ecosistemas abertos das serras galegas, e en concreto da Serra do Xistral, e son de vital importancia para a conservación dos hábitats de queirugais
Tamén se estudaron os diferentes conflitos derivados da presenza de cabalos salvaxes, como as zonas con maior risco de accidentes causados por estes cabalos nas estradas. Os accidentes de tráfico por presenza de animais nas vías, tanto cabalos como vacas, son un problema importante nas zonas de serra. Para evitalo, convén reducir no posible o acceso dos animais ás vías principais e concienciar aos usuarios que transitan por estas vías secundarias.
Contribución da gandería extensiva: biodiversidade e cambio climático
As actividades agrogandeiras tradicionais da ZEC Serra do Xistral presentan unha función importante na conservación da biodiversidade. A gandería extensiva e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes contribúen a manter os queirugais e turbeiras, hábitats prioritarios de conservación para a Unión Europea.
Así mesmo, as turbeiras cumpren un papel importante na mitigación do cambio climático pola súa capacidade de fixar carbono, polo que a relación establecida entre a gandería extensiva e a conservación destes ecosistemas constitúe un modelo de aproveitamento sostible dos recursos naturais.
No ano 2014 a Serra do Xistral foi declarada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000, ocupando unha superficie de 22.964 hectáreas
A grande extensión do mosaico de turbeiras e brezais húmidos na Serra do Xistral motivou que o territorio incluído nesta ZEC fose cualificado como o conxunto deste tipo de hábitats de maior valor para a conservación da biodiversidade do noroeste Ibérico. Concretamente, as turbeiras de cobertor presentes na serra non teñen comparación no suroeste Europeo.
Ao longo dunhas 2.694 hectáreas, as turbeiras de cobertor cobren a modo de manto os cumes de suave relevo da Serra do Xistral e constitúen un importante almacén de CO2, que se libera cando se degradan, polo que as accións encamiñadas a mellorar a súa estrutura e funcións inflúen directamente na loita contra o cambio climático. As turbeiras conteñen ademais información paleoambiental fundamental para o estudo da historia do clima e, por tanto, para comprender mellor a súa evolución e buscar estratexias de adaptación.
A Serra do Xistral posúe o conxunto de brezais húmidos e turbeiras de maior valor para a conservación da biodiversidade do noroeste Ibérico, incluíndo un complexo de turbeiras de cobertor sen parangón no suroeste Europeo
As turbeiras altas atópanse distribuídas por toda a serra, como pequenas manchas, aproveitando as acumulacións de auga provocadas polo relevo, ocupando unhas 245 hectáreas. Finalmente, os brezais húmidos tapizan grandes superficies, un total de 2.276 hectáreas, coloreando os montes na primavera, durante a espectacular floración da Erica mackayana.
Proxectos de Ordenación Forestal con visión ambiental
Das 11 CMVMC presentes na Serra do Xistral, 7 delas (Laxa Moura, Vilacampa, Santo Tomé de Recaré, Frexulfe, Silán, Tenente e Xistral e A Balsa) redactaron o seu Proxecto de Ordenación dentro do proxecto Life in Common Land, cubrindo unha superficie de case 3.000 hectáreas.
Financiados por este programa europeo, estes Proxectos de Ordenación foron xa aprobados polas respectivas asembleas das Comunidades de Montes, celebradas durante os meses de febreiro e marzo deste ano, e a documentación remitida á Xunta para a súa aprobación definitiva.
Do resto de Comunidades, Miñotos e Montouto están a traballar actualmente na súa redacción, Bullo tiña xa Proxecto de Ordenación vixente e no caso do Cadramón non foi financiado polo Life pero si redactado seguindo as súas principais liñas de actuación.
Os Proxectos de Ordenación Forestal normalmente son máis produtivos e céntranse só no aspecto madeireiro ou como moito de pastos para o gando en determinadas zonas, pero poucas veces teñen en conta aspectos ambientais
“Aplicamos un modelo de xestión que parte do estado actual, establecendo uns indicadores doados de medir e unhas recomendacións para chegar a un bo estado de conservación dos hábitats. Ese modelo xeral para todo O Xistral plásmase despois nos Proxectos de Ordenación individuais de cada Comunidade de Montes, que é a ferramenta que temos para traballar. Os Proxectos de Ordenación Forestal normalmente son máis produtivos e céntranse só no aspecto madeireiro ou como moito de pastos para o gando en determinadas zonas, pero aquí búscase compatibilizar o aproveitamento do monte cos obxectivos de conservación dos hábitats”, explica Laura.
Esta experta enxalza o labor dos comuneiros, xa que asegura que “basicamente trátase de continuar o que os comuneiros levan facendo toda a vida pero poñéndoo en valor, porque iso serve para conservar os hábitats e por iso queremos plasmalo nun documento de ordenación e xestión dos montes”, argumenta.
Desbroces mecánicos e eliminación de piñeiros
Os Proxectos de Ordenación parten do estado actual, cunha avaliación dos hábitats e poboacións de cabalos salvaxes. Entre os indicadores estarían a altura da matogueira, a porcentaxe de toxo, ou a porcentaxe de matogueira fronte a herbáceas. “Estes indicadores permitenlle aos comuneiros e a nós mesmos ver facilmente cales son as zonas que están mal e nas que habería que actuar”, indica Laura.
“Mediante indicadores sinxelos identificamos a saúde e o estado de conservación dos hábitats de gran valor ecolóxico para despois actuar sobre eles se é necesario”
A partir desa avaliación previa, levan a cabo unha serie de accións demostrativas de conservación que executa e paga o programa Life e que son acordadas coas CMVMC. Entre outras accións que se están levando a cabo estaría a eliminación de piñeirais que se plantaron nos anos 70 en determinadas zonas que son prioritarias. “En turbeiras de cobertor das zonas altas hai anos dedicáronse a plantar piñeiros coa esperanza de crear riqueza, pero hoxe teñen un metro ou dous de altura e, aínda que serven de refuxio para o gando, prexudican a turbeira. Son traballos moi delicados para que a saca non prexudique o ecosistema”, conta.
Outras accións que se están levando a cabo en distintas Comunidades de Montes é a recuperación de brezais que están dominados por toxo mediante rozas mecánicas e o seu posterior mantemento cos cabalos. Para iso ás veces é necesario modificar peches para permitir a entrada dos cabalos a zonas ás que non podían acceder. “En Santo Tomé tiñan unha zona de matogueira que quedara dentro dunha zona de pasto, á que non deixaban entrar aos cabalos, só ás vacas. Modificouse o peche para que os cabalos axuden a recuperar o pasteiro”, exemplifica Laura.
Axudas en función do estado de conservación
Pero quizais o aspecto máis novidoso do proxecto que se está levando a cabo no Xistral sexa o ensaio dun sistema de retribucións aos propietarios en función do estado de conservación natural dos seus terreos, un enfoque totalmente distinto ao que se aplica actualmente en axudas como a PAC. “Ao final do proxecto vaise facer un ensaio de pagos por conservación, é dicir, neste modelo de xestión en base a resultados de conservación non só che van pagar por ter tantas vacas en tanta superficie, senón por como se atope esa superficie, é dicir, van pagarche por ter o hábitat ben conservado en función de indicadores obxectivos”, explica Laura.
Os 300 comuneiros do Xistral recibirán un primeiro pago no 2022 dentro do proxecto Life con fondos europeos deste programa, pero a intención é que estas compensacións continúen no futuro dentro dos fondos do PDR.
No 2022, os 300 comuneiros do Xistral recibirán un primeiro pago en función do estado ambiental no que se atopen os seus montes
Suporía un cambio de filosofía acorde coas novas directrices de Bruxelas, reflectidas por exemplo na reforma da PAC, que se empezará a aplicar a partir do ano 2023 e consistente en retribuír ao agricultor e gandeiro polo seu labor de conservación do medio ambiente.
“En Life in Common Land realizamos un seguemento sobre o estado de conservación dos hábitats de alto valor presentes na Serra do Xistral e cada ano completamos un informe sobre o estado de 3 hábitats concretos (brezais húmidos, turbeiras altas e turbeiras de cobertor) en base aos mapas de hábitats elaborados. Esta análise permitiranos coñecer a saúde destes ecosistemas e, unha vez finalizadas as accións do proxecto, canto mellor sexa o seu estado, maior será o beneficio que obterán os 11 Montes Veciñais en Man Común participantes no proxecto”, explican.
Modelo extrapolable a outras zonas de Galicia
Aínda que O Xistral constitúe en moitos aspectos un hábitat único e o modelo de xestión aplicado en base a resultados de conservación é tamén único, podería ser aplicado tamén noutras zonas de Galicia con presenza de cabalos salvaxes no monte, como a zona de Mondoñedo ou das Pontes na zona norte de Galicia, considera Laura.
“Creamos modelos selvícolas de conservación de hábitats compatibles coa produción gandeira e a presenza de cabalos salvaxes para aplicar en Proxectos de Ordenación Forestal, é un modelo que está pendente de aprobación pola Xunta pero podería aplicarse noutros lugares aumentando desta forma a replicabilidade do proxecto Life levado a cabo no Xistral”, afirma.
O modelo selvícola creado para o Xistral, que fai compatible aproveitamento e medio ambiente, e o sistema de xestión en base a resultados de conservación ensaiado, poderían aplicarse noutros espazos naturais
Os integrantes do proxecto teñen claro que para o éxito dun programa ambiental resulta imprescindible implicar á poboación que vive nestes espazos protexidos na súa conservación e na xestión do territorio. Por iso, o proxecto Life in Common Land busca incorporar aos comuneiros na ecuación espazo natural + usos tradicionais = conservación, dado que as actividades que desenvolven modelan a paisaxe e o seu mantemento resulta imprescindible para a conservación destes hábitats.
O seguinte paso sería a valoración por parte do conxunto da sociedade dese labor e o pago polos servizos ecosistémicos, é dicir, a valoración económica da conservación natural. En Galicia, resalta particularmente a importancia das Comunidades de Montes que, coa súa peculiar figura de propiedade e xestión en común da terra, constitúen unha ferramenta de conservación da paisaxe tradicional e da súa diversidade.