Programa das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, centradas na gandería de precisión

Publicidade
Data inicio: 08/11/2018
Data fin: 09/11/2018
Lugar: Facultade de Veterinaria, Lugo, España

A décimo sexta edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro terá lugar os días 8 e 9 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo e, como vén sendo habitual, a asistencia será libre e gratuíta.

As novas tecnoloxías ocuparán un lugar destacado dentro da programación deste ano. Varios técnicos de Seragro (Federico Romero Yuste, Víctor Fuentes Veiga, José Luis Míguez Vázquez, Albino Iglesias Varela e Patricia Gómez Presa) abordarán o papel destas ferramentas en campos como a reprodución, a podoloxía, o muxido, a alimentación e a xestión a fin de camiñar cara a unha gandería de leite cada vez máis precisa e máis rigorosa.

Outro dos pratos fortes do programa vai ser a mesa redonda sobre o uso actual dos xurros en Galicia e os condicionantes no futuro. Nela intervirán Juan Castro, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Juan Álvarez de la Puente, da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da CE, e un representante da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (aínda sen confirmar).

Entre os relatores invitados este ano atópanse María Somolinos Lobera, veterinaria especialista em Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos, que falará sobre o tratamento intelixente da auga, e o doutor Bruno González-Zorn, que disertará sobre un tema de máxima actualidade no sector: as resistencias aos antibióticos.

O veterinario Francisco Javier Blanco Murcia abrirá a xornada do venres cunha charla sobre o impacto económico das coxeiras e, a continuación, Iván Ansia Vázquez, veterinario asistente de investigación na Universidade de Illinois (EE. UU.), exporá un relatorio sobre nutrición e socialización da recría para lograr unha lactación máis produtiva.

O encontro continuará coa intervención de Carlos Á. Hernández Mariscal, xerente de Control de Produción da Asociación Holstein de México, sobre eficiencia como resposta aos retos económicos nos establos leiteiros. Despois será a quenda do veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Jesús Camba Méndez, que afondará no valor da vaca morta.

Coma sempre, haberá un espazo dedicado ás experiencias dos gandeiros. Esta vez desenvolveranse tres charlas sobre tres estratexias distintas para a produción de leite. Ricardo Gómez, de Outeiro SC, expoñerá a súa experiencia coa raza Jersey; Santiago García Souto (Finca La Asunción) falará sobre a súa vida dedicada á frisona, e Jesús Perfecto Fernández Pérez (gandería de Pazos SCG) explicará as características do sistema ProCROSS.

A clausura correrá a cargo da química e divulgadora científica Déborah García e incluirá o tradicional brinde do leite.

Descarga aquí o programa

CARTEL_XORNADAS_SERAGRO_2018 lr

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información